| |
"¡¡¡TODOS XUNTOS XAMAIS SEREMOS VENCIDOS!!!"
No anterior número de Intres aparecía un artigo titulado
Todos xuntos xamais seremos vencidos. Sobre isto e sobre unha serie
de carteis (Menos política e máis educación)
que apareceron despois polo instituto gustaríame facer unhas
cantas reflexións.
1º- En primeiro lugar sorprende a escusa inicial "Antes
de comezar este artigo, temos que deixar claro que a nós
a política non nos importa nin nos importou nunca".
Hai por aí un "latinajo" que di "Excusatio
non petita, accusatio manifesta", que ven bastante ó
caso, porque resulta que ós abaixo non asinantes, si lles
interesa a política, ou polo menos moléstalles.
Nos últimos tempos hai un interese excesivo en satanizar
a política, e resulta curioso que xusto este interese parta
daqueles que viven e maman da política. Por exemplo, é
un conselleiro de educación quen acusa a alumn@s e docentes
de facer política nos centros educativos... el, por suposto,
non a fai. Enténdase que "facer política"
significa nestes contextos, única e exclusivamente, "disentir
do poder e non comulgar con rodas de muíño".
Os que asenten e se benefician "nunca" fixeron política.
Se facer política é tomar partido na sociedade, esixir
unha xestión competente dos problemas medio-ambientais, reclamar
xustiza ou tratar de evitar unha guerra, sempre inútil e
cruel, benvida sexa a política. Como ben dixo Aristóteles,
O home é un animal político, isto é un membro
activo da polis ou estado. Algúns xornalistas deron no cravo
cando, con respecto á cadea humana do 22 de xaneiro, publicaban
nos seus artigos que para moitos nenos este fora o primeiro acto
cívico no que participaran.
E para concluír con este punto, direi que , mal que nos pese,
a política está presente en todos os momentos da nosa
vida: o instituto está mantido pola administración
e esta depende da clase política. Ata no bocata que comes
no recreo pagas impostos con moi diversos fins políticos
e económicos.
2º- As frases referentes á catástrofe do Prestige
que apareceron pegadas polos corredores, foron o traballo dos alumn@s
de ciencias socias de 4º de ESO, realizadas na aula cando trataban
o tema do medio ambiente, que forma parte do currículo desta
materia. O equipo directivo anda demasiado ocupado, como para poñerse
a facer traballos manuais deste tipo.
Estas frases non trataron de reflectir a opinión da clase
política, senón a xestión do goberno ante a
catástrofe. Mirade ben por aí, porque nin sequera
había frases de xente do PSOE, como din os abaixo non asinantes.
A quen se lle pide contas é os responsables: Presidente da
Xunta, Vicepresidente do Goberno, Concelleiro de Pesca, Ministro
de Fomento, Delegado de Goberno...xa que eles eran os que podían
ter evitado parte da catástrofe. E con isto non quero negar
a que moitos políticos "váiselles o cazo"
e din auténticas barbaridades. (Como mal traducía
un alumno a frase Aristóteles: O home político é
un animal)
3º- Entenréceme a preocupación que senten os
autores do artigo cando din A nós non nos importa que poñan
estas frases por todos os corredores do centro por que xa as escoitamos,
pero, ¿como van pensar os nenos e nenas de 1º e 2º
de ESO cando lean estas frases? Estamos cans@s de oír clamar,
con razón, ós rapaces e rapazas de ESO o seu dereito
a participar en todos os asuntos do centro, e están fartos
de que os profes digamos ós de BAC "xa non son sodes
rapaces de ESO" para indicar que deben ser máis maduros.
Os máis pequenos do centro teñen voz tamén
e a capacidade de crer ou non o que ven e oen, por iso xa non están
no colexio.
Non hai que ter medo da liberdade de expresión sempre e cando
se use en termos de respecto. Penso que debemos dar un voto de confianza
ós demais e confiar na súa capacidade de elección.
4º- Paréceme unha afirmación gratuíta
encadrar ó equipo directivo nun partido político determinado.
Do mesmo xeito nós poderíamos encadrar os autores
do artigo no partido contrario, pero non imos facelo. Vivimos, de
momento, nun país libre e democrático onde, anque
a algúns lle gustaría, non hai partido único.
Os autores do artigo exercen un dereito lexítimo cando piden
a demisión do equipo directivo do instituto, ó igual
que o exercimos moitos cidadáns cando pedimos nas rúas
a demisión do goberno.
5º- Como docente síntome orgullosa de que no IES de
Melide houbese unha participación tan grande na cadea humana
do 22 de xaneiro. Creo que os 420 alumn@s que participaron fixérono
responsable e libremente. As actividades extraescolares son e sempre
foron voluntarias. Se non vos levamos a limpar praias é porque
non está permitido a menores de 18 anos. Moitos de nós
fomos a limpar e seguimos indo no noso tempo libre.
6º- Eu tamén estou de acordo en que deberíamos
loitar todos xuntos, pero non contra o Prestige, que por si so non
ocasionaría nada, senón contra todo o que hai detrás
del: empresas que pretenden enriquecerse cos mínimos medios,
leis de países que o permiten, administracións sen
capacidade de reacción ante unha catástrofe e gobernos
que non poñen os medios necesarios para que esto non se repita.
Pero para vencer nesta loita hai que gañar a primeira batalla:
conquistar o dereito á información.
E xa por último, creo que os autores do artigo deberían
ter en conta que os seus compañeiros e compañeiras
do instituto teñen, ó igual que eles, a intelixencia
e o espírito crítico suficientes como para tomar unha
postura responsable ante os problemas medioamabientais ou a guerra.
Nunha palabra, ó igual que eles non se deixan manipular,
tampouco o fan os seus compañeir@s.
Se non apostamos por unha educación que nos faga ser membros
responsables da sociedade, tratando os temas transversais, que están
nos currículos de todas as materias, como a educación
para a paz, a responsabilidade ante o medio ambiente, a non discriminación....non
teremos unha verdadeira educación integral. Ademais, retrocederíamos,
cando é propio do ser humano avanzar, ós escuros tempos
pasados que tiveron que sufrir os nosos pais.
A liberdade é unha conquista á que non debemos renunciar.
A sociedade estase enfrontado a graves problemas, coma unha catástrofe
ecolóxica e unha guerra, e a cidadanía érguese
con forza para dicir NON. Resulta arrepiante que se lles negue ós
cidadáns o dereito a opinar e disentir con campañas
difamatorias e listas negras, cousas sen precedentes dende os tempos
da dictadura franquista. NON COLABOREDES COS QUE NOS QUEREN TAPAR
A BOCA, NON TEÑADES MEDO, SEDE LIBRES.
Susana Losada
|
|