Sumario

 

FUCO

 

 

         O nove de decembro de 1967 chegou a Vilamaior un mozo chamado Chimba, inmigrante de orixe peruana que sobreviviu á viaxe dende o seu país oculto nun camión con mercancía.

         Como era lóxico, a nova noticia corría a fume de carozo polo pobo. Ía de boca en boca, de xantar en xantar, comentábase na taberna, na igrexa, nas tendas..., non se falaba doutra cousa. Xamais ocorrera algo semellante a non ser na televisión, e iso soaba moi afastado.

         Serafín era o comerciante que sen darse conta cargou no camión uns sacos de roupa onde o Chimba se agochara. A xente da vila, en asemblea no bar de Tomás, pediulle a Fuco (como era coñecido Serafín Dubarte) que non se desfixese do rapaz porque era un crime. E logo de moito parolar e moito barullo decidiuse que Chimba quedaría e á vista do resto, sería un sobriño de Fuco que volvera a Galicia.

         Mercáronlle roupa, ensináronlle novas tarefas, déronlle de comer e, sobre todo, proporcionáronlle un fogar, alcumárono o Fuco Pequeno.

         Por suposto que na vila, chea de anciáns sabios, ninguén amosou interese nin preocupación polas autoridades, eran outros tempos.

         O Fuco Piquiño axudaba na adega, no taller de costura de Serafín (composto por doce mulleres que facían tecidos), nos labores da casa... traballaba con gusto e dáballe xeito.

         Integrárase perfectamente, ata xogaba no equipo de fútbol e atopara a Xiana, unha fermosa rapariga moi xeitosiña cun sorriso e unha simpatía que daba ledicia vela.

         Logo de finar Serafín, o peruano ocupou o seu lugar dirixindo o negocio e sen esquecer o resto dos labores.

         Pero, cando ninguén se lembraba do comentado suceso, apareceu alguén que botou a perder a tranquilidade de Vilamaior.

-         Síntoo na alma, teño que deterte e devolverte ó Perú, xa que es un inmigrante ilegal, dixo o sarxento.

¡Ninguén o podía crer! aquilo era unha obra do demo, unha

 condenada inxustiza.

         Rogáronlle ó xuíz, á Xunta e ata ó Ministerio... foi en vano. Fuco Pequeno partiu de Vilamaior no coche da policía un día chuvioso do mes de febreiro de 1980 con só vintesete anos, dos que trece foran agarimo, experiencias e felicidade. Volveu así feito un home á súa terra cada vez máis pobre.

         Aínda hoxe agardan o regreso do seu peruano Xiana e o seu fillo Farruquiño. “Non se preocupen, tramitaremos o caso”, dixo o Sr. Ministro. Non volverá.

         O taller pechou, os anciáns morreron, a taberna xa non é taberna. A vila está chorosa cos seus días paseniños recordando o rapaz que lles ensinou cantares, contos e lles trouxo aires ledos en agradecemento a aquela hospitalidade propia dos galegos.

         Fuco Pequeno fuxiu da miseria, tiña todos os dereitos a ser unha persoa feliz con un traballo e unha vida digna.

¿Cantos Fucos deberán volver á miseria?

         É inxusto, e ¿que podemos facer?

         Respostade vós mesmos e a vosa conciencia.

 

                                                                                    NATALIA

                                                                                          1º BAC.