| |
Libros galegos por catálogo
Biblos preséntase como o proxecto máis ambicioso
para a promoción da lectura en Galicia dos últimos
anos. Da lectura en galego, claro.
Biblos quere ser a versión galaica de experiencias empresariais
de venda e distribución de libros a domicilio xa asentadas
no mercado, como Círculo de Lectores. Por unha cota anual
de subscrición de 15 euros, os abonados a Biblos poderán
mercar por catálogo, e sen gastos de envío, unha selección
de libros xa editados e rebaixados nun 5%. A obriga, mercar polo
menos un volume cada dous meses.
Os accionistas desta iniciativa empresarial son o xornalista Tucho
Calvo e a súa muller Carmela González Boo. Pretenden
"chegar co libro galego a toda Galicia, acabar coa súa
invisibilidade". Lembran librerías pechadas nas vilas
e apostan pola venda por catálogo como saída de futuro.
Comezaron a debullar na idea a finais do 2001, e só nos últimos
meses foron pechando os acordos cos provedores.
Confesa o xornalista Calvo que recibiron apoios entusiastas das
editoriais, "conscientes do mal momento que atravesa o sector"
O sector do libro, iso é verdade, está ferido. Con
raquíticos índices de lectura, tamén á
cola de Europa, con escasas campañas institucionais de promoción
e cunha desenfreada carreira das industrias do lecer por gañar
cota de mercado, o libro vai quedando atrás. Ademais, a crise
demográfica vai erosionando o consumo de libros (de texto
e non) para baleiro dos petos de editores e libreiros. O presidente
da Federación de Libreiros, Xaime Corral, da librería
Nós de Sanxenxo, non se quere pronunciar sobre o proxecto
Biblos. Pola súa parte Tucho Calvo acode a testemuñas
persoais de libreiros, que afirman que un repunte do sector do libro
os beneficiaría indirectamente.
OBXECTIVO
O obxectivo de Biblos Clube son 8.000 subscritores para garantir
unha normalidade nos balanozos.
Non semella doado, aínda que velaí van uns datos
de referencia: Círculo de Lectores factura 8 millóns
de euros anuais e ten 110.000 socios só en Galicia. Para
abrir o espectro ofertan non só libro galego de creación:
tamén de fotografías, de receitas, guías de
viaxes, diccionarios. E destacan que entre os primeiros abonados
a Biblos "non hai case mestres, non hai case literatos".
O futuro do libro (e probablemente tamén o de Biblos) pasa
por descubrir vetas e non petar no mesmo ferro xa batido polos viaxantes
das editoriais.
Sen embargo, as comisións e a pouca marxe non lle deixan
espacio a Biblos para o traballo a domicilio, peza básica
do éxito da venda por catálogo.
O ENL do IES de Melide desexa moita sorte a esta interesante inciciativa.
Equipo de Normalización Lingüística- (ENL)
|
|