| |
A noite do 23 de Marzo de este ano, certos alumnos de 4º da
E.S.O non fomos capaces de conciliar o sono. A causa deste motivo
foi que horas despois arrincaríamos cara o país das
ruínas por excelencia: Grecia.
As nosas guías nesta excitante travesía foron: Susana
Losada, que xa é toda unha experta en ir a Grecia cos alumnos;
Margarita, unha profesora de Carballo ("A Carballeira"),
e Begoña a quen, por certo, os nosos parabéns pola
súa actitude no viaxe, portouse como unha auténtica
campiona.
Os primeiros días aloxámonos en Átenas. A primeira
impresión non foi moi boa, posto que Átenas é
unha cidade un pouco porca -perdón pola expresión-,
ten moito tráfico e outras cousas (sen comentarios...) Pero
despois, pouco a pouco, fomos coñecendo máis e comezou
a gustarnos, porque a xente de alí é moi cariñosa
-ás veces demais- cos turistas e tratábannos ben.
Alí coñecemos ó home que máis idiomas
sabía do mundo, un recepcionista do hotel, que por entender
entendía ata galego...¡Toda unha máquina!
Probamos a comida típica de alá: os iogures (e que
non vos enganen os de Danone, porque non teñen nin punto
de comparación cos de Grecia); os giros, que houbo a quen
lle encantaron, a quen lle eran indiferentes e a quen xa lle daban
noxo directamente; os sublakis ou pinchos morunos como os que todos
coñecemos, o cordeiro (moi bo, por certo)...
O día que fomos ver a Acrópole, tivemos medo polas
nosas vidas, posto que facía moitísimo frío.
Para que vos fagades unha idea, facía máis frío
que unha mañá destas de xeada, as sete da mañá
aquí, en Melide....¡Qué xa é dicir!.
Despois o tempo, gracias a Atenea que se debeu de compadecer un
pouco de nós, empezou a mellorar, tanto é así
que ós tres días estabamos na praia.... ¡E que
praias!¡Nin que estivesemos no Caribe! Unhas praias fermosísimas:
palmeiras, auga azul verdosa, cun río moi bonito, en resume
unha paisaxe digna de ver....e senón me creedes decídelles
ós da excursión que vos ensinen as fotos.....
Tamén estivemos en Creta, e un 100% dos excursionistas opinou
que era moitísimo máis bonito que Atenas. Había
máis xente nova porque, segundo nos dixo Susana, Iraklio
(a capital) é unha cidade universitaria, algo parecido a
Santiago con homes e mulleres moito máis agraciados fisicamente
e era máis limpo.....
Para ir ata a illa de Creta tivemos que ir en barco, que por certo
a primeira vez que íamos ir nel, tivo que ser aprazado por
culpa de que había mar picado, e tivemos que facer uns cambios
nos plans da excursión, pero saíu todo ben. Houbo
mareos de tódalas clases e estilos, vamos que as biodráminas
agradecéronse moito; pero aínda así viaxar
en barco foi toda unha nova experiencia. E ata montamos unha partida
ó escondite nel, destas que non se che esquecen na vida.
Tamén houbo quen botou un partidiño de fútbol
na cuberta.
Vimos lugares como Knosos en Creta, o santuario de Apolo en Delfos...En
Atenas coincidiunos o día da festa nacional, o 25 de marzo,
e vimos o cambio de garda do parlamento grego. O último día
subimos á lomba do Filopapu, o lugar onde están as
mellores vistas da Acrópole, e a prisión na que Sócrates
foi condenado a morte.
En definitiva, pasámolo todos ás mil marabillas, e
se tes a oportunidade de ir non o penses dúas veces, porque
e unha experiencia moi agradable que nunca esquecerás. Ademais
a Susana controla moito e explícase moi ben, e unha guía
turística de tal calidade sempre se agradece.
Anahí Broz.
|
|