|
A nova televisión. |
|
|
|
En pouco máis de dous anos a televisión española experimentou un
enorme cambio, tanto cuantitativo como cualitativo, co nacemento dun novo
paradigma televisivo. Esta nova televisión nacía da man de Gran Hermano, un concurso absolutamente
innovador baseado en amosar a un grupo de
individuos na súa convivencia diaria,
e que, para asombro de moitos, se converteu nun fenómeno de masas. Trala estela do Big Brother xurdiron iniciativas menos afortunadas,como El Bus, pero que facían patente que os novos formatos, se instalaran xa
na sociedade española. Programas como Gran Hermano ou Operación Triunfo, convertéronse por arte e gracia da pequena pantalla nos resucitadores das audiencias multimillonarias aletargadas dende a aparición das cadeas privadas de TV. Gracias ó fenómeno Operación Triunfo a segunda cadea de TVE logrou ser, por primeira vez na súa historia, o programa máis visto do día. Sen dúbida poucos españois conseguiron ser indiferentes a estes movementos de masas que camiñan da man da palabra polémica. Con estes novos programas instauráronse na sociedade novas modas
á vez que resucitaba o fenómeno fans
cunha vitalidade que nin nos seus mellores tempos. Os protagonistas de Operación Triunfo ou Gran Hermano pasaron a formar parte
dos fogares españois e a ser o tema de conversación nas rúas e cafeterías.
Sen embargo, toda moeda ten dúas caras, e as durísimas críticas a estes
fenómenos mediáticos non tardaron en aparecer. Verdade é que programas como estes
suscitan un gran debate na sociedade, e que xunto cos máis vehementes afagos
tamén estaban as máis acaloradas críticas.
Namentres que os creadores de Gran
Hermano o tildaban de estudio sociolóxico, os contrarios ó programa
dicían que era unha forma lamentable de satisfacer o morbo dos españois. Algo que se soe esquecer á hora de falar de Operación Triunfo, Confianza Ciega, Gran Hermano, etc. é analizar
que é realmente o que engancha ós espectadores, que se lles ofrece para que
se convertan en fieis seguidores dos programas. Estes fenómenos sociais son
en ocasións revisados como simple entretemento e perda de tempo en vez de
observar o comportamento intrínseco do programa e da súa audiencia. Poucos se paran a ver que Gran Hermano é para moita xente un
xeito de fuxir da vida cotiá e dos
seus problemas e atoparse con que os demais mortais tamén choran e rin. A
televisión pasa de ser un elemento exclusivo para uns poucos e convértese nun
terreo dominado pola xente da rúa. As audiencias agradecen verse identificadas
na televisión, obsérvanse a si mesmas reflectidos noutros membros da súa
comunidade e iso gústalles. A proba disto atópase en Operación Triunfo onde valores
como “proletario”, “obeso”... foron decisivos para a victoria. Este novo xeito de facer televisión, que moitos critican, non é
máis que un método innovador de ofrecerlle ó público o que desexa ver, pero
non entendendo iso como a satisfacción dun instinto voyeur, senón como unha
nova modalidade de entretemento que nace da idea de verse reflectido na
pequena pantalla. Programas como Gran
Hermano conseguen que miles de persoas se escapen da súa vida diaria e se
metan noutras vidas distintas experimentando novas sensacións lonxe de guións
ensaiados, teleseries e culebróns que usan e abusan dunha mesma idea unha e
outra vez ata a saciedade. O público agradece as creacións innovadoras e iso
demóstrao a través das audiencias. Aínda que incrible, podemos atopar testemuños que afirman que
gracias a programas como Gran Hermano “saíron dunha depresión”, ou que son o motivo polo
que a súa existencia ten sentido. Algo que as ratios das audiencias non din e
que se esquece nos estudios de medios é que moitos destes programas son
vistos por xente maior que non sabe en que pasar o tempo, por xente que pasa
crises na súa vida e que atopa un anaco de entretemento co que non pensan nas
desgracias... Nun país cunha alta poboación maior de sesenta e cinco anos que
pasa os días sen saber que facer ou sen ter para que mirar, atopa nos rapaces
de Operación Triunfo ou nos de Gran Hermano unha compañía diaria, un
tema de conversación, e un modo de entreterse. Estes programas permítenlle un
alto grao de interactividade, dan a oportunidade ós telespectadores de influír
no futuro dunha persoa coa que manteñen unha relación anónima. Pode que chegados a este
punto vexamos nesa nova xeración de programas xa non só un simple instrumento
de merchandising, que o é, e satisfacción das expectativas de morbo dos
espectadores, senón tamén un novo paradigma televisivo que se basea nas necesidades reais dos televidentes
e foxe de estereotipos anteriores “mellor vistos” por certos grupos. Os que descualifican
programas como Operación Triunfo e Gran Hermano fano dende unha posición distinta á dos
espectadores. Critican en base a argumentos xerais aplicables a todos os
programas, pero non atenden ós aspectos positivos do formato. Quédanse só na
visión epidérmica, non analizan as consecuencias colaterais. Neste punto é imprescindible lembrar que os expertos nos mass
media critican en moitos casos este tipo de programas ignorando que rebasan
audiencias de catorce millóns de telespectadores. Algo teñen que ter estes
espacios para que se convertan en auténticos fenómenos mediáticos. Vai sendo
hora de que a creación dos novos
productos se faga na rúa e non en despachos de altos executivos que só se
basean en números para preparar a parrilla televisiva ignorando as
verdadeiras demandas dos espectadores. Hai que pararse a analizar as razóns
polas que dous productos similares teñen éxitos moi distintos. Xa vai sendo hora de rematar
co mito de que “ o meu programa favorito son os documentais da segunda
cadea”. Lorena García Calvo |