| |
POR PRESENTAR UNHA DEMANDA DE DIVORCIO EN GALEGO
A administración de Xustiza abriu un expediente disciplinario
á avogada compostelá Isabel Castillo por presentar
unha demanda de divorcio en galego. Os feitos ocorreron o pasado
19 de febreiro, cando a xuíza de Muros devolvía o
texto da avogada e dáballe dez días de prazo para
que presentase unha copia traducida ó castelán.
Ante a actuación da xuíza, un procurador interpuxo
un recurso cualificando o feito de "aberración e unha
burla do dereito máis elemental dun pobo: o de usar a súa
propia lingua".
Por se fose pouco, a xuíza de Muros iniciou o día
27 de marzo un expediente contra a avogada que podería suporlle
unha sanción ou multa de 180. 000 euros.
Isabel Castillo decidiu non defenderse "polo noxento e repugnante
que resulta facelo ante unha acusación que ten o seu único
fundamento no exercicio de dereitos básicos e elementais".
Sen embargo, o Colexio de Avogados de Santiago decidiu, por unanimidade,
amparar a esta profesional perante tan desafortunado expediente
e criticar a actuación da xuíza.
Castillo afirmou que leva presentado moitas demandas en galego hai
moitos anos en Santiago e outros lugares e nunca lle pasou nada
igual. O asunto tamén chegou ó Valedor do Pobo.
Para Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización
Lingüística, este caso é "o máis
grave exemplo de vulneración de direitos lingüísticos
producido nos últimos anos en Galiza".
|
|