|
Entrevista a Rodrigo Ayude, actual director da revista Intres,
e estudiante de segundo de bacharelato da rama de humanidades.
"Se queremos darlle un novo enfoque á nosa revista,
en primeiro lugar temos que conseguir nova xente."
¿Cantos anos levas sendo director?
Este é o primeiro ano que exerzo como director de Intres.
¿Cómo valorarías a participación nesta
editorial por parte dos alumnos do primeiro ciclo da ESO?
Ata o de agora existe un predominio notable na colaboración
por parte dos alumnos do segundo ciclo da ESO. Considero, sen embargo,
que é mester que os máis pequenos do IES participedes
nesta actividade de todos. Prodúceme ledicia a noticia que
me dades, dicíndome que case toda a vosa clase (S1A) se apuntou
para colaborar coa revista. Dende aquí agradézovolo
no nome do equipo de redacción e no meu propio.
¿Cantos anos leva funcionando esta revista?
Este será o vixésimo segundo ano da edición.
¿Cales son os obxectivos dende o equipo de redacción
para este ano?
Tras a primeira reunión mantida, decidimos por unanimidade
que un dos obxectivos principais para este novo ano sexa que Intres
saia antes de Nadal. Outros aspectos que estamos a ponderar, son,
por exemplo, a división da revista en seccións ou
o facer nós a maquetación.
¿Cales son as túas seccións preferidas?
En realidade, a revista non ten seccións fixas (non sei se
esta frase sobrará cando se publique esta entrevista), pero
gústame moito a orixinalidade nos artigos.
¿Que é o que máis lle gusta á xente?
¿E o que menos?
Unha pregunta difícil, a que me facedes. A mellor maneira
de contestala sería facendo unha enquisa no centro. Intúo
que algo que nos gusta a todos, é ver o noso traballo publicado,
sempre produce satisfacción e gañas para seguir traballando.
O que menos, é case seguro pagar 1€ para conseguila,
aínda que sabedes que os colaboradores, coma vós,
tedes dereito a adquirila gratuitamente.
¿Dá moito traballo face-la revista?
Si. Temos que agradecer a Susana Losada todo o que fai para conseguir
que saia sempre a tempo. Non é fácil, e estamos escasos
de tempo. Sempre se fai a toda présa. Pero é un traballo
satisfactorio.
¿Quen escribe máis, os alumnos ou os profesores?
Os alumnos, xa que teñen presente a idea que tanto repetimos:
"é a revista do alumnado do IES de Melide e non de un
grupo de persoas que se divirte pasando artigos e colocando papeis".
Os profesores, como non, tamén participan, e gustaríanos
que cada vez o fixesen máis, pero sen perder de vista o primeiro,
a revista é do alumnado.
¿Crees que deberían participar máis alumnos?
Si, aínda que nós somos conscientes de que estamos
a facer todo o posible para animar á xente. Non podemos forzar
a ninguén a escribir, ¡Deus nos libre!, pero si insistir
e convencer. Se queremos darlle un novo enfoque á nosa revista,
en primeiro lugar temos que conseguir nova xente.
¿Contades cos medios necesarios para organizar a Intres?
Ata o de agora contábamos cun departamento (Normalización
Lingüística), un ordenador, e unha carpeta moi ampla.
Susana Losada intentará este ano conseguir algúns
medios máis.
¿Cobrades algo por editala? ¿Por qué a facedes?
Non. É un aspecto que en xeral a xente non ten claro. Non
cobramos nada. Nin sequera cobramos o euro que paga a xente ó
mercala. Todo iso é unha axuda para o centro, e que así
non teña que pagar el todos os custos de maquetación
e impresión. Facemos a revista porque sabemos que é
unha cousa moi nosa, do noso instituto, coa que hai que colaborar
senón desaparece. É non custa moito botar unha man...
Ademais, alguén ten que facer ese traballo, se logo se quere
deleitar coa súa lectura.
¿Que carreira queres facer o próximo ano?
Xornalismo. Sempre me gustou esta idea, porque é unha maneira
moi boa de colaborar coa sociedade dende a información, e
porque me gusta este tipo de traballos. Ademais, gozo moito coa
lectura e a creación literaria.
¿Ser director da revista quítache tempo nos teus
estudios?
Non. É compatible Intres e 2º de BAC, ou polo menos,
polo momento. A veces non apetece despois dunha xornada de traballo
intenso, pero facémolo polos lectores.
¿Gústache o nome da revista?
Por suposto que si. Paréceme moi orixinal e o que é
mellor, non é ningún plaxio. Ademais xa é nome
de tradición.
¿Pensas que é importante ser o director da revista?
Considérome un compañeiro máis dentro do equipo.
Fun elixido por unanimidade nunhas eleccións, e creo que
todos somos en certa forma directores desta editorial. É
importante na medida da responsabilidade de contidos que poidan
ferir ou molestar a alguén, pero ese clase de artigos non
se van a publicar.
¿Cantas páxinas ten a revista?
Depende un pouco do que se colabore. O ano pasado, foi posible bater
a marca, e publicar unha revista de 92 páxinas, que son moitas.
Todo depende da colaboración que teñamos.
Gracias por dedicarnos un anaquiño do teu tempo.
Gracias a vós.
Noelia, Laura e Vanessa de S1A
|