Sumario

OS PRINCIPAIS DEUSES GREGOS

 

 

 

         Contan os antigos gregos que Cronos, un titán fillo de Urano (o Ceo) e Xea (a Terra), apoderouse do trono do ceo tras ferir e expulsar del ó seu pai. Cando Cronos casou coa súa irmá Rea, un oráculo reveloulle que sería destronado por un dos seus fillos; por iso cada vez que Rea daba  a luz, devorábaos. Deste xeito enxendrou e devorou a Hestia, Deméter, Hera, Hades e Posidón.

Estando Rea embarazada de Zeus, farta xa de perder ós seus fillos, fuxiu a Creta, deu a luz en segreto nunha cova do monte Dicte e entregoulle a Cronos unha pedra envolta en pañais, que el enguliu sen chegar a sospeitar. Cando Zeus se fixo maior deulle ó seu pai unha droga e conseguiu que vomitase a todos os seus irmáns que devorara. Todos eles declararon a guerra ó seu pai e tras dez anos de conflicto conseguiron derrotalo.

Donos do mundo, Zeus e os seus irmáns procederon a repartilo e gobernalo:

 

Zeus quedou como deus principal, "pai dos deuses e dos homes". No reparto a el correspondeulle o ceo e todas as súas manifestacións (a chuvia e o lóstrego); quedou tamén ó coidado da xustiza e velaba polo respecto dos hóspedes. Atribuíuselle como animal a aguia. Casou coa súa irmá Hera, tivo dous fillos, Hefesto, deus do lume, e Ares, deus da guerra. Segundo a mitoloxía, as unións de Zeus con outras deusas e mortais foron moitas. Exemplos dalgunhas das súas unións son súa irmá Deméter, coa que tivo a Perséfone; con Mnemosine, a Memoria, coa que tivo ás nove Musas, a mortal Alcmena, coa que tivo a Heracles ou Hércules.

 

Hera protexía ás mulleres casadas e atribuíaselle o pavo real. O mito considéraa unha deusa celosa e vingativa, disposta a castigar a todas aquelas deusas ou mulleres coas que Zeus tivo relacións e ós seus fillos.

 

Posidón tiña o dominio do mar, dos ríos e dos lagos. Representábase cun tridente nun carro tirado por animais monstruosos, metade cabalos e metade serpes. Casou con Anfitrite, unha das Nereidas. Ó igual que Zeus tivo amantes e fillos, como Pegaso e Polifemo.

 

O mundo dos mortos correspondíalle a Hades. No seu reino das sombras gobernaba sobre as almas dos mortos. Raptou á súa sobriña Perséfone, filla de Zeus e Deméter, para convertila súa esposa. Compartían con el o seu reino un grande número de criaturas monstruosas, o Can Cérbero, o barqueiro Caronte, e as Erinias ou Furias, deusas que representaban a ira vingadora.

 

Deméter é a deusa dos cereais e represéntase cunha espiga. Segundo algunhas versións, uniuse con Zeus e tivo a Perséfone, que foi raptada por Hades.

 

Hestia era a deusa do lume do fogar.

 

            Despois de que os fillos de Urano e Rea repartiron o mundo, foron admitidos máis deuses.

 

Ares, deus da guerra, representábase cun casco, coiraza, escudo, lanza e espada. Transportábase nun carro de guerra. Dos seus amores con Afrodita naceu Eros, ou Cupido para os romanos. Ares é a imaxe sanguenta da guerra, mentres que Atenea, tamén deusa da guerra, representa a imaxe da intelixencia nas tácticas militares.

 

Hefesto, o ferreiro dos deuses, era o encargado de fabricar as armas dos heroes. Creou a Pandora, a primeira muller creada por orde de Zeus como castigo ós homes. Representábase coma un deus coxo e deforme. Uniuse coa deusa Afrodita.

 

Atenea naceu armada da cabeza de Zeus e é deusa da sabedoría e da guerra. Tamén era a protectora de Atenas. Os seus emblemas eran a curuxa, símbolo da intelixencia porque ve na escuridade, e a oliveira, que ofreceu como regalo á cidade de Atenas. Era unha das poucas deusa virxes do Olimpo.

 

 Afrodita, deusa do amor, naceu da escuma do mar. Estaba casada con Hefesto, pero eran coñecidos os seus amores con Ares, dos que naceu Eros, e con Adonis. Atribúeselle como animal a pomba.

 

Hermes, mensaxeiro dos deuses. Era fillo de Zeus e Maia, unha das súas amantes. Representábase cun sombreiro, o caduceo e unhas sandalias aladas. Tamén era o deus dos ladróns e das artes curativas, polo que o caduceo (bastón con dous serpes enroladas) úsase hoxe como símbolo da medicina.

 

Ártemis deusa da caza é o prototipo da deusa virxe, eternamente nova e contraria a manter calquera clase de relación con deus e mortal. Represéntase armada cun arco e acompañada dunha cerva, o seu animal favorito.

 

Apolo deus da luz, da adiviñación e da música, era o irmán de Ártemis e ámbolos dous fillos de Zeus e Leto, outra das súa amantes. Represéntase cun arco e frechas e coroado cunha rama de loureiro, a súa planta favorita dende que a ninfa Dafne se convertera nela para poder fuxir da súa persecución. tivo varias relacións e fillos, entre eles atópase Asclepio, semideus da medicina.

 

Dioniso, Baco para os romanos, era o deus do viño e das paixóns humanas. Fillo de Zeus e Semele, naceu da coxa de Hermes, despois de que a súa nai, preñada del, morrera cegada por querer ver a Zeus en toda a súa grandeza. Aparece coroado con follas de parra ou hedra e condúcese nun carro tirado por panteras. Tivo amores con Ariadna, filla do rei Minos de Creta, despois de que fose abandonada por Teseo na illa de Naxos.

María Salgado Vázquez. S3E