| |
Breve escolma: o tigre de papel foi á guerra mediática
- Maquiavelo aseguraba que unha guerra é xusta cando é
necesaria. Saíronlle discípulos avantaxados: Bush,
Cheney, Rumsfeld, P. Wolgonitz, R. Perle, a "dulcísima"
Condoleeza Rice, James Woolsey, ese sabueso, Rendon, o guerreiro
da información. A a auténtica elite do do belicismo
mundial, teorizadores dunha inédita guerra preventiva"..."A
primeira víctima da guerra, a verdade".
- Casos de sensibilidade chauvinista: - ¿Van matar moita
xente, papá?- A ninguén coñecido teu, só
estranxeiros.
- Cando quero vivir digo paz (e sinónimos: progreso, cultura,
tolerancia). Cando quero morrer...
- "Nunca existiu nin unha boa guerra nin unha paz mala"
(B. Franklin)
- Agresión: uso da forza por un estado contra a soberanía,
a integridade territorial ou a independencia política doutro
estado, ou de calquera outra forma incompatible coa carta das Nacións
Unidas.
- Nas guerras do século XX o número de mortos civís
elevouse ata o 90 %. E nas do XXI, mesmo se mobiliza a golfiños
"militares".
- XA que agora se invoca obsesivamente a Resolución 1441
da ONU, como "razón" para castigar a Iraq, lembremos
que, como mínimo, hai outras 91 resolucións dese organismo
que non se respectaron; delas 32 quebrantadas por Israel e 24 por
Turquía (decembro do 2002)
- A dolor dos inocentes...é a única verdade de toda
guerra.
- "Quen quere impor a xustiza pola forza, aseméllase
a un eunuco que arela desflorar a unha virxe" (dun libro tan
volteriano e subversivo como o Eclesiásticos, 20, 4, dun
tal Xesús Ben Sira)
***
A anunciada guerra de Iraq estoupou á fin: eran as 3.40 do
amencer do 20 de marzo de 2003; ás 2.15 horas rematara o
ultimato de Bush a Sadam Huseín. Trátase dunha novidosa
"guerra preventiva" que, segundo moitos especialistas
en dereito internacional, vén sendo unha mera agresión
con disfrace e un crime internacional.
Víctimas inocentes sempre
Un documento interno da ONU adianta que o conflicto podería
supor cerca dun millón de refuxiados, sen contarmos feridos
nin mortos nin desaparecidos: as víctimas invisibles que
non terán monumentos nin conmemoracións oficiais.
Pero a guerra permitiralles ós grandes do mundo intercambiarse
palabras tan solemnes como liberdade, seguridade, democracia, dereitos
humanos, Non á chantaxe do terrorismo internacional..., dando
as costas a millóns de rostros mudos e corpos iraquís
destrozados: vimos mortos de degradación e falta de futuro;
mortos anónimos á luz do lume dos pozos ardendo...
Se os mandatarios do imperio aturasen as súa olladas, verían
a realidade doutra maneira:
Eles, que posúen armas de destrucción masiva, quizais
descubrirían que as teñen para defender un sistema
económico en un modelo de vida e destrucción planificada,
da que a dictadura produce millóns de mortes prematuras anualmente,
aterroriza coa fame e a miseria a boa parte da humanidade, esquilma
a natureza arrasando as súa reservas enerxéticas.
& Eles, que se cren s vixías insomnes da liberdade e
os incansables defensores da orde internacional fronte as "identidades
asasinas", quizabes chegasen a percibir o potencial mortífero
que encerra a "razón" que deron para rexeitar os
Acordos de Kyoto: "O que conta é o ben dos que habitan
este país".
& Eles, que cren ter lexitimidade para interviren en Iraq e
nos países menos poderosos par salvagardaren o dereito, tal
vez caesen na conta de que hai dúas clases de dereitos humanos
na actual política mundial: os dos pobos ricos e os das nacións
pobres (cada ano máis empobrecidas). ¿U-lo dereito
de intervención -por exemplo- dos países menos desenvolvidos
cando se trata da dignidade e liberdade dos seus cidadáns/-ás...?
"Atrévete a pensar"
Estados Unidos detenta a hexemonía militar. O ano 2004
o seu gasto militar será de 400.000 millóns de dólares,
máis ca todos os demais países xuntos. Tamén
posúe unha preponderancia cultural (cine, televisión,
música, axencias de prensa) e a supremacía financeira
( o dólar, Wall Street), a tecnolóxica e mais productiva,
inda que esta deba compartila con Europa e Xapón. Significativamente
só lle falta enerxía, o control de petróleo.
