| |
Hai en Galicia moitas formas de representación popular do
Grande Axente Máxico, descendentes dalgunha forma semellante
ó mana, crenza..., dos pobos primitivos. Son estas o encanto,
o meigallo, os aires cativos, o mal de ollo, a fada, o gafo, etc.
Na bisbarra de Melide atopamos representadas as seguintes:
O AIRE
Esta influencia máxica que noutros lados apónselle
principalmente ós mortos e algúns animais e confúndese
a miúdo co atmosférico.
Apónselle unha influencia cativa ós remuíños
de aire. Cando ven un remuíño de aire adoitan poñerlle
a figa. Moitas veces o remuíño ven como castigo dalgún
pecado. En Melide, por exemplo, un día veu un remuíño
porque segaron unha pouca herba nun día santo. O remuíño
esnaquizou a casa, levou a cabeceira e púxoa nun ameneiro
podado e aporta levouna o aire de tal xeito que non a podían
soster, e estando termando dela, tirou á muller.
En Xubial aseguran que "polo aire veñen as boas cousas".
En Melide oíuse falar do aire dos mortos; en Toques, do aire
dos animais. Un rapaz un día falou do caso dun mozo a quen
unha píntega lle botou o aire nunha man e tívoa mala
e por pouco a perde.
O GAFO
As cruces de oliveira bendita de San Pedro Mártir póñense
contra o gafo nas portas das cortes.
O "gafo" e a "gafura" son expresións
empregadas en Galicia e Asturias para designar as influencias máxicas
ruíns, do mesmo xeito que as verbas "lurpio/a"
, "cativo/a"...
A FADA
A fada coñécese tamén como "mala fada".
Esta expresión conserva certa equivalencia con destino ou
sorte.
A mala fada pode vir dunha maldición.
En Moldes, o vello Torreiro volvíase lobo de noite por esta
causa, e tivo toda vida a fada ata que morreu non hai corenta anos.
Todo o mundo o sabía e todos tíñanlle respecto.
O MAL DE OLLO
É unha das crenzas máis extensas. Prodúceo
calquera que teña "mala vista". Semella que esta
é unha calidade innata e involuntaria. O que fai mal de ollo,
faino ó pesar seu. A idea deste poder indica un coñecemento
precientífico dos fenómenos hipnóticos e suxestivos.
As persoas que teñen mal de ollo, se miran a outro a quen
queren mal "o que desexan que lle pase, pásalle".
Un señor de Melide, que tiña ese poder, achábase
unha vez no Casino, nuns balcóns que miraban cara á
fonte que hai na praza onde se xuntan as estradas. Na fonte había
unhas rapazas collendo auga. O señor estaba falando do da
"mala vista" cos amigos, que seica lle poñían
en dúbida o seu poder. entón el, para probalo díxolles:
"¿Queren ver como lle tiro un mal de ollo a aquela moza
de alí?". Ía unha moza coa sella chea de auga
marchando para casa. O señor tirou os anteollos, mirou para
ela, en un instante, a sella caeulle da cabeza con toda a auga.
Para conter a súa mala mirada, os que a teñen e o
saben, usan anteollos. Semella que o vidro contén as radiacións
ruíns. O señor do que se falou anteriormente levaba
anteollos por esa razón, sen que lle fixeran falta para ver.
Igualmente o cura Martín, que tiña ese defecto, traía
os anteollos sempre e non os quitaba endexamais.
OS REMEDIOS
Contra todas estas forzas empréganse diferentes remedios:
Os amuletos
O corno de de vacaloura pendurado no pescozo dos rapaces é
un remedio clásico en Galicia contra o mal de ollo.
O allo pendurado no pescozo, levado no peto ou posto debaixo do
colchón da cama é outra forma. Tamén se emprega
coas reses untándoas con allo por riba do lombo.
As cruces de oliveira bendita, especialmente as de San Pedro Mártir
empréganse contra o gafo, como se viu antes.
Outros remedios son o loureiro bendito do Domingo de Ramos, as medallas,
reliquias...
Os escritos
Veñen ser unha sorte especial de amuletos de carácter
relixioso. Teñen que ser feitos e dados por un crego.
