Sumario

 

UN MUNDO DE PORCOS

 

 

Á MARXE.

 

UN MUNDO DE PORCOS

 

Por Lorena García Calvo                                                                                                   .

 

   Nun mundo de tolos rodeados de contaminación, ruido, atascos, e todo tipo de elementos capaces de trastornar a calquera, xorde a pregunta de se existe o paraiso. Pois ben, a resposta é sí, ou polo menos é sí para os porcos. O de porcos vai polos cochos de toda a vida, non por eses de nova adquisición que non teñen rabo nin andan a catro patas.

 Ó igual que os humanos, os ranchos tamén sufren as inclemencias do mundo que lles tocou vivir, e iso nótase no seu aspecto físico, así que a solución é sinxela: crearlles un lugar de recreo e dispersión no que poidan vivir ó seu aire, un Caribe para porcos.

Igual que nos pasa ós homes, hai uns cantos membros da sociedade que xa poden disfrutar desa vida de conto de fadas, pero a maioría aínda teñen vedada a posibilidade de experimentar as sensacións de estar ó aire libre, e iso non é xusto. Tódolos porcos deberían ter as mesmas posibilidades e poder chegar a unha vida mellor sen depender de se es fillo dunha porca dunha granxa de primeira ou se só es un ranchiño proletario.

  Os cochos necesitan liberdade, contactar coa natureza, xogar sen preocupacións. Xa vai sendo hora dunha revolución dos porcos, abaixo os cortellos de dous por dous e arriba a vida no campo.  É o momento de defender un mundo igual, que non haxa un porco con máis comida ca outro, que non os discriminen polo seu lugar de nacemento. ¿ Acaso é xusto que namentra un se alimenta de manxares e pasea polo monte, outro só poida ter unha cunca de pienso coa súa dose de ormonas? Non, isto ten que cambiar.

 Chegou a hora da revolución marrá. Acabouse o elitismo do porco extremeño, abaixo a denominación de ibérico,  é o momento de loitar pola igualdade. Por un mundo no  que tódolos porcos sexan iguais.