UN DÍA TRÁXICO.
O día estaba soleado, ía calor e non se movía unha folla. Era un día perfecto para pasalo na praia. Chamei a Lola para que me acompañase, e dixo que non podía vir, pero que Raúl, o seu irmán maior, non tiña nada que facer e tampouco fixera plans, así que podía acompañarme el.
Aquel
ía ser un día perfecto. Raúl e eu entendiámonos ben, e a min, aínda que nunca o
recoñecera abertamente, sempre me gustara aquel rapaz.
Quedaramos en que me recollería ás dez, e alí estivo coma un cravo. Pasamos a mañá na praia e despois fomos xantar a un restaurante que había preto. Alí, para o meu asombro , Raúl confesoume que estaba namorado de min, que sempre o estivera, pero que nunca mo dixera porque era a mellor amiga da súa irmá pequena e non se atrevera. Sen lugar a dúbidas, aquel era un día perfecto, quizais o máis feliz da miña vida.
Pola
noite volvín saír con Raúl, levoume lonxe, a unha discoteca que el
coñecía. Pareceunos raro atopar alí a
Lola cun vello compañeiro, pero eles marcharon logo e nós quedamos sós.
Eu
non podía crer o que estaba pasando; Raúl, o home da miña vida, por fin era
meu.
Aquela
noite ningún dos dous tomamos alcohol para poder conducir.
Xa pasaba das catro cando Raúl me dixo que
era mellor volver para a casa e eu díxenlle que estaba de acordo. Montamos no
coche e saímos á estrada.
Cando
xa levabamos uns vinte minutos de camiño, vimos que un coche circulaba cara a
nós en dirección contraria. Raúl tentou esquivalo para non chocar, pero foi
inútil, e co impacto do golpe precipitámonos
por un barranco. Supoño que eu perdín o coñecemento, porque non lembro o
golpe da caída.
Ó espertar doíame todo o corpo, pero non parecía que tivese
feridas importantes, só un pequeno corte na fronte, pero nada máis.
No momento en que mirei para o meu lado, vin que Raúl estaba
ferido na cabeza tamén e parecía non ter coñecemento, porque estaba apoiado coa
cabeza no volante e tiña os ollos pechados. Tentei espertalo, pero foi inútil.
Collín o móbil e chamei unha ambulancia. Non tardou moito en chegar. Mentres,
volvín tentar espertar a Raúl, pero non podía, parecía imposible. E tanto que o
era, porque de camiño ó hospital dixéronme que estaba morto. Eu non podía
crelo, agora que as cousas ían tan ben, isto non podía pasar, ¡non!, era un golpe
demasiado forte para min.
Estabamos todos inconsolables, a súa familia, os nosos
amigos, e, por suposto, eu.
Tiven que ir declarar á comisaría, e cando lles dixen a
matrícula do coche que nos dera o golpe, que nin eu mesma sei como puiden
lembrar, dixéronme que se trataba dun conductor que conducía habitualmente
baixo os efectos do alcohol, pero o meu asombro aínda foi maior cando souben de
quen se trataba…