| |
Despois de moitas idas e vidas, listas de alumn@s que diminuían
constantemente, prezos que subían e toda unha serie de dificultades
un pequeno grupo de alumn@s de case todos os niveis, acompañado
por dous profes, saía o 7 de abril cara Mérida para
asistir o Festival Juvenil de Teatro Grecolatino.
A viaxe de ida fíxosenos un pouco longa, por que a fixemos
dun tirón e Mérida está bastante abaixo ¡foron
unhas 10 horas de autobús! pero pagou a pena. O noso recorrido
foi máis ou menos o mesmo que farían os romanos cando
querían desprazarse dende o noroeste ó sur da península:
seguir a Ruta da Prata, que unía Asturica con Emerita; anque,
claro está, con moi distintos medios. Cando chegamos cansos
ó hotel, levamos unha alegría ó ver o cómodo
e céntrico que era. A verdade é que nos trataron de
marabilla.
Mérida, actual capital da Comunidade de Extremadura, foi
en tempos capital da Lusitania, provincia romana de Hispania. Foi
fundada no s. I a . C., co nome de Emerita Augusta, por motivos
estratéxicos: convertíase nun enclave importante en
medio de terras difíciles e, por estar ás beiras do
río Guadiana sobre o que se construíu unha ponte,
pasaba a ser un importante punto de comunicación entre o
noroeste peninsular e a Bética. É dicir, con estas
novas vías os romanos podían recadar impostos máis
facilmente e transportar ata os portos do sur os metais extraídos
nas nosas minas: ouro, prata, estaño...Por algo a vía
denominouse Vía da Prata.
Emerita Augusta acadou grande esplendor na época da dinastía
Flavia (69-96 d. C ) e dos emperadores hispánicos Traxano
e Hadriano (s. II d. C.). Da súa importancia son testemuña
as abundantes pegadas de época romana que puidemos visitar:
o teatro e anfiteatro, a casa do anfiteatro, a casa do Mitreo, os
acueductos dos Milagros e Cornalvo, o embalse de Proserpina....É
indubidábel que o teatro destaca entre todos eles, polo seu
bo estado de conservación, xa que é un dos poucos
teatros do Imperio Romano que conserva a escena case íntegra.
Ademais da cultura clásica, Mérida é herdeira
tamén doutras culturas como a árabe, coa súa
Morería e magnífica Alcazaba, dende a se contemplan
espléndidas vistas do Guadiana e ponte romana.
No teatro romano disfrutamos de tres representacións de teatro
clásico. Comezamos ríndonos moito coa Asinaria de
Plauto, a cargo do xa veterano grupo Sardiña da Coruña,
o cal saudamos cando rematou a representación, pois éramos
os únicos galegos ademais deles.
Nese mesmo día pola tarde vimos a traxedia grega Electra
de Sófocles, a cargo dun grupo de Madrid. Impresionounos
moito a montaxe e a forza dramática da obra, os actores conseguiron,
ó igual que na antiga Grecia, que o público sentíramos
esa paixón (pathos) ante o sufrimento da protagonista, sufrimento
que se libera logo co desenlace final (katharsis).
A última representación que vimos foi unha comedia
grega, As Nubes de Aristófanes, moi distinta á romana
do primeiro día, xa que o humor de Aristófanes é
moito máis sutil que o de Plauto: criticaba a educación
dos mozos e os novos movementos filosóficos da época,
como os sofistas e a Sócrates. Por isto esta obra foi un
pouco máis difícil de entender, pero a pesar diso
puidemos apreciar o bo traballo dos actores.
En resumo, que a calidade das obras representadas foi moi grande,
engadindo que as vimos no marco incomparable do teatro romano, que
goza, ademais, de moi boa acústica e contaba cunha instalación
excelente.
A organización do festival foi estupenda, recibíronos
a todos os centros con moito agarimo. Foi emocionante cando, antes
dunha das representacións ó nomearnos os centros un
por un, erguémonos a saudar cunha bandeira de NUNCA MÁIS,
e todo o publico aplaudiu moitísimo berrando NUNCA MÁIS.
Son xestos de solidariedade que non esqueceremos. Esta solidariedade
tamén se mostrou nas consignas contra a guerra, que coreaban
os asistentes ás funcións, e nas numerosas pancartas
en contra dela que colgaban en todos os edificios públicos
e infinidade de casas de Extremadura.
Non marchamos de Mérida sen visitar o seu importante Museo
de Arte Romana. Esta visita pagaría a pena aínda que
fora só polo edificio, obra de Rafael Moneo que recrea a
arquitectura romana, logrando a harmonía co seu contido.
Dentro vimos mosaicos enormes e moi ben conservados, frescos, escultura,
vidros e unha morea de obxectos de época romana. Chamounos
a atención o esplendor das casas romanas ¡si que o
montaban ben estes romanos!.
Saímos de Mérida rumbo a Salamanca facendo un par
de paradiñas. A primeira foi preto da cidade, no embalse
de Proserpina, un dos maiores do Imperio Romano. A segunda foi máis
longa, pois aproveitamos para visitar a cidade de Cáceres,
patrimonio da humanidade. Aquí nos timaron tres euros por
dar un paseíño nun tren turístico dende o que
non vimos nada. Menos mal que despois fixemos un recorrido a pe
polo casco vello e vimos algo mellor os palacios e igrexas da cidade.
Vistamos aquí o Museo Provincial, que está na Casa
Palacio das Veletas, e que ten un alxibe árabe moi interesante
no soto. O alxibe era un depósito de auga que recollía
auga de chuvia e utilizábase cando había escaseza.
Por fin chegamos a Salamanca, último punto da nosa viaxe.
Aloxámonos nun albergue que non estaba tan céntrico
como o hotel de Mérida, pero a pesar diso gustounos moito
por que era moi bonito, tiña un montón de instalacións
e tiña habitacións para 8 persoas moi simpáticas.
En Salamanca non tivemos tempo de ver todo o que nos gustaría,
aínda así vimos a ponte romana co touro onde o pobre
Lazarillo de Tormes recibiu, segundo a novela, unha lapada a cargo
do cego que o "ensinaba". Vimos tamén as dúas
catedrais, a vella e a nova, a antiga Universidade, a Casa das Conchas,
a Praza Maior e un montón de edificios e rúas polas
que paseamos. Por visitar algo distinto, fomos a Casa Lys, un edificio
modernista que conta cunha importante colección de art-deco.
En Salamanca facía un frío que pelaba que, xunto co
cansazo acumulado, fíxonos desexar volver á casiña,
anque o pasaramos moi ben estes días.
Unha vez máis, os profes acompañantes, ó igual
que noutras viaxes, como a de Grecia ou outras visitas máis
curtas, sentímonos orgullosos dos alumn@s de Melide polo
seu "saber estar" e polo seu interese. É un pracer
compartir estas viaxes convosco, gracias pola vosa parte.
O Departamento de Grego
|
|