Iraq posúe o 11'2 % das reservas mundiais do petróleo,
e con Kuwait -unha parte de Iraq segregada polo colonialismo (europeo,
"of course")- máis do 20%: petróleo de calidade
e doadamente accesible.
Controlando a Iraq -ademais de eliminar ó único rival
serio de Israel na zona- adquírese capacidade de desafiar
un posible boicot a Arabia Saudita (26%) e contrólase o petróleo
necesario para o abastecemento de China, a Unión Europea
e os propios Estados Unidos (USA).
Non é, xa que logo, de estrañar que países
tan vencellados ó proxecto europeo, como Francia e Alemaña,
reaccionasen contra o plano de ocupación e espolio, como
o fixo a opinión pública europea masiva e contundente.
E así coma o "reto do Leste" levou a crear a Unión
Europea, pode que agora o "reto do Oeste" axude ós
cidadáns de Europa a redescubriren a súa identidade
e a impulsar "outro mundo posible".
Supoñer que se loita contra o "mal total", forxar
"eixes do mal", é a mellor maneira de se perverter.
E os imperios precisan inimigos absolutos para levaren a máis
exacta definición gráfica desas política imperial.
Tense dito que todos os "segundóns" lle teñen
un medo compulsivo ó imperio. Por iso tentan certos xogos
florais: - ¿Non teme vostede que, ó combater a guerra
contra Iraq estea facendo o xogo ó terrorismo?
A esta pregunta capciosa o mellor é responder con estoutra:
- ¿Vostede non sospeita que, combatendo a Hitler estea a
facerlle xogo ó comunismo...?
A "international legality"
A manida resolución 1441 do Consello de Seguridade da ONU
non autoriza a ningún país a empregar a forza armada
("army") contra Iraq; soamente lle advirte que, de seguir
infrinxindo as súas obrigas as súas obrigas, se expoñería
a "graves consecuencias", que non teñen por que
implicar o recurso a unha deflagración bélica. Polo
demais, a "guerra preventiva" non é máis
ca unha pura, e dura, agresión, que tería, que tería
como inaceptable coartada os inadmisibles ataques terroristas do
11 de setembro do 2001.
A guerra de agresión constitúe un crime internacional
(cf. artigo 5º do Estatuto de Roma), e as sedicentes "probas"
aportadas non resisten a máis mínima análise
imparcial: non pasan de ser propaganda de guerra (outra forma de
manipulación).
Unha vez máis, neste desastre caótico (oprobio da
razón e esquecemento de todo dereito) todos perdemos, porque
é deplorable a barbarie a que se condena á especie
humana. E máis unha vez, seremos víctimas da desinformación,
propaganda, mentira, terxiversación, manipulación
(mesmo da relixión: Alah non pode ser inimigo de God)...
"A guerra é unha derrota da humanidade...O mundo sería
completamente diferente se se aplicasen os acordos subscritos...Debemos
ter valor para dicir Non á morte, á guerra que nunca
é unha simple fatalidade...e que recaerá (recaeu)
sobre a poboación de Iraq, extenuada xa por máis de
doce anos de embargamento" (X.P. II, 13-01-03)
O 14 de abril dábase pro rematada a guerra de Iraq, coa
caída de Tikrit: foran 26 días de prepotencia tecnolóxica,
horror e destrucción.
E non aparecen as "armas de destrucción masiva":
nin químicas nin bacteriolóxicas...¿U-los pretextos
para a invasión "libertadora"...?
E os iraquís non se senten precisamente "liberados",
senón humillados.
Institucións internacionais, devastadas; un país
sen pasado agora (sen futuro xa estaba): saqueo do Museo Arqueolóxico
Nacional e da Biblioteca; o os "marines" ollando para
outro lado, para os ben protexidos pozos petroleiros.
O problema kurdo, a meirande nación sen estado: cerca de
25 millóns de persoas esgazadas entre Turquía, Iraq,
Siria e Irán; en Turquía vive o 20% da poboación...
De maneira que gañar a paz a paz vai sendo moito máis
difícil que esmagar o réxime de Sadam Huseín:
a carraxe, a frustración e humillación que o conflicto
creou no mundo árabe non axudan moito a frear o fundamentalismo
islámico e o terrorismo.
¿Quen lles restaurará o seu destruído pasado
cultural?
¿Quen xogará ó póquer das 50 cartas
"marcadas" da novísima baralla...?
"¿Quen seiturará" nos campos petrolíferos...?
Ó futuro amputáronlle os brazos: progreso, xustiza
e dignidade quedan ser pernas para poder camiñar.
Melide, abril do 2003
|
|