| |
QUÉROTE, ANDRÉS
Estou anoxada pola reacción dos meus compañeiros.
O día 20 de marzo estaba convocada unha folga en todos os
centros de España e tamén en moitos países
europeos, con motivo da guerra de Iraq.
O certo é que a cousa non debía estar moi clara na
Asociación de Alumnos, porque houbo que recordalo, pero avisaron
o día antes e todos contentos, claro, perdiamos catro horas
de clase.
Sempre pensei que esta causa era importante e xustificaría
as ausencias na Noela, Vagalume, Xavi, Trinidad... e demais lugares
de reunión.
Pois non, pasou o de sempre:
os "pringaos" berramos, fixemos pancartas, barullo, consignas...
e escoitóusenos dabondo. O resto do persoal, moi ledo, baixou
as escaleiras ó rematar a segunda hora, pasou polo patio
para observar o ambiente e procedeu á súa folga particular
no sofá pertinente ou de billar e conversación. Daba
o mesmo que a guerra xa comezara, que moitos rapaces non tivesen
Noela nin Vagalume, porque seguramente un mísil xa os asasinara.
Daba o mesmo que Bush fora o amo do mundo e do petróleo e
Aznar lle lambese o cu e fose cómplice de semellante asasinato.
Daba o mesmo que milleiros de persoas morresen tan só por
un pouco de diñeiro para o rei do mundo. O caso era perder
clase, pasalo ben e que algúns con gana de leria moveramos
o cu. Chamáronnos tontos, "pringaos", e incluso
un dixo: "¿Para que, se a matanza xa comezou?".
Non, listiño, non. Foi un acto de estudiantes con sentido
común, convencidos duns ideais democráticos e de xustiza,
á violencia respóndese coa paz e solucións
pacíficas. Só tiñamos a gorxa e o ánimo
dos melidenses que saían á ventá ou á
rúa e nos animaban.
Noraboa pola vosa concienciación, cada un vai por si e eu
poderei dicir que fixen o que estivo nas miñas mans, loitei
pola xustiza e estou orgullosa de facelo.
É vergonzoso que de setecentos berremos cincuenta, así
que imaxino que non se fará ningún acto deste tipo
outra vez.
Así pois, se tedes clase ide facer a folga onde a fixestes
ese día, seguro que é máis productivo. Total,
mentres non vos bombardeen o cu, ¿para que?.
O exemplo de persoas civilizadas e comprometidas cunha sociedade
máis xusta démolo os 50 que berramos ¡NON Á
GUERRA IMPERIALISTA! diante do concello, gracias ós que estivestes
alí, apoiando a liberdade.
Natalia Blanco, 1º BAC.B
|
|