RÍO BRAVO |
|
|
|
¡Teño
algo que contarvos! Si, si, a todos vós. Así que xa sabedes, ¡lede con atención,
eh! Pero lede a historia ata o final aínda que é cativa; é un consello que
vos dou para que logo os profes non nos digan a famosa e repetida frase:
“neniños, tedes que ler máis”, ... e bla, bla, bla (xa non sigo porque
sabedes todos como continúa a dita frase. Ben, e deixándome de rodeos, vouvos
contar a experiencia que tiven hai uns días, cando fun á representación
teatral da obra Río Bravo que tivo
lugar en Santiago, e xa non vos explico máis porque as referencias ben vos
chegan. Teño que dicir antes de nada que asistín a esa obra teatral, ademais
de porque perdía clase, pola curiosidade que tiña de ver en vivo e en directo
ó actor coñecido por todos nós como “Currás”. A
sala na que se representou Río Bravo,
coñecida co nome de “Nasa”, concordaba co ambiente no que transcorría a obra;
e, xa postos, vou describir a sala para que entendades a anterior frase.
Estaba máis ben escura, os asentos eran cómodos, tanto que case se me coa o
cu por el, o decorado era escaso pero moi ben adaptado, a música que había
molaba, pero aínda molaba máis a que tocaban e cantaban os actores, e xa non
me decato de máis detalles. Despois de tomar asento xunto cos meus
compañeiros, aparecen ás nosas costas un grupo de rapaces doutro instituto,
cos cales compartimos a obra, que, todo sexa dito, eran moito máis feos e
educados ca nós; e que conste que non estou facendo ningún tipo de
discriminación, tan só comparo, e se, neste caso, os de Melide saímos
beneficiados, ¡eu non lle teño que facer!: esa é a relaidade. A representación
baseábase nunha película do Oeste, e non vos vou contar o argumento porque é
mellor ve-la obra que contala, posto que alí tes garantidas unhas cantas
risadas. Como neste intre, e nunca mellor dito, non me lembro de moito máis
para dicirvos, vou rematar, aconsellándovos que, se tedes a oportunidade,
vaides ve-la obra Río Bravo, xa que
vos aseguro que non ides saír da sala sen rir. Ata outra. M. V. L. |