Sumario

 

O PRESTIGE E A NOSA IDENTIDADE

 

 

 

A afirmación de que realmente o que ten enriba Galicia, o que temos enriba todos os galegos e galegas, se vai medir exclusivamente por criterios económicos é producto dunha análise errónea da catástrofe. Tamén o é aquela outra que sostén que realmente o importante do caso é a cuestión ambiental, a recuperación, á fin, das costas.

 

Destas dúas vertentes da análise do problema, quedámonos coa segunda. Non é, obviamente, que desprecemos as indubidables repercusións económicas que vai ter, que está tendo, a marea negra, porque existen fondos para facerlles fronte –outra cousa, claro, é que teñamos a suficiente forza política para que eses fondos se poñan a disposición dos galegos e das galegas-. Tampouco podemos ser tan inocentes como para non pensar que moitos mariñeiros, mariscadores, comercializadores de peixe... terán que mirar de atopar outro medio de vida, mesmo que terán que facer as maletas.

 

Quedámonos cos efectos ambientais, insistimos, polo que o ghalipote implica de destrucción do país, do seu medio natural, si, pero tamén da súa armazón productiva. Cando ninguén esqueceu aínda -¿como facelo?- que o agro galego quedou hai pouco esnaquizado polo asunto das vacas tolas, un asunto tamén orquestrado pola man globalizadora asasina, descubrimos unha mañá un país plenamente aberto ao mar, pero sen costa..., sen peixe, sen marisco, sen praias, sen turistas que aluguen os pisos baleiros, sen veraneantes que enchan as tabernas da beiramar, sen...

 

A pregunta é, nestas circunstancias, qué queda de Galicia. Debe ser lembrado, tamén, que non se teceu ningún tipo de alternativa productiva que ofrecese saída aos desterrados do agro. O mundo rural galego é un inmenso ermo só habitado por anciáns. Tampouco cabe pensar que aqueles que non cren na nosa existencia, aqueles incapaces de demostrar que nada do que sucede aquí lles importa nada máis que para mantérense no seu poleiro, aqueles que fan uso permanente da desinformación, da mentira, da falta de capacidade para tomar decisións; aqueles aos que a súa altanería lles fai esquecer a opinión de quen coñece o mar, aqueles que ignoran o que significa o mar para os galegos e para as galegas, aqueles ineptos que son incapaces de prever as consecuencias –aínda que só fosen as políticas-, os covardes, os que só saben actuar con nouturnidade, con escurantismo nas súas estadías en Galicia..., tampouco cabe pensar, dicimos, que toda esta escenificación que pretende facernos interiorizar o noso fatal destino, forme parte de ningunha estratexia para recuperar as nosas costas, para ofrecer unha alternativa aos galegos e galegas que viven do mar.

 

Mentres tanto, sen embargo, a nosa identidade saíu reforzada da catástrofe. Nunca antes se viran en Galicia manifestacións como as que se celebraron por todos os recunchos do país. Nunca antes a nosa identidade como pobo se vira tan supetamente fortalecida. E este é o herdo que nos ten que deixar o Prestige. O futuro de Galicia pasa pola nosa capacidade de tomar decisións, de poñer en marcha iniciativas que rexeneren o noso campo, o noso mar, o noso tecido industrial. O futuro de Galicia pasa, en definitiva, pola nosa capacidade para seguírmonos sentindo nós mesmos, nós mesmas.

 

Cosme da Órrea.