INTRES

I
E
S

de

M
E
L
I
D
E

Páxina de inicio do IES de Melide
As últimas  novidades no IES
O Centro, comarca e información do entorno
Actividades extraescolares
A radio do IES de Melide
Tódolos ensinos no centro: a nosa oferta
Departamentos docentes
Accede a biblioteca do IES
Intres, FalaMelide, Dalle á Lingua, ...
Visita outros sitios de interese
 
A DIGNIDADE DA IDENTIDADE
 
 

Hai un refrán que di: "Aquí todos somos galegos e non nos entendemos". Recentemente soubemos dunha proposta de normativa para o galego, coñecida como a normativa da concordia, elaborada durante dous anos por un cento de especialistas pertencentes ós departamentos de Galego das tres universidades, o Instituto da Lingua Galega e a AS-PG. Foi meditada por xente que sabe de lingua galega. Grupos escritores ou os editores manifestaron tamén o seu desexo de que a incorporación duns cambios mínimos mellorarían o fortalecemento da lingua. Mais despois da votación na "Real" Academia "Gallega", contraria á idea normativa, ben se pode dicir que seguiremos por moito tempo sen nos entender. Divididos en faccións, con Fraga no poder gracias aos votos (os galegos tamén votaran maioritariamente por aquela cousa chamada "Privilegio de los españoles", o futuro do galego semella negro de abondo. A Voz de Galicia publicaba un artigo no que viña a dicir que o uso do galego recúa entre a poboación máis nova, mentres que o éuscaro sobe e o catalán se mantén nunha moi boa liña.

A política lingüística de Fraga neste decenio favoreceu o non mudar nada, o deixar apodrecer o cadáver cheirento do galego, que é outra forma de dicir que non fixo nada. A Xunta ten unha editorial na que publican os amigos, sacan algunha edición de luxo, danlle catro pesetas aos que defenden o galego, fan algunha campaña trapalleira, e pouco máis.
Eu en catalán poido mercar unha traducción dun libro recente por mil pesetas: a ver canto me val ese mesmo libro traducido ao galego! E coma este mil exemplos que podemos atopar.

Mais a culpa non é só de Fraga: tamén a cidadanía é responsábel de que cada vez sexa máis difícil atopar xente nova falando en galego, e que cando nos diriximos a un empregado público ou aos que atenden nunha tenda nos contesten en español cando lles falamos na nosa lingua. Porque o certo é que os pais "pasan", a sociedade "pasa", e as rapazas e os rapaces tamén.

Máis da metade dos académicos votaron en contra da nova normativa de concordia. As feridas abertas no galeguismo da chamada transición seguen abertas. Por moito que agora digan que foi por cuestións "lingüísticas" todos sabemos as razóns: presións políticas e desconfianza da unión de todos os galeguistas. Algúns aínda cren que Fraga e o PP son galeguistas, que lles importa algo a cultura galega e o galego. O que verdadeiramente lle causa arrepío a Fraga é que os galeguistas esteamos unidos. Iso non o poden tolerar, porque se lles acabaría o choio.

Para dividir aos galeguistas, Fraga creou unha institución académica interposta chamada "Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades". Para potenciar as humanidades? Non moito, senón para seguir coa filosofía do "divide e vencerás". Isto do galego parecíalle moi perigoso aos gobernos de Fraga, así que haberá que neutralizar aquilo que consideraban perigoso. Non toleran, que o Consello da Cultura galega faga críticas contra a política lingüística da Xunta.

Teño que dicilo xa, porque senón rebento: moitos dos que se opuxeron á normativa de concordia non son galeguistas. Esta xente non leva o galego no sangue, importalles todo moi pouco. Son "técnicos" do galego, e viven moi ben del, non para el. E isto sábeo moi ben todo o mundo, que ten que calar porque estes son os que dan as subvencións, os premios, e teñen moita influencia. Foron eles os que inventaron o trágala do bilingüismo harmónico,
o gran constructo da política lingüística fraguiana e "made in Galicia", para abraio doutros países, perdón, comunidades autónomas.

Se algo se perdeu nestas últimas décadas foi o gusto polo bo galego, polo galego normativo, vaia. Por falar o galego cun acento proprio e non madrileñizante. Por outra banda, imaxinade que un político galego saise nos medios de comunicación a nivel do estado falando en español e dicindo "haiga", "voy hacerlo" e "dea hecho". Improbable, non si (se exceptuamos a Paco Vázquez, claro). Que ocorre ? Que se lle ten respecto ao castelán, e moi pouco ao galego. E tampouco dende as institucións que fan diccionarios normativos se lle ten moito respecto: a qué ben toda esa entrada de léxico "traducido" ou copiado do castelán nos novos diccionarios? Por qué non se recolle do portugués todo o léxico que non temos? Por que non se prioriza xa dunha vez o proxecto dun centro de terminoloxía para o galego? Non, iso sería admitir que o galego serve para algo e necesita dotarse duns instrumentos terminolóxicos apropiados. Pero non: os cartiños vanche para caralladas humanístico-literarias, e non para o que realmente importa: facer do galego unha lingua que funcione a todos os niveis. Seguimos na diglosia, fomentada desde o poder. E seguenos ensinando o galego mal: se nolo ensinaran ben, non se falaría tan mal galego. E seguen, desde a maioria das escolas, fomentando entre os alumnos a ignorancia da nosa lingua irmá: o portugués. Aínda que para Fraga é o español, pois nunha recente entrevista dixo que o galego tiña que apoiarse "naturalmente" no español (!!!!!).

Qué cómpre facer? Eu creo que contra vento e marea, seguir traballando arreo, gratis e por amor, pola cultura galega. Apoiar a todas esas asociacións de defensa do galego que están a procurar que a nosa lingua sexa un instrumento útil sen deixar de sentila como nosa. Cómpre profundizar no traballo de unión de todos os galeguistas, concepto amplio no que teñen cabida, como ben dixera Castelao, todos. Por qué hai que ser galeguistas? Pois porque non debemos esperar que os que non o son fagan algo pola cultura, a lingua e as institucións deste país. Porque hai moito traballo que facer e todos temos cabida neste proxecto. Tamén teñen cabida os que rexeitan a unidade? Pois algúns si, outros non. Non teñen cabida os que lle fan o caldo gordo á política lingüística de Fraga, infiltrados nas institucións académicas (ILGA, Academia, Centro Ramón Piñeiro) e de política lingüística e cultural. Algúns destes personaxes chegaron incluso hai anos a torpedear a creación de partidos galeguistas de centro e fixeron todo o posible para lle preparar o camiño de Fraga á Xunta (e logo foron premiados). Algúns pretenderon nun momento dado (se cadra de boa fe) "galeguizar" os partidos non galeguistas e velaí os resultados de 20 anos de autonomía: divide e vencerás. Vencestes agora, mais o choio váisevos acabar ben axiña......


"Galiza somos nós; a xente e maila fala;
se buscan a Galiza, en ti tes que atopala"
Manuel María

ZELTIA LAYA 4º C.

 

Inicio

Oferta Educativa