| |
Non coñezo ningunha peza teatral máis desacougante
e claustrofóbica coma a escrita por Jean Paul Sartre e representada
por primeira vez no ano do remate da Segunda Guerra Mundial. Estamos
na época de esplendor do existencialismo, doutrina filosófico-humanista
que analiza o absurdo da existencia e da condición humana
despois dunha época de enorme conflictividade e que rematou
na maior contenda bélica do século XX.
Huis Clos, así se titula o drama que nos concerne e que se
traduciu á nosa lingua por A porta pechada , sitúase
nun escenario moi singular: unha habitación sen portas nin
fiestras, coas luces acesas día e noite onde permanecen,
non se sabe desde cando, distintos personaxes suportándose
as miradas e condenados a convivir. O dramaturgo pon en boca de
Garcín, a modo de epílogo, as seguintes palabras:
" Entón é isto o inferno. Nunca o podería
crer............Lembrades: o xofre, o carniceiro, a grella...............¡Ah!
menuda broma. Non se necesita grella: o inferno, son os Demais."
Esta é para Jean Paul Sartre a representación laica
do inferno. Para o humanismo ateo da época este non estaba
no mundo de ultratumba senón na propia Terra.
Nos anos cincuenta os filósofos existencialistas coincidían
en que xa se perdera toda a confianza no ser humano. A guerra é
a expresión máis escura do lado máis terrible
do Home, aínda que moitas veces a guerra e o amor utilicen
as mesmas armas. A mentira é posiblemente a máis eficaz
e recorrente.
Ionesco poucos anos máis tarde inaugura o teatro do absurdo.
Na súa traxicomedia titulada Rinoceronte (este mamífero
é unha figura alegórica do fascismo e dos totalitarismos
en xeral) Bérenger, o heroe protagonista deste drama, afirma
"a soedade mátame e a sociedade remátame".
Este é un pouco o resumo da dicotomía entre a necesidade
de vivir en sociedade e a misantropía que esta lle produce
ás persoas que se afastan do redil. Berenguer non quere converterse
en rinoceronte e reivindica a súa condición humana,
a diferencia dos seus semellantes que se mimetizaron coas correntes
totalitarias que percorrían a Europa da época converténdose
así en rinocerontes.
Nos momentos que estamos a vivir imponse unha vez máis a
reflexión. Despois dunha guerra absurda coma a que emprenderon
os Estados Unidos, o Reino Unido e España contra Iraq alegando
argumentos falaces, temos que dar paso a unha profunda reflexión
crítica e ó renacemento dun novo humanismo, ou quizais
teñamos que concluír coa frase de José Saramago
." O homem nao tem remédio ".
GUERRA, NUNCA MÁIS.
Fermín Freixido
|
|