|
DE NOVO EN PORTADA |
|
|
|
¿Onde raios te atopabas, meu
humilde vello?, non sei cómo te amañas que nunca estás onde debes estar. A información escaseaba, o caos ía medrando e ata se prohibía chamar ás
cousas polo seu nome: na TVG, a marea negra non existía, denominábase nos
informativos simplemente “contaminación petrolífera marítima” ou algo
semellante e o que eran manchas quilométricas eles víanas como pequenas
manchas escuras. Os políticos márcanse goles, xogan ó fútbol botándose a culpa uns a
outros baseándose en rumores. Poida
que así consigan algúns votos máis, si señor, iso chámase democracia limpa. A
democracia de ¿quen ten a culpa? Ti, eu, el o PSOE, o PP, o BNG,...a
democracia percebeira, perdón, mentireira quería dicir. Estamos fartos de discursos
mainiños para amansar ó persoal, de facernos crer que en seis meses haberá de
novo percebes, de a ver se o marisco se volve ouro e o petróleo un simple
adorno, a ver se nos contan outras historias e esquecemos axiña isto. O mes de novembro do 2002 será para sempre e para tódolos galegos e
galegas de ben, sinónimo de angustias, impotencia, rabia e inxustiza. As nosas praias negras coma a cinza
O certo é que as praias
galegas cinguíronse de cor escura, tan escura coma a cinza; as augas, as
rochas, a area, os peixes, ... todo semella unha crúa paisaxe negra que
tardará moito en recuperarse e parte dela poida que nunca se recupere pois
¿quen é capaz de ir limpar as zonas perigosas que só coñecen os sufridos percebeiros? Síntome indignada, ferida e afectada, unha veciña de Santiso é galega e
por iso tamén lle quere ó mar tanto coma os que viven moi pretiño del. Son consciente de que moitos pensarán, “éche unha mágoa”, pero ¿que lle
imos facer?. Non podemos dicir iso pois todos debemos axudar, botar unha man,
hai moitos xeitos de ser útil nestes momentos, por exemplo poñendo o traxe e
volvendo ás praias dispostos a traballar, a colaborar minimamente porque
tamén hai xente que vén de tódolos currunchos a axudar a Galicia. Menos fotos, por favor Menos fotos políticas e máis solidariedade, por favor. A desgracia volve
xunto a milleiros de galegos e por moito que ocorra a partires de agora, por
moito que nos bombardeen nas noticias con outros sucesos para esquecernos
deste, o mal está aquí. Non é crítica nin intención de ocupar a páxina desta nosa revista Intres
cun artigo de actualidade. A culpa ignoro quen a ten, a estas alturas iso é o
de menos, xa que do que se trata é de que os danos non aumenten. Sexa como sexa, estes accidentes deberían terse previsto porque xa pasou
varias veces, pero parece que nunca aprendemos. Pero, ¿que clase de
seguridade temos no noso mar?. O mar tamén precisa que o protexan igual que
calquera outra cousa. Está ben de deixar entrar na nosa costa calquera
cangallo vello que provoca desfeitas como esta. Debería haber medidas
concretas ¡XA!, e non agardar a que o mar se encha de merda, as familias
queden sen traballo, os mozos e mozas emigren coma antes e tódolos nosos
peixiños de Galicia morran se remedio posible. ¡Que demo de política é esta, carallo!, por culpa duns pallasos mirade
como andamos. Menos conto e máis traballo Menos conto e máis axuda
que con saír na televisión con vinte cámaras non vale. Xa abonda, outra vez
nas portadas dos xornais, nas conversas de toda a xente, outra vez polo
mesmo. ¡Que imaxe demos en toda Europa, que vergoña! Dende aquí, dende a revista do IES de Melide apoio e confío en que os
nosos mariñeiros volvan logo ó mar, á súa casa. Así poderemos admirar, coidar
e gozar da nosa costa galega, ÚNICA. ¡ÁNIMO GALICIA!
“Só unha opinión” NATALIA BLANCO -
1ºBACH. -B |