| |
Hoxe en día hai pouca xente por aquí que non coñeza
a chamada Pena Moura. Pois ben, escóitanse por aí
varias lendas sobre este grupo de rochas situadas nos montes do
Bocelo.
Unha delas conta que hai centos de anos, cando vivían por
aquí os mouros, unha moura ía con todo o que lle facía
falta para fiar, nun fardo á cabeza. Cando estaba chegando
ó lugar onde actualmente se atopan as penas, empezou a sentirse
cansa, e entón pousou todo no chan, para descansar un pouco,
e dixo: Nin que foses de pedra. Entón converteuse todo en
pedra e empezou a medrar, ata chegar á altura que teñen
hoxe en día.
Outra lenda dinos que había polo monte un sacerdote ou un
frade, non se sabe moi ben, que fuxía dos mouros. Traía
consigo un altar de ouro, e, chegando ó lugar, sentou un
pouco nas pedras, pousando alí o altar de ouro. Entón
quedou durmido e, cando espertou, viu que unha enorme pedra medrara
no lugar onde deixara o altar e que este quedara dentro da pedra.
Tamén hai unha lenda, que é unha das máis coñecidas,
que fala de que facendo unhas obras nunha casa cerca dese lugar,
encontraron un libro moi antigo, no que se falaba da pedra máis
pequena, e dicía que debaixo dela había unha pel de
boi chea de moedas de ouro. Así, xuntáronse os homes
da aldea e puxéronse a cavar ata que lle deron a volta. Non
encontraron nin a pel nin as moedas, pero o que si encontraron foi
unha inscrición na pedra que dicía: "Bendito
e loado, xa bastante tempo estiven do outro lado"
A Libélula
(Información sacada de: WWW.Sobrado.es.com)
|
|