| |
Páxina seguinte
UNHA NOVA PROMESA DA LITERATURA GALEGA CON RAÍCES NA TERRA
DE MELIDE
Inma López Silva, natural de Santiago e asidua dos lares
melidenses (a súa familia é orixinaria de Santiso),
licenciada en Filoloxía galega, con só 24 anos xa
publicou unha noveliña, Neve en abril; un libro de relatos,
Rosas,corvos e cancións; participou no volume Narradoras,
e acaba de agasallarnos coa publicación da súa primeira
novela longa, Concubinas.
Concubinas é unha novela na que se recollen todas as formas
de amor posibles: amores imposibles, amores frustrados, vinganzas
por amor, amor en tempos de guerra, en tempos de paz..., protagonizado
polas mulleres da familia Zumálave. Unha novela na que se
producen brincos ó pasado, épocas memorables para
Carme Sálvora, unha das protagonistas, cando sementaba éxito
no Moulin Rouge e cos seus pintorescos amigos intentaba loitar en
contra de Hitler e a súa dictadura; e ao presente, onde Inés
se lamenta pola súa mala sorte cos homes, xa que cada un
que se namora dela acaba morrendo.
Chea de personaxes e anécdotas moi curiosas que se van entrelazando
facendo unha novela nada monótona, desenvolvéndose
nun escenario mítico chamado San Eirís, onde o párroco
é inmortal e cada 18 de xullo o río Furel (non sabemos
por qué se chamará así) baixa con auga vermella.
Desde aquí recomendámosvos esta novela na que Inma
López fai uso dun moi coidado estilo literario.
Laura Ramos Rúa
Marta Blanco Rodríguez
María García Torreiro
B2A
|
|