Sumario

 

DESPRESTIXIO NEOLIBERAL

 

 

 

            No ano 1995 Percy Barnevik, presidente dunha multinacional sueca de equipamentos eléctricos definía a globalización neoliberal do seguinte xeito: " Entendo a globalización neoliberal como a liberdade para a miña multinacional de investir onde queira, o tempo que queira, para producir o que queira, comprando e vendendo onde queira e suportando os mínimos atrancos posibles en materia de dereitos laborais e de convenios sociais".

            Unha declaración coma esta resume perfectamente a filosofía neoliberal e o capitalismo salvaxe no que nos vemos mergullados: toda a liberdade para as empresas e tódalas cargas para os Estados ós que lles fan o favor de permitirlles acollelas, pero esixíndolles limitar ao máximo os regulamentos xa que de non ser así , acabaríanse indo a outros países.

            Desde Reagan a Thatcher, que creron ferventemente no éxito desta doutrina neoliberal, modificáronse un gran número de leis e regulamentos, encadrando a economía nas regras anónimas e inhumanas dos mercados.

            Estas transformacións iniciadas nos anos 70 deron un enorme impulso ao desenvolvemento das multinacionais: nos dez últimos anos, o seu número duplicouse, iso significa que desde 1990 ata hoxe creáronse tantas multinacionais coma nos cinco séculos precedentes.

            É evidente que liberalizar así as iniciativas privadas dos máis poderosos ao servicio exclusivamente dos seus propios beneficios carrexa moitas veces catástrofes, "custos" que os defensores desta salvaxe filosofía consideran o prezo inevitable que hai que pagar polo progreso. Por outra banda, as multinacionais seguen a estar fóra do ámbito de aplicación de sancións e por riba das leis e dos gobernos. Estes son meros títeres de aquelas.

            Podemos ver no curso dos últimos decenios numerosos exemplos. No mes de decembro de 1984 na India, a emanación dun gas tóxico dunha fábrica de pesticidas provocou a morte de 2.500 persoas; a compañía americana responsable deste xenocidio, Union Carbide, eludiu por completo as súas responsabilidades. En marzo de 1978, o naufraxio do Amoco Cadiz provocou, preto das costas bretonas a decimoséptima maré negra da historia. O petroleiro Exxon Valdez derramou miles de toneladas de petróleo contaminando centos de quilómetros de terras virxes en Alaska. En decembro de 1999 o Erika naufragou preto das costas francesas. Os danos producidos neste caso foron imputados ás multinacionais petroleiras Exxon e Total, que se fixeron parcialmente cargo do desastre ocasionado á poboación e á natureza, aínda que as cicatrices destas catástrofes permanecerán durante moito tempo nas costas e nas almas dos mariñeiros.

           

 

 

 

            Hoxe tócanos a nós. A decimooitava maré negra provocada polo Prestige, quizais a máis letal da nosa historia, énchenos de chapapote as nosas costas, arruína a vida de  milleiros de mariñeiros e estraga un dos ecosistemas máis ricos do mundo. O verquido letal non só destruíu a natureza e a economía dos mariñeiros, senón tamén a nosa identidade.

            O pobo galego sentiuse abandoado por un Estado inexistente e por uns políticos insensibles, preocupados soamente por xestionar as contas do Capital . Os galegos, máis orfos ca nunca, decatáronse de que só se tiñan a eles mesmos e que só podían contar coa solidariedade dun voluntariado altruísta alleo ó pensamento único. Os mariñeiros tatuaron con chapapote nos seus brazos a palabra desengano  e os galegos de interior, parafraseando a Manuel Antonio, naufragamos en terra . Esta vez trátase dun naufraxio existencial.

 

                                                                                              NUNCA MÁIS

                                   Fermín Freixido.