Sumario

 

OS INFERNOS DA MITOLOXÍA CLÁSICA

 

         Os Infernos dos antigos gregos, tamén chamados Hades ou Tártaro, eran o lúgubre lugar onde ían parar a maioría dos mortos. Só se salvaban do Hades aqueles que polas súas fazañas gañaban a eterna felicidade nos Campos Elíseos ou os heroes de sobresaliente que eran admitidos no Olimpo, como Heracles.

         Os mortos, guiados polo deus Hermes (Mercurio romano), chegaban ata a entrada dos Infernos, cruzaban o río Leteo, onde esquecían todo o que lles ocorrera na vida, e pagaban o barqueiro Caronte un óbolo para que os pasase a outra beira da lagoa Estixia.   Na porta do mesmo Inferno estaba o último obstáculo a franquear: abrandar  a Cérbero, o terrible can de tres cabezas que facía as veces de porteiro, para poder entrar e que a súa alma non ficase vagando toda a eternidade nos arredores do Tártaro.

Unha vez entrados no mundo do deus Hades, antes de chegar a ver ó seu novo señor e a súa dona Perséfone, debían ser xulgados polos xuíces infernais para saber que lugar debían ocupar.

O lugar máis temido era o dos castigos, nel atopábanse personaxes famosos condenados a castigos eternos polas inxustizas cometidas en vida. Estaba Tántalo, rei de Lidia, que por roubar a ambrosía que facía inmortais ós deuses, fora condenado a pasar fame e sede eternamente; pois atado debaixo dunha árbore froiteira  e mergullado ata a cintura na Lagoa Estixia, as augas e os froitos fuxían cada vez que intentaba collelos. Famoso era tamén o castigo de Sísifo, rei de Corinto que revelara unha "aventuriña" de Zeus, e que debía subir unha enorme rocha ata o cumio dun monte para deixala caer e volvela a subir de novo. Chamaban a atención das ánimas as Danaides, 49 fillas de Dánao que asasinaran os seus esposos na noite de vodas, e foran condenadas a encher unha fonte do xardín de Hades collendo auga da lagoa Estixia con xerras furadas.

Mal podían imaxinar os gregos que noutro lugar dos confíns da Terra, que tamén tiña moito que ver coa Morte, milleiros de persoas debían limpar praias, case area por area, e raspar rochas coas mans para sacar un monstro negro e viscoso, que o día seguinte aparecería de novo vomitado polo mar. Un castigo digno de Infernos mitolóxicos, pero sen culpas claras por parte dos seus poboadores ¿quizás ter a mala sorte de vivir nun recuncho do mundo, por onde pasan petroleiros vertendo fuel e todo tipo de materias tóxicas? ¿Tal vez non ser capaces de ter un goberno digno e competente que estudiase como libralos deste suplicio infernal?

Sísifo non podía libarse de subir eternamente a súa rocha, nin as Danaides de encher constantemente unha fonte que se baleiraba; pero ¿estamos resignadas as galegas e galegos a seguir soportando este castigo interminable?.

NUNCA MÁIS

O Departamento de Grego.