Sumario

 

A   BIBLIOTECA  MUNICIPAL

 

 

A Biblioteca Municipal de Melide comezou a funcionar en outubro ou novembro do ano 1977 (non se sabe moi ben a data exacta, xa que non aparece no rexistro do Concello). O Ministerio de Cultura aportou ao comezo 2500 volumes e o concello de Melide comprou 500 exemplares máis. Pouco a pouco, o número foise incrementando ata chegar aos 14400 volumes que había no antigo local da biblioteca.

 

Como todos sabedes, esta cambiouse de local hai unhas semanas; con este cambio expurgáronse 2000 volumes que estaban moi deteriorados debido ao moito uso e a que algúns comezaban a quedarse antigos, como pode ser o caso dalgúns libros de economía, por exemplo, e a que outros estaban moi repetidos e non compensaba  telos nos andeis ocupando sitio xa que se lían moi pouco. En consecuencia, hoxe, na nova Biblioteca, atópanse uns 12000 volumes. Por certo que, na historia da Biblioteca,  hai tres nomes a destacar: D. José Hermida, D. José Carrera e D. Fernando Somoza, tres mestres xubilados que catalogaron os fondos e a botaron a andar. 

 

A este novo local poden acudir todos aqueles que queiran, pero os que desexen levar libros para a casa teñen que facer un carné de socio/a. Para isto só fai falta unha foto (aínda que non sexa recente) e hai que pagar 0.60€ anuais, aínda que dentro de pouco xa non haberá que pagar nin iso, será completamente gratuíto. Así que todos aqueles que vos queirades facer socios/as, xa sabedes o que tedes que facer.  

 

O motivo de que  haxa que facerse socios para levar os libros a casa é que os peregrinos que pasaban pola vila levaban os libros e non os devolvían, non porque os quixesen roubar (habería de todo) senón porque se esquecían de devolvelos, e cando se lles acordaba, xa era moi tarde e a Biblioteca estaba pechada. Así se chegou á conclusión de que todos aqueles que non se fixesen socios, e polo tanto non tivesen os seus datos rexistrados, non poderían sacar os libros do local da biblioteca, e só poderían consultar os libros alí, e así se segue facendo hoxe en día.  

 

Nesta Biblioteca encóntranse as últimas novidades tecnolóxicas, como, por exemplo, internet. Gracias á rede, podemos encontrar con máis facilidade o libro que nos interese sen necesidade de ter que acudir á bibliotecaria. Existe ademais un programa, "MEGA", no que aparecen todos os libros que hai na biblioteca e o lugar onde se poden encontrar. Dentro duns anos a Biblioteca contará cun avance máis: estará en rede; é dicir, non necesitaremos saír da casa para saber se hai ou non o libro que necesitamos na Biblioteca; isto será de moita utilidade incluso para outras Bibliotecas.     

 

A Biblioteca é válida para todos aqueles que queiran facer traballos, ou simplemente estudiar, pois é un lugar moi acolledor, aínda que algúns días, mércores e xoves en concreto, non é aconsellable, pois hai moita xente e, como é normal, hai un pouco de ruído..     

 

Por último, cabe destacar que, na Biblioteca, non só podemos encontrar libros, senón que tamén hai xornais, revistas, música (clásica sobre todo), vídeos.... que, ao igual que os libros, tamén se poden levar para a casa (¡sendo socios/as claro!).

 

Pois, xa sabedes: se aínda non sodes socios/as, ¡tranquilos!, estades a tempo. Só tes que facer unha pequena parada cando vas cara a "NOELA" ou o "J.L". Agora non vale a escusa de que queda moi lonxe. ¡¡¡¡¡Ahhhhh!!!!, case non nos lembramos de felicitar a Ángeles por aguantar aí dende o comezo. ¡NORABOA!

 

MÓNICA RODRÍGUEZ VALIÑO & M.JOSÉ SÁNCHEZ CARRICOBA