Sumario

 

SE EU FOSE PINO NO NADAL

 

 

 

       Desde pequena quixen saber o que lle podía pasar pola cabeza a un pino. Póñome na pen do pino e penso: son unha semente moi bonita e xoguetona, plantáronme no monte a min e ás miñas compañeiras, moi ledas polo noso crecemento, pero moi tristes pensando no final.

       Medramos xuntas moi unidas e contentas, os veráns eran alegres, pero os invernos eran tristes porque sempre chovía.

       Cando xa estabamos a un metro do chan, comezaron os nosos problemas, unha tarde falabamos entre nós do que queriamos facer nun futuro. Todas querían chegar a vellas e poder contar ós netos as súas aventuras de nenas, e algún día acabarían quentando algunha familia na súa casa. Pero eu non, o meu soño era ser pino de Nadal. E fíxoseme realidade, fun eu a elixida entre todas as miñas compañeiras nun día frío e dun aire tolo. Metéronme no capó dun coche e non me movín ata chegar á casa. ¡Ai, que casa! O meu soño xa estaba cumprido, pero o que me faltaba... dous rapaces colléronme do coche e plantáronme nunha maceta. Estaba moi feliz por chegar a onde quería.

       Caixas de adornos puxéronse ó meu redor. Xa me estaba empezando a asustar; ¡tantas cousas! bólas, cintas, papá noel, luces... nun abrir e cerrar de ollos quedei totalmente vestida.

       O primeiro día ben, o segundo non tan ben e o terceiro xa bastante mal. As luces xa me queimaban, botábanme moitísima calor, as miñas follas xa logo estaban secas; puxéronme unhas bólas dun lado que moito pesaban e do outro non me puxeron case nada, por iso xa me doía o lombo. ¡Ai, meu Deus, que vida máis arrastrada! Nunca pensei que fora así, quen me dera fóra de todo isto.

       Menos mal que xa remataran as festas do Nadal ¿Que farán agora comigo? vinme aliviada de todo o peso que tiña, pero xa estaba acabada, agora si que xa era a miña fin. Alí, guindada na eira, puxen fin ós meus días.

                                                        Verónica Mella

                                                               1ºBAC-C