INTRES

I
E
S

de

M
E
L
I
D
E

Páxina de inicio do IES de Melide
As últimas  novidades no IES
O Centro, comarca e información do entorno
Actividades extraescolares
A radio do IES de Melide
Tódolos ensinos no centro: a nosa oferta
Departamentos docentes
Accede a biblioteca do IES
Intres, FalaMelide, Dalle á Lingua, ...
Visita outros sitios de interese
 

VODAS DE PRATA

 
 

A XERACIÓN ESA DE MAMÁ

A súa cara reflectía unha mestura de impaciencia e pánico á vez, e moi por enriba dos seus ollos albiscábase a emoción, non o podía negar..
- ¡Mamá! ¡non vai ser tan terrible despois de todo! dicía eu cun riso nos beizos.
Eu daba por sentado que ver ós teus compañeiros de clase case 26 anos despois non podía ser tan malo.

- ¡A min encantaríame ¡ ...Ver a tódolos meus compañeiros de clase tanto tempo despois! "¿Qué tal os nenos Jesús?" "¿Cómo che foi o negocio da hostalería?" "¿Formaches esa familia feliz da que tanto falabas?"
- ¡Ui!Eu que queredes que vos diga...se resulta que es unha fracasada..
- Non non, o peor van ser os comentarios tipo "¡Como lle medrou o cu a Marisa!" "¡Ai que feo se puxo Xosé! ¡Co guapiño que era..tíñanos a todas toliñas!"

Eu miraba ás miñas amigas con cara divertida, algún deses pensamentos se lle pasaría á miña nai pola cabeza. Un...ou todos.
Mentres tanto, o teléfono non deixaba de soar, ¡a xente estaba pendente do gran día! E miña nai non paraba, rosmaba e rosmaba, que xa non sabía se sería boa idea, que agora non sabía que poñer, pedía opinión dende dentro do armario e mirábase ó espello preguntándose se lle faría falta "arranxar o pelo"
¡Ai! ¡Que paciencia!
E o tempo inquedo, non perdoou un só día, cabalgaron veloces ata que chegou o gran día.
Foi un gran logro conseguir botar á miña nai da casa despois de dicirlle interminables veces que o ía pasar mooooi ben e que todo ía ser xenial, os méritos non me faltan...
E tardaba tanto, tardaba tanto...,pero por fin apareceu, un enorme sorriso debuxado nos beizos, un ramo de rosas na man.
As rosas seguen na cociña, murchándose cada día que pasa, porque o tempo é cruel e non perdoa, e eu, eu aprendín que nunca deixamos de ser nenos, porque a ledicia e a ilusión que poñía brillo ós ollos da miña nai era o da mesma inquedanza que salpica os ollos dun meniño que espera atopar ós seus amigos cando soe a serea do recreo.
E digo eu... ¿ves, mamá, como ó final non foi tan mala idea?

A filla dunha muller da xeración de COU de 1977.

AQUELA PROMOCIÓN DE COU DO ANO 1977

O día 24 de maio reunímonos un grupo duns 60 exalumnos e exalumnas do instituto de Melide, 7 exprofesores/as e o noso Xenaro, polo que non pasa o tempo, para conmemorar os 25 anos (case 26) da nosa promoción de COU.
O acto foi moi emotivo, xa que algunha xente non se volvera ver neses 25 anos e algúns que foran amigos case non se recoñecían.
Falamos do noso presente, revivimos tempos pasados, recordamos aventuras e romances, contamos anécdotas, comemos e ata bailamos.
O profesor de Lengua, Emilio, moi querido por todos/as nós e aínda activo na actualidade, compuxo para a ocasión uns versos cheos de sentimento e de nostalxia que nos emocionaron a todos/todas pola súa emotividade e polo sabor doce e ao mesmo tempo amargo que sempre esperta nas persoas o recordo dos tempos idos da xuventude. O poema é o seguinte:

IMAXE RETROSPECTIVA

Se tivese o don da lingua
e da palabra,
compoñería, para vós, os máis fermosos
versos neste día.
Se tivese o don da maxia
e puidese conxela-la imaxe,
hoxe, o tempo detería.
Mais ¡tan só! podo tentar
rebobina-la cinta
que, implacable, grava
o discorrer das nosas curtas vidas.
A súa proxección, nesta sobremesa,
¿pensades que porcede?
Pechade os ollos:
Estamos en Melide, maio
de mil novecentos setenta e sete.
É un atardecer de mel,
de esterco e de romeo.
Escoitade, atentamente,
o confuso barullo
dos alumnos que saen dun exame;
non lembro ben...
Quizais... Literatura.
¡As aulas do vello instituto
van quedando baleiras!
Na rúa ..., reparade
que o grupo vaise esparexendo:
uns fican parados,
outros, paseniño, marchan parolando.
Velaí lampiños mozos
e mozas en flor.
Velaí grandes proxectos,
coas mochilas cargadas
de ilusións.
Ollade a parella que vai rezagada...
hai doces miradas, caricias furtivas,
hai ... promesas de amor.
Tralos cristais, alguén relembra
imaxes no tempo mergulladas.
Unha suave brisa peina a herba
do parque verdecido.
Con estridentes chíos,
un bando de estorniños cruza
o ar camiño de Furelos.
Non tardarán as sombras
en ocultar as lombas do Bocelo.

Emilio

E nós, cando xa as sombras ocultaran as lombas do Bocelo, despedímonos e marchamos, tamén como o bando de estorniños, co corazón cheo de alegría e con moitos proxectos de novos reencontros nun futuro próximo.

Unhas profesoras que antes foron alumnas

 

Inicio

Oferta Educativa