Xa estou aquí, despois duns escasos minutos, atravesando
unha nada luminosa, por fin cheguei, pero estou só, supoño que será un tempo
que os de aquí arriba me conceden para que reflexione e me xulgue a min mesmo
antes de que o fagan eles.
A miña nena non o merecía, só tiña trece anos e aqueles
homes arrebatáronlle a vida porque a cor da súa pel facía que a
considerasen un ser inferior.Eramos a
única familia negra que habitaba naquela vila dirixida por brancos;ó principio
a convivencia non foi doada, as miradas e as murmuracións eran continuas, pero
co tempo aquel pesadelo transformouse nun soño que o consideramos imposible: conseguimos
o respecto daqueles que nos miraban por riba do ombro e fixémonos un lugar
naquela vila.
Pero moi pronto o soño no que viviamos tornouse de novo aínda
peor, a miña nena, a miña pequena apareceu tirada ante min, co seu corpo
espido, chea de de sangue, os ollos abertos de par en par e cun corazón que
deixara de latexar.
Aquela imaxe aínda me persegue agora, e foi o estímulo que
me conduciu a toma-la xustiza pola miña man, xa que tras a denuncia e xuízo, os
culpables daquel cruel asasinato quedaron libres de culpa.
Pero a cousa non foi igual, cando era eu, un negro
culpable dun delicto, o que se atopaba ante o xuíz.
De nada serviu o coñecemento da historia, ninguén
entendeu a reacción dun pai ó que non só lle mataron a filla senón que tamén
foi testemuña da ineficacia da xustiza ante un caso que era tan evidente, testemuña
dunha discriminación vergoñosa no século no que viviamos.
Eu era culpable, culpable dun asasinato que nunca debín
cometer, pero foi a xustiza, esa mesma xustiza que me condeou a morte a que
puido evitar o meu acto, froito dunha ira incontrolable, se no seu momento
condenara os auténticos culpables desta historia.
Hai escasos minutos, pouco antes de chegar aquí, puiden
sentir probablemente o que sentiu a miña filla e aqueles dous homes cando me
viron ante eles buscando vinganza; dirixíame cara a cadeira eléctrica e toda a
miña vida pasou ante min á velocidade da luz sabendo que ía morrer e co medo de
non saber o que me ía atopar ó cruzar a temida fronteira que me levaría ó
descoñecido e temido por todos.
Agora xa sei o que hai, estou aquí arriba esperando a que alguén poderoso decida a onde se dirixe a miña alma, se ó lado da miña pequena ou ó lado dos seus asasinos.