| |
Eu son... ¡non sei quen son! ¿Paréceche normal
a estas alturas da miña vida? Nin sequera sei quen son eu
para canto máis dicírvolo a vós. O único
que sei é que son igual a vós. Teño ollos,
nariz, boca... como, bebo, durmo... ¿non sodes todos así?
¿Enténdeseme ó falar? Pois ¿cal é
o problema? O problema son os vosos ollos que me ven distinta. Fagamos
a pregunta á inversa ¿Quen sodes vós?, ¿por
que non me xulgades igual que ós demais? Isto é unha
verdadeira aberración. Teño que protestar, reivindicar
xustiza ó parlamento, ou ó presidente ou ó
mesmo Rei, pero xa.
¿Por que non podo facer o mesmo ca vós? Beber alcohol,
fumar, saír... ata teño ganas de traballar e gañar
os meus cartiños. ¡Xa está! Quero ser funcionaria.
Isto non é un goberno, un goberno igualitario que se preocupe
pola igualdade dos cidadáns, aínda que sexan inmigrantes.
¿Por que non teño a mesma liberdade que o resto?
Tratádesme como un trapo, coma un vello boneco. Manexádesme
como queredes, todos vixiando cada un dos meus movementos, tremendo
co medo de que faga algo mal. Cada palabra, cada xesto, cada sorriso
que esbozo é motivo de risa ó meu arredor.
A inxustiza repatéame, o sangue férveme. A face pónseme
vermella e unha presión no ventre non me deixa respirar...
Xa está, xa me empezo a calmar. Tranquilidade.
Agora só me queda chorar e berrar por miña nai para
que me cambie o pañal, porque, como di o anuncio ese, síntome
¡choff!
Lucía Lugrís Casares
1º Bach-B
¡¡¡EU SON...!!!
Eu son... pois... terédelo que adiviñar, xa que
ata o final non vos desvelarei quen son, ¿acertarédelo?
creo que si, porque segundo empece xa saberedes de quen vos estou
a falar.
O que máis me gusta facer é voar, está claro
que teño ás e son de verdade, que non son un anxiño,
así que iso poderédelo descartar xa.
Cando estou en voo non me gusta correr moito, porque basta que mires
para onde non debes para que te espetes contra algo e, queiras que
non, o corpo sénteo, e se vas a menor velocidade creo que
sería mellor.
Algo que me disgusta moito é que eses seres con dúas
patas, ben, para eles son pernas, con dous brazos e unha cabeza,
ós que lles deben chamar persoas, digo deben porque eu máis
ben chamaríalles salvaxes (porque o parecen) que me anden
a tirar pedras cando me ven ou me disparen cunha pistola para matarme,
cando ás veces nada máis que estou a comer unha breviña
e quen di unha breva outra cousa, pero é que esa xente non
se dá conta de que eu me teño que alimentar segundo
o fan eles e eu, claro está, non dou cultivado nada para
poder comer, ¿e de que vou vivir se non? pois... picarei
un pouco de aquí e un pouco de alá arriscándome
á morte, pero, a verdade é que se non como vou morrer
tamén, así que ben vedes todos a miña vida
que está destinada a morrer, pero mentres aló non
chego intentarei contarvos máis cousas de min.
O que verdadeiramente me gusta do que eu son é que agora
estou aquí e en dous segundos xa estou acolá, e seguro
que nisto lles dou envexa ós homiños eses que me dan
pedradas, ¿a que si?, pero estalles ben, dalgunha maneira
me terei que mofar eu deles, que así e todo non darei cultivado
a miña hortiña, pero tonto de todo tampouco son, nin
quero que me tomen polo que non son.
Unha cousiña, as brevas gústancheme ben, pero de cando
en cando fago unha pequena festiña e tómolle un verme,
unha miñoca ou algo así, que están moi boas,
supoño que xa o saberedes, ¿ou non? ¿ou é
que vós nunca probastes diso? Claro, vós diso non
comedes e non sabedes o que perdedes, pero mellor para min, porque
así sachades a horta e eu como dela e mais como os bichiños
que por alí aparezan, ¡¡¡eu si que sei
eh...!!!
Creo que non me queda moito máis por falar de min, pero rógovos
a todos que se