En San Benito había un crego que os facía. Había
un home que tiña unhas mulas e sempre que as quería
levar á feira de Monterroso, poñíanselle enfermas.
Pediu un escrito ó crego e as mulas sanaron e non volveron
a enfermar.
Os escritos hai que poñelos encima da porta da cas, pola
parte de dentro, e tamén na corte.
Os esconxuros
Xa indicamos que os cregos teñen o poder de esconxurar ó
demo e ó trasno, mais tamén o teñen para esconxurar
toda sorte de ruíns influencias. Incluso poden conxurar ós
animais que fan mal.
O Tato era un cego que esconxuraba ós ratos, mais dicía
que había que darlles de comer, e para iso era necesario
mandalos a un sitio onde os mantivesen. Dunha casa esconxurou ós
ratos, desapareceron e non volveron mais.
Tamén se esconxuraba ós piollos, e fixéronllo
a unha muller que vendía peixe.
O cura Cidre da Castañeda esconxuraba ás toupas e
marchaban e non volvían.
Outro cego esconxurou unha vez ós alacráns e o Antón
de Ulloa viunos marchar, moitísimos, en ringleira cara o
monte.
Outro cego esconxurou un raposo e o raposo volvía, mais andaba
detrás das galiñas pero non lle facía mal.
Os cregos acostuman ter mal fin, ben, só os que esconxuran.
O feito de seren os esconxuradores perseguidos polo demo, pode ter
a súa orixe nunha crenza que relaciona o demo coas bestas
danosas, tendo en conta a versión corrente en Galicia de
que as moscas son traídas polas bruxas, a quen llas reparte
o demo en Sevilla, ou donde sexa, e as metamorfoses das bruxas en
moscas que amoscan o gando. Sería algo semellante á
crenza persa de seren as bestas danosas crianzas de Ahrimán.
AS BRUXAS
Hai moitas crenzas referentes ás bruxas, sen variantes notables.
As bruxas levan con elas mentres viven o meigallo, que fai meigas,
un axente estraño ó que deben o seu poder. Algunhas
desta terra teñen unha especial sona.
A máis digna de notar é a vella Cenza, que hai morreu,
mais a quen coñeceron os vellos. Debía ter ante as
outras bruxas desta terra, unha categoría superior, algo
así como unha mestra ou raíña.
A vella Cenza a que "repartía as bruxas para Sevilla",
e o día de San Xoán era a encargada do reparto de
moscas. O seu poder era grandísimo. O Antón de Ulloa
refire que indo unha vez cunha vaca e estando a vella Cenza nunha
eira, a bruxa tornou a vaca e fíxolle dar unha volta redonda.
Cando morreu a vella Cenza, no medio do rosario, no velorio, un
rapaz dos que estaban alí pegou un berro tan forte e de tal
xeito, que alí non quedou ninguén, todos fuxiron.
Outra poderosa bruxa era a vella Xorxa. Din que esta bruxa tivo
á filla do Agra de Sobradela na cama tolleita catorce anos,
e todo porque unha vez a bruxa lle for a pedir esmola e a moza non
lla dera. A rapaza estivo tolleita ana cama ata que a vella bruxa
morreu.
Hoxe semella que a aldea das bruxas ou meigas é San Cosme,
é alí onde aparecen de noite as meigas.
Tamén se fala dunha vella bruxa que vive aínda hoxe
e fuma; o cal non é estraño, pois seica hai algunhas
outras vellas que fuman tamén.
CASOS DE MEIGAS
Ía un día un home de Moldes levar unha vaca ó
almallo á San Martiño. Un pouquiño antes do
lugar de San Lourenzo, preto xa de San Martiño, oíu
uns ruídos de campaíñas. Canto máis
se achegaba ó río, máis medraba o ruído
das campaíñas ou axóuxeres. E aínda
máis, viu coma todo se cubría de fume e como barullaban
as meigas contra el, tal como nunha feira. Pero non pararon, pois
elas emprendérona con el e tiráronlle areas a puñadas
e enchérono de lama. Moito máis farían do home
aquel, pero valeulle Deus ó que ía coa vaca e arrenegou
ás meigas porque formou unha cruz cos cornos dela.
