|
¡Mozas e mozos de Galicia!
¡Xente nova de Melide!
Eu son, ti es, vós sodes,todos nós somos,
GALICIA!
Tedes que saber que somos a primeira xeración
de xente moza na historia de Galicia que pode perder o galego.
Somos a xeración que pode deixar que se perda o galego.
¡Non podemos permitir que se perda!
En moitos lugares do país, a nosa lingua está forte,
viva e libre.
Moita xente vivimos en Galicia falando esta lingua
que escoitamos e escribimos día a día.
Mais en moitos outros sitios, o galego perde vida.
Sufre como unha grande balea arponeada e ferida.
Sufre como un gran barco que fose á deriva.
Mais a xente nova temos un dos poderes máis valiosos:
PODEMOS COLLER O TEMÓN,
CAMBIAR O RUMBO E MUDAR O FUTURO.
¡Adiante, xente nova!
¡Adiante co galego!
Recuperemos o prestixio para a nosa lingua.
Limpemos do noso idioma os prexuízos, a vergonza e o pasotismo.
Usemos a nosa lingua con compromiso e ilusión.
Nós queremos darlle vida á nosa lingua.
Nós tamén queremos ser ecoloxistas da lingua, porque
sabemos da riqueza que supón ter unha peza orixinal e irrepetible.
Nós tamén queremos ter a forza necesaria
para vivir plenamente no mar do idioma.
¡Temos que evitar o naufraxio da lingua!.
Está en perigo, amigos e amigas.
Está á deriva e iso, ... ¡Non pode ser!
¡Non pode naufragar a nosa lingua!
Queremos falar a lingua de Castelao e de Rosalía,
a lingua dos Herdeiros da Crus e de Mercedes Peón,
a de Manolo Rivas e a de Saramago,
a do Xabarín e a de Shin Chan,
a lingua dos homes e mulleres de Galicia,
a lingua dos nenos e nenas galegos,
queremos falar a lingua das nosas árbores, a lingua do noso
mar.
A lingua é nosa, de quen a fala, a lingua é para ti.
Para ti, que falas máis castelán que galego,
para ti, que falas máis galego que castelán,
para ti que só falas castelán,
e para ti que sempre falas galego.
¡A lingua é túa!
Eu son, ti es, vós sodes, nós somos Galicia.
A nosa voz vai no vento de cidade en cidade,
de vila en vila, de aldea en aldea!
¡A nosa voz é a luz do faro máis brillante!
¡Adiante xente nova!
¡Adiante co galego!
|