Sumario

 

EU SON . . .

 

 

 

 

Eu son unha peza máis do xadrez do destino, unha das miles de millóns de persoas que forman a humanidade.

Eu son outra desagradecida persoíña que se dedica a contamina-lo planeta,  sendo tan egoísta e tan cega como para crer que podemos chegar e destruír o máis prezado tesouro que temos polo feito de sermos seres racionais que o sabemos todo cando só nós temos nas nosas mans o mellorar as cousas.

Son unha rapaza afortunada que, como moita outra xente tende a esquecer a sorte que ten e ignora que esta vida é un fermoso agasallo.

Formo parte dese inmenso grupo de xente que non é capaz de lle dar ás cousas a importancia xusta e que vive máis días grises que ledos.

Só son alguén que lle ten medo á vida, que lle ten medo á morte, alguén que vive coa inquedanza do saber quen é, que fai e a onde vai.

Son outra persoa que se deixa engulir inevitablemente pola sociedade sen querer recoñecelo, outra débil persoa que quere poder confiar e se deixa enganar, que sofre, e inconscientemente fai sufrir, que necesita ter e dar cariño, que se deixa levar polas emocións e que ama por enriba de calquera cousa a amizade.

Son alguén que ri, que chora; que quere, que odia; que se enfada e que perdoa, que non pode controlar as súas emocións.

Son unha persoa máis que se entristece, se enfurece ou se avergoña ó recordar momentos do seu pasado ignorando que a elección correcta é aprender del e non fuxir, unha persoa que tamén se asusta co que pode vir, sen decatarse de que o único que é real é o presente, que non existe pasado nin futuro.

Alguén máis que esquece que un sorriso, unha aperta ou un biquiño son o máis fermoso que nos poden agasallar. Alguén que tamén esquece ás veces dicir e demostrar ás persoas que quere o que sente por elas cando non debe ser así.

Son outra persoa máis, tan sinxela como complexa, unha persoa que se prometeu a si mesma mellorar todas estas cousas, porque, como persoa que son tamén posúo esperanza, a esperanza ¡¡de  chegar a ser mellor!!

 

 

 

ALBIÑA