Sumario

 

A TORRE DE BABEL

 

 

 

O albanés

 

Equipo de Normalización Lingüística

 

Iniciabamos no número anterior de INTRES, unha serie de pequenos artiguiños que, baixo o título xenérico de “A TORRE DE BABEL”, pretenden achegarnos á realidade lingüística dunha Europa onde se falan –máis alá das recoñecidas oficialmente- arredor dunhas 225 linguas.

 

Na nosa viaxe polo continente, detémonos neste número no albanés, unha lingua falada, como é natural, en Albania, pero tamén noutros lugares que agora veremos. E escollemos o albanés por dúas razóns. A primeira, porque Albania foi o país europeo que máis tarde se incorporou ao capitalismo globalizador agresivo que padecemos na actualidade, sendo a súa historia un caso tremendamente singular no mundo –lembramos, por exemplo, como rompeu relacións coa extinta Unión Soviética ou mesmo con China, estando os seus gobernantes convencidos de que estes dous macroestados traizoaran o verdadeiro socialismo-. A segunda, porque a etnia albanesa non só habita Albania, senón unha parte importante dos Balcáns -¿acórdaste do conflicto de Kosova, por exemplo?-, exercendo tamén de emigrantes en moitos lugares do mundo.

 

O albanés é, en definitiva, unha lingua indoeuropea falada nun total de cinco estados: Albania, Iugoslavia, Macedonia, Grecia e Italia. Un total duns seis millóns de persoas, aproximadamente, aínda que é complexo coñecer o seu número exacto, por varias razóns. En primeiro lugar, as guerras dos Balcáns provocaron enormes desprazamentos de poboación en Montenegro, Kosova, Macedonia... Por outra, e dado o nivel de desenvolvemento do seu país, os albaneses exercen de emigrantes en diferentes partes do mundo, sobre todo en Italia, a onde chegan de maneira semellante a como os inmigrantes subsaharianos atravesan o estreito de Xibraltar. Tamén debe ser tido en conta á hora de contabilizar os falantes de albanés, que o estado grego non recoñece no seu seo a existencia dunha comunidade duns 300.000 albaneses que están esparexidos por boa parte do territorio grego.

 

En Albania hai arredor de tres millóns e medio de falantes de albanés, dunha variedade do idioma denominada tosk, que é a lingua oficial do estado. En Albania hai, non obstante, tamén algunhas minorías lingüísticas, como a grega.

 

En Iugoslavia fálase o albanés en Kosova, pero tamén en zonas de Montenegro e Serbia. Na Iugoslavia socialista, os albaneses tiñan recoñecidos todos os seus dereitos lingüísticos, cousa que non sucedeu, como é sabido, despois. Os cidadáns iugoslavos falantes de albanés empregan a variedade do idioma chamada gueg.

 

En Grecia, aínda que non hai datos oficiais, como xa adiantamos, debe haber uns 300.000 falantes de albanés.

 

Finalmente, en Italia existe unha comunidade duns 250.000-300.000 albaneses desde tempo atrás. Deles, seguen falando o seu idioma uns 100.000. En Ucraína e Bulgaria existen tamén pegadas deste idioma.

 

Lembrámosche que para unha información máis completa sobre o mosaico lingüístico europeo podes acudir á obra de Xosé Henrique Costas titulada Guía das linguas de Europa, editada por Edicións Positivas, en Santiago, no ano 2002. É unha obra que podes consultar na nosa biblioteca.

 

ENL.