Decote se falou dos cornos para desviar ou para se defender dos
espíritos, influencias ruíns etc.; xa máis
enriba falouse dos cornos da vacaloura contra o mal ollado.
Preto dos Curros, freguesía de San Antón de Toques,
un mozo da Moruxosa ía da cabalo e, como era unha noite pecha,
perdeu o camiño vagando polo monte sen rumbo. Apeouse para
atopalo, mais ó choutar un pasadoiro, veu acenderse preto
del unha luz e ó resplandor dela veu tamén como as
meigas poñían de pe unha pedra de pico. Fixéronlle
raer as pernas, facéndoo caer de narices e dar coa cabeza
na pedra. Levantouse todo medroñento e, mal como puido, foi
chegando á casa, onde se decatou da ferida grande que fixera
e que non lle puido curar nun mes. Tamén á besta a
fixeron sufrir, pois non puido saír da corte en quince días,
tan esmagada quedara.
SABIAS, FEITICEIRAS...
Non se sabe se son o mesmo que as bruxas ou meigas, ou son outra
cousa.
As que botan as cartas chámanse "carteiras". Adiviñan
por elas o que ha pasar, onde están as cousas perdidas, os
roubos etc.
Visitaron uns homes a unha destas carteiras, na mesma vila de Melide,
no barrio de San Roque. Era unha muller non moi vella, sen nada
de particular, moi falangueira e ben criada. Botou as cartas enriba
dun tallo, sentado ela noutro na cociña da casa. Barallou
e fixo cortar primeiro coa man dereita e unha segunda vez coa man
esquerda. Da primeira man deitou a baralla do xeito corrente, en
"bustrofedon horizontal", ou sexa, a primeira ringleira
de esquerda para dereita, a segunda de dereita para esquerda, a
terceira da esquerda en esquinal oposto, collendo cada vez de cada
esquinal dúas cartas, como procede nestes casos. Da segunda
man fixo montóns e mandou escoller un que era o que contiña
o que se quería saber. Que lembremos, non atinou en nada.
Contan dunha carteira que adiviñaba sen baralla, senón
que se puña a escribir no signos na terra, e por aquilo sacaba
todo e predicía o que quería.
Hainas que botan a peneira, mais non podemos observar a maneira
en que o fan.
OS ANIMAIS, AS CRENZAS SOBRE ELES
Temos recollido os seguintes casos, tocantes á adiviñación
fortuíta ou arte augural:
- Como en toda Galicia, son anunciantes de boa sorte as avelaíñas
brancas cando entran na casa, e de ruín sorte as negras.
- O ouveo dos canas é sinal de morte.
- Para saber cantos anos vai vivir unha persoa, debe ir ó
monte pola mañá en xaxún e contar as veces
que oia cantar ó cuco.
- O canto do merlo é sinal de auga.
O lobo
Noutro tempo había moitos lobos e aínda hoxe queda
algún que outro no Bocelo.
A lenda máis importante referente ó lobo é
a da virtude que ten de tirar a fala ós homes que atopa en
despoboado. O Antón de Ulloa refire que unha noite viña
da escola e as vacas estaban sobre un valo, na zarra. Ó chegar
ó portelo pecharon as vacas, pero na esquina estaba un lobo
e este berrou e veu un cheirume que por pouco o deixa parvo e chegou
á casa sen fala.
O moucho
O caldo de moucho serve de remedio para moitas doenzas, en especial
para a tose. Ademais é ave augural: se ven berrar riba da
cas dun, sinal de morte. Ás veces a ave case ven ás
fiestras.
A toupa
Leva os nomes de toupa e teipa. fálase dunha caste de toupas
brancas.
Os paxaros pequenos
Os paxaros pequenos apegan a tiña. Por iso non se pode andar
con eles, e moito menos, cun niño na cabeza.
A limacha
Chámase tamén limáchega e lesma. Mátanas
con sal. Igual din dos caracois.
Estas son só algúns exemplos das crenzas acerca das
bruxas, feitizos, animais...que podemos atopar en Galicia, a terra
das Meigas.
Natalia Rodríguez Carril. S3C
|
|