A HARRY POTTER NON O DEIXAN FALAR GALEGO
|
|
|
|
O
pasado mes de novembro estreouse en España a nova película de Harry Potter gracias
á cal puidemos comprobar outra vez máis a situación discriminatoria que sofre
a nosa lingua nos nosos días. Seguro que xa sabedes a estas alturas que a
nova historia de Harry Potter no cine foi traducida ó catalán para que
tódolos rapaces e rapazas de Cataluña poidan gozar coas súas aventuras na súa
propia lingua. Pero aquí todo é diferente e unha vez máis deixamos que nos
discriminen sen parecer que nos preocupe nin que nos afecte demasiado. O
director xeral de Warner Sogefilms xustifica a negativa a traducir ou
subtitular ó galego a película porque di que non hai mercado para o cine na
nosa lingua. Pode ser certo o que afirma a compañía Warner pero, ¿como se
produce unha demanda se non hai unha oferta cinematográfica? ¿como queren que
a xente se acostume a ver cine en galego se case non hai películas dobradas ó
galego?. Ademais o director de Warner dixo que se os galegos querernos ver a
Harry Potter en galego temos que agardar uns dous anos ata que a TVG faga a
dobraxe. Sen dúbida algunha, persoas e empresas como a Warner que amosan unha
nula sensibilidade pola problemática actual do galego son os que están
axudando a acabar coa nosa lingua. O CASO CATALÁN En
Cataluña pasou algo distinto xa que foi a propia Generalitat a que pagou os
gastos de dobraxe despois de que numerosos partidos políticos e institucións
do país criticaran o feito de que a compañía Warner non quixera traducir ó
catalán a nova aventura nas pantallas de Harry Potter. De seguido o goberno
de Jordi Pujol tomou cartas no asunto e conseguiu que dobrasen ó catalán esta
nova película igual que xa se fixera o ano pasado con Harry Potter e a
cámara dos segredos. Parabéns a tódolos nenos e nenas cataláns por poder
gozar das aventuras de Harry Potter na súa propia lingua. Moitos galegos e galegas seguiremos
soñando con ver algún día normalizada a nosa lingua.
EQUIPO DE NORMALIZACIÓN LINGÚÍSTICA (ENL) |