Sumario

 

FALANDO DE MACHISMO

 

 

 

Acabo de escoitar un deses chistes machistas que tanto me fan ferve-lo sangue. O certo é que non sei moi ben se o que sinto é mágoa, odio, ou simplemente noxo por todas aquelas persoas que se aferran ó machismo.

Supoño que podería clasificar os meus sentimentos en diferentes tipos de casos e persoas:

1- Odio a todos aqueles homes que se cren superiores por ser sinxelamente iso, homes. Esas persoas de mente plana que se nos impuxeron ás mulleres dende o principio dos tempos obviamente (creo eu) por teren máis forza física, os mesmos que non son capaces de utilizar a fría lóxica, os mesmos energúmenos sen personalidade que actúan de maneira irracional, coma se de animais se tratasen.

Son eses homes que cren que o posto das mulleres está entre as cazolas e ca escoba nunha man e a fregona na outra, os mesmos que pensan que somos escravas postas aí á súa vontade. Aqueles que che arrebatan a túa vida social. E non quero dicir que estes homes non te queiran, iso non hai por que poñelo en dúbida, pero obviamente son homes que non chegarán nunca a respectarnos como as súas iguais. Non vou con ánimos de ofender.

Sigo odiando moi profundamente a estes homes cando a súa falta de recursos e lóxica os impulsa a  desafogarse coas súas familias cando chegan cos fumes subidos á casa e non provocan máis que sufrimento, dor e incluso morte ó seu redor. Eses homes que cren que a súa compañeira sentimental é un obxecto da súa posesión e lle pegan á mínima. Os que chegan á casa e violan e maltratan á súa esposa, espreméndolle ata a última pinga de dignidade, facéndoa sentir non máis que “un pouco de merda” só por ser muller, roubándolle a alegría de vivir e convertendo o seu amor en terror e a súa vida en morte.

Non é imaxinable todo o sufrimento que teñen que soportar estas mulleres que intentan cubrir cun tupido veo a cruel realidade que as rodea, que teñen medo estando nas súas propias casas co home que elas crían o axeitado. Sen atreverse a abri-la a boca, sen atreverse a contarlle a ninguén o seu pesadelo probablemente pola falta de eficacia da xustiza, tendo así que pasar a súa vida nunha gaiola, agochando as súas feridas e recibindo máis golpes que caricias ¿por que? ¿por que esta inxustiza tan grande? Só porque o seu amor lle fixo escoller a persoa equivocada, ó home que non a respecta, que machaca as flores do seu propio xardín, a un destes homes que eu tanto odio, a unha destas persoas que non merece a vida porque lla arrebata a outros sen a máis mínima compaixón.

A miña mágoa máis profunda vai dedicada ás mulleres, si, ás mulleres, as mulleres machistas que son as primeiras en poñerse por inferiores e crer que a súa vida debe xirar en torno a un home e as súas necesidades, as que cren que dependen dun ser do sexo oposto para realizar as súas vidas, sen un mínimo de independencia económico nin social.

Espero, amigas miñas, que abrades moi ben os ollos e vos deades conta de que somos igual de persoas ca eles e podemos facer unha chea de cousas e chegar moi lonxe sen depender de ninguén.

E por último, sinto noxo, mooooito noxo cara aqueles homes que nos consideran obxectos sexuais (igualmente cara as mulleres que se deixan considerar o mesmo) que quede moi clariño que detrás dunha cariña de anxo e un corpo perfectamente modelado hai unha persoa que vale moito.

Danme noxo todos aqueles homes que lle berran a unha cousas (obscenas ou non tan obscenas) cando se pasa ó seu carón. Eu non sei se cren que nos están botando piropos que deberían resultar aduladores, quizais o fan para incordiar ou simplemente están aburridos. O caso é que actúan coma animais en celo berrando todas esas parvadas e o único que conseguen é dar noxo. Aínda han de pensar que a alguén lle importa a súa opinión sobre as“tetazas da rubia” ou o “cuazo da morenaza”, a min non, dende logo.

Pero cando máis noxo dan e cando se cren con dereito de tocar “as tetazas da rubia” ou “o cuazo da morenaza” coma se foran obxectos de exposición e logo argumentan que “a rapaza é unha ___ mira como vai provocando con esa roupa” por favor, en que mundo vivimos. Oxalá souberan o traumatizantes que poden chegar a ser. Unha pena.

Xa vedes, así están as cousas. Pero o caso é que tampouco hai que ir tan lonxe porque cousas coma “que os homes se emborrachen está mellor que que o  fagan as mulleres” ou “a meu fillo fulanito déixoo saír ata máis tarde que a miña filla menganita aínda que ela sexa maior, como é muller..” e milleiros de detalles máis son reflexo dunha sociedade na que aínda queda moito por recorrer para chegar á igualdade.

Somos diferentes si, pero dende logo nin mellores nin peores, ningún sexo debe estar sometido ó outro. Respecto mutuo señores/as, respecto mutuo.

E diríxome principalmente a vós amigas, nós somos as primeiras que temos que ter claro o que queremos cambiar, somos as primeiras que debemos considerarnos absolutamente feministas.

Pola contra, tod@ aquel/a que se considere machist@ debe reflexionar moi profundamente na súa ideoloxía e pararse a buscarlle unhas bases coherentes ó seu modo de ve-las cousas, bases que, ó meu parecer, non existen. (Albiña)