| |
O pasado 26 de febreiro, os oito alumnos/as de Filosofía
do Dereito, xunto con alumnado de Humanidades e Ciencias Sociais
fomos visitar o Parlamento de Galicia, que se encontra en Santiago.
O edificio onde está agora o Parlamento de Galicia foi construído
co fin de albergar a escola de veterinaria, pero ó final
instalouse nel o Parlamento.
Este edificio ten un soto, planta baixa, entreplanta e piso alto.
Na planta baixa están situados os despachos dos deputados,
das deputadas e os dos grupos parlamentarios. Nesta mesma planta
hai dúas bibliotecas moi bonitas e modernas, salas de reunións
e dous amplos salóns. Nun deles están os retratos
do rei e da raíña, este salón utilízase
para actos solemnes e para as tomas de posesión dos presidentes
da Xunta de Galicia e é tamén utilizado como sala
de conferencias e recepcións. Alí están as
bandeiras das comunidades autónomas.
Dende a porta principal chégase a un amplo vestíbulo,
adornado con unha gran alfombra que contén no centro o escudo
de Galicia. No teito hai unha fermosa vidreira con moitas cores.
Na primeira planta está o despacho do presidente, e os despachos
dos vicepresidentes, as salas de reunións da Mesa, das comisións
parlamentarias, etc. E por último, está o salón
de plenos, no que predomina a madeira. Neste salón hai asentos
para os deputados e deputadas. Na mesa central está o presidente
do Parlamento, os dous vicepresidentes, os dous secretarios e os
letrados. Tamén ten unha tribuna para o público e
para os servicios de prensa, radio e televisión. Existen
dous paneis que reflicten os resultados das votacións.
No exterior o edificio está rodeado por unha reixa moderna
en forma de lanza de aceiro, con aspecto oxidado, entre a reixa
e o edificio hai uns preciosos xardíns.
Este edificio ensinóunolo un home que está traballando
alí, e el foi o que nos explicou cousas sobre o Parlamento.
O parlamento representa o pobo de Galicia e constitúe a primeira
das institucións da Comunidade Autónoma, da que derivan
todas as outras.
Este órgano está constituído por deputados
e deputadas que son elixidos por sufraxio universal, igual, libre,
directo e secreto. Unha vez elixidos, son encargados de representar
a todo o pobo galego. As funcións desta institución
son: controlar a acción executiva da Xunta, aprobar os seus
orzamentos, designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os
senadores representantes da Comunidade Autónoma Galega, etc.
O salón de sesións é o lugar habitual onde
teñen lugar as sesións do Pleno, do Parlamento de
Galicia. Neste salón os deputados e deputadas ocupan os asentos
dispostos en forma de hemiciclo ante a Mesa Presidencial. O Presidente
da Xunta de Galicia e o seu goberno ocupan a primeira fila de escanos,
e o resto dos deputados están agrupados en grupos parlamentarios.
Nós tivemos a oportunidade de acudir a un pleno, neste sóense
debater todas as cuestións que son da súa competencia.
O Pleno debe contar coa asistencia da maioría absoluta dos
deputados e deputadas, e, segundo puidemos observar, os deputados
non facían ningún caso ó que estaba falando,
excepto dous ou tres; algúns estaban lendo o periódico,
outros chamando por teléfono, outros mirando papeis, etc.
Á hora da votación entraron bastantes deputados que
non estaban na mesa e, sen saber do que estaban falando, porque
acababan de chegar, votaron igual, o voto facíase levantando
a man a favor ou en contra do que alí se estaba debatendo.
A min esta visita gustoume moito, o que máis me gustou do
edificio foi o salón onde estaban os retratos dos reis, o
vestíbulo, as bibliotecas e o salón onde se celebra
o Pleno.
|
|