| |
A música tradicional galega é fiel reflexo da súa
historia. Galicia posúe múltiples influencias que
se reflicten con forza na súa música. O seu instrumento
máis característico é a GAITA e a danza máis
popular, coñecida como muiñeira, parece recibir o
seu nome de que se realizaba inicialmente no interior dos muíños
namentres se esperaba.
No ámbito da cultura popular galega, a música ocupa
un lugar importantísimo. Dentro da fala popular, enténdese
por música tradicional ou folclórica a música
do pobo, a que se propaga de persoa a persoa por medio da súa
audición e que se aprende sen partituras.
PERCUSIÓN
Dentro da música popular, a percusión ocupa un lugar
insubstituíble xa como instrumento de acompañamento
ou como instrumento solista de certo tipo de bailes e cantos. Calquera
cousa que faga un pouco de ruído serve para acompañar
calquera peza musical.
Os instrumentos percutivos máis coñecidos e empregados
son o tamboril, caixa, bombo, pandeireta, pandeiro e cunchas. Pero
hai moitísimos máis: castañolas ou castañetas,
tarrañolas, charrasco, botella de anís, carraca, culleres,
morteiro ou unha lata grande de pemento.
Os instrumentos populares, no seu comezo, eran unha creación
individual máis ou menos lograda, que o pobo fixo súa
ó se sentir identificado con ela. Axiña se estenderon
por tódalas aldeas, parroquias e vilas e a xente adaptábaos
a unha función social determinada, xa de lecer, entretemento,
acompañando danzas, cantos ou no traballo.
Actualmente os instrumentos musicais perderon a función social
orixinal para a que naceran, e convértense en parte dun espectáculo
musical-folclórico.
Equipo de Normalización Lingüística (ENL)
|
|