INTRES

I
E
S

de

M
E
L
I
D
E

Páxina de inicio do IES de Melide
As últimas  novidades no IES
O Centro, comarca e información do entorno
Actividades extraescolares
A radio do IES de Melide
Tódolos ensinos no centro: a nosa oferta
Departamentos docentes
Accede a biblioteca do IES
Intres, FalaMelide, Dalle á Lingua, ...
Visita outros sitios de interese
 
O ENCORO DE FRÁDEGAS
 
 

Foi alá polo comezo do século vinte, cando unha das máis poderosas familias da Comarca da Ulloa, "Os Ouro", iniciaron a construcción dun canal de aproximadamente 1,8 km. de lonxitude. Nel traballaron, a pico e pá, os avós da xeración que rolda hoxe a cincuentena.

Polo que din os máis vellos do lugar, a idea dos Ouro era a de construír un encoro que só funcionase cando o río levara un caudal abundante.

Compre dicir, antes de máis nada, que estamos a falar do Río Ulla na súa cabeceira, onde é o propio río o que divide os concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Agolada.

Alí se forma un dos conxuntos de torrentes máis longos e fermosos da Galiza, as torrentes de Mácara.

Ao longo de case tres quilómetros, conforman unha paisaxe única cunha grande riqueza faunística (lontras ou lóntregas, troitas, unha grande variedade de batracios e insectos, ... etc.) e da súa flora (hérbados, caxigos, acivros, sobreiras, musgos e fieitos de diversos tipos.

Tampouco podemos esquecer as augas xofradas do artigo balneario de Frádegas, que remanecen río abaixo en varias fontes á beira do río.

É de salientar tamén, os petroglifos nos penedos e restos das antigas pesqueiras, así como os usos e costumes tradicionais que aínda se conservan, como son os lameiros ou prados de rega con catro comunidades de regantes neste treito do río.

As "Torrentes" son coñecidas mesmo internacionalmente pola práctica dos deportes de risco na auga (augas bravas, canoaxe, barranquismo, rapel...), destacando pola dificultade, beleza e calidade dos seus rápidos.

A Asociación de Pescadores da Ulloa, que conta con 480 socios, ten tamén nas "Torrentes" o seu ponto clave, pois este río vivo, coa auga baixando a cachón, é onde as especies piscícolas remontan para frezar. Ao mesmo tempo, son o treito máis importante de todo o río, pola capacidade de osixenación e depuración das augas batidas.

Esta asociación conta con un refuxio de pescadores na zona, que serve de acubillo para os mesmos e tamén para realizar diversas actividades relacionadas coa pesca.

Toda esta beleza, este importantísimo recurso natural está ameazada polo proxecto de UNION FENOSA, de construír un encoro.

Este proxecto parte da suposta concesión que ten UNION FENOSA desde o ano 1962, cando foi construído o encoro de Portodemouros. Hai, evidentemente, unha caducidade manifesta, pois da suposta concesión desde esa época franquista do aproveitamento integral do Río Ulla, só foi construído o encoro antedito.

Contra este proxecto, que foi proposto vai agora para catro anos apresentáronse unhas mil alegacións. Realizáronse varia camiñadas polo entorno, e unha baixada en rafting, desde a parte baixa das "Torrentes", organizada en colaboración coas empresas de turismo de aventura: Arrepións e Turnauga.

Tamén hai interposto un contencioso contra a Xunta de Galicia por autorizar a construcción deste encoro xunto con outros sete máis,entre os que está o encoro de Sexo-Belmil.

A Asociación de Pescadores da Ulloa e a Comunidade do monte veciñal de Ramil (Agolada) tamén están facendo xestións en contra.

Así mesmo, o resto de veciños afectados dos tres concellos: Antas de Ulla, Palas de Rei e Agolada, e a asociación comarcal "Os Lobos", teñen expresado en múltiples xuntas e mesmo nos xornais e na TVG, a súa oposición.

Despois de todo isto ábrese agora un período de alegacións contra a perceptiva declaración de utilidade pública e de urxente ocupación,por parte da Consellería de Industria, que é o que pretende Unión Fenosa.

A vía máis importante que nos queda é a reivindicativa-valorativa que, xunto coa xurídica, tamén iniciada, será o único que pode parar isto, que de se levar a cabo sería outra desfeita máis nos ríos galegos. E van ...

Con todo, aínda estamos a tempo para asinar as alegacións e acudir aos actos previstos para as próximas semanas.

Non dubides en dar o teu apoio, pois así, entre todos, é como axudaremos a preservar esta beleza natural, que temos aquí tan perto.

Un saúdo. Marcial


 

Inicio

Oferta Educativa