| |
................... .........................................................................Páxina
5 >>>
A DIGLOSIA NON SUPERADA
GOETHE ESCRIBÍA EN PERFECTO CASTELÁN, SEGUNDO O XACOBEO
Johann Wolfgang von Goethe, como ben saben os que se mergullaron
algo a fondo na filosofía e na literatura universais, naceu
na cidade alemá de Frankfurt alá pola metade do século
XVIII, e morreu tamén na mesma Alemaña. Como esas
persoas saben, trátase dun pensador e literato de talla mundial.
O que ocorre é que Goethe sempre escribiu en alemán,
e non se lle coñece ningunha obra en español. Vai
un exemplo dun título dunha obra súa para demostrar
en que idioma escribía o bo do Johann, sen que pretendamos
asustarvos con el, ¿eh?: Die Wahlverwandschaften, datada
en 1809.
Vén todo isto a conto porque a Consellería de Familia,
e a entidade que xestiona o Xacobeo en xeral, acaba de colocar uns
paneis na rota a Santiago, que en diferentes idiomas, empezan cunha
cita do tal Goethe: "Europa fíxose peregrinando a Compostela".
Unha cita afortunada, certamente, pero tan toscamente presentada
que acaba por producir unha xenreira incontrolable entre aqueles
e aquelas que aínda cremos neste país. Si, porque
na versión inglesa, as palabras do noso autor preséntanse
en inglés; na versión castelá, preséntanse
en castelán; pero, atención, na versión galega
APARECEN EN PERFECTO CASTELÁN.
Os responsables dos paneis saben ben que Goethe non escribía
en castelán. O que non chegaron a comprender aínda
(e por iso non deberían seguir no posto que ocupan, porque
quen non coñece o país que administra non debe seguir
administrándoo) é que a diglosia que arrastramos desde
séculos atrás nos levou a confundir todo o bo co castelán.
Pero tamén é certo que a situación diglósica
que sufrimos desde tan atrás debera ir superándose...,
e, amigos e amigas do Xacobeo, se queredes poñer as palabras
de tan insigne autor no seu idioma orixinal, poñédeas
en alemán, pero se pretendedes que se entendan, non confundades
á xente e traducídeas ao idioma que esteades utilizando
no resto do texto.
Falando disto nos corredores do instituto, por certo, dúas
persoas que viven no Concello d'O Pino contáronnos que o
partido que goberna nese lugar acaba de sacar unha revista moi ben
editada e moi ben redactada, en pulcro galego. Non obstante, nun
momento dado, o redactor acode ao "Diccionario da Real Academia
Española" e despois ofrece catro ou cinco significados
diferentes dunha palabra que pretendía aclarar. Outro caso
máis de diglosia, porque xa sabedes que, afortunadamente,
temos moreas de dicionarios de galego, algúns mesmo editados
pola Real Academia... Galega.
¿Superaremos algún día a diglosia? Si, naturalmente,
pero para iso fai falta entre outras cousas, que nos administren
persoas que crean en nós. Mentres tanto, seguiremos vendo
cartos públicos despilfarrados co obxectivo de seguir demostrando
que o noso idioma é inferior.
|
|