UN DÍA ALUCINANTE

 

            Ben, colegas, vouvos contar algo que me pasou a  min na realidade, pero podédelo tomar como vós queirades.

            Eu saín un sábado coma outro calquera, pero todo cambiou aí ás 5:30 da mañá; esta sería unha hora razoable para irse, pero non foi así xa que, en vez de marchar para  casa, marchei cuns amigos  para Portugal. Imaxinade, despois dunha boa borracheira, e sen durmir en toda a noite (¡que domingo de resaca!, ¿non?) irme para  Portugal, pero así foi. Fíxosenos o domingo día 11 pola mañá  case en Portugal.

            Pasamos o Miño, e a min xa me parecía outro mundo, cambiou todo, parecía un mundo morto sen ninguén por ningún lado, parecía desértico (perdoádeme, enroleime e aínda non dixen qué íamos facer a Portugal : xa ben saben os afeccionados  ós rallys que se celebra do día 8 ó   11 o Tap-Rally de Portugal, puntuable para o campionato do mundo).

            Despois dun longo camiño en coche con curvas cerradiñas e as rodas case prendendo lume, chegamos ó lugar desexado (o primeiro tramo do día). Aquelo cambiaba todas as miñas ideas de Portugal: había un "mazo" de xente e, polo que parecía, toda española (xente tola polos coches,¡coma nós!).

            E por culpa da néboa non puidemos ver ese tramo, xa que foi anulado, pero non acaba aí todo, xa que arrancamos para o último tramo do día, imaxinade....coas présas que tiñamos ¡o mellor rally fixémolo nós! (ben, o que conducía).

 

            Chegamos, e xa os comisarios se puxeron a berrar con nós por pasar polo tramo, xa que estaban a pasar os coches (os comisarios son coma aquí a Garda Civil, así que mandámolos a ...); aquelo era todo unha lameira, pero, a pesar diso, puidemos ver a Carlos Saenz; Tommi Makinen, Marcus GrÖnholm, e os seus WRC, coches preparados á perfección, pero o alucinante era velos pasar polo menos a uns 150 km/h, por un lugar onde se outros pasaran a 100 km/h romperían en anacos.

O máis gracioso foi ó final da mañá, xa que fomos ó parque de asistencias pero xa estaban recollendo todo. Despois de ver todo, iamos marchar pero - non sei cómo- un colega  deuse feito cunhas defensas  (pouco rotas, a peor, a traseira, "pero ¡ná!") dun Subaru, e alá marchamos con ela ó lombo, e toda a xente miraba para nós.

            Pero o máis alucinante disto é que os pilotos xogan a vida a todas horas ó volante, (pero cunhas ....que ben) e o alucinante foi velos de cerca,  xa que o vives ti mesmo, a velocidade á que pasan  e todo iso. Recoméndovos a experiencia se o podedes ver.

 

                                                                                    M.L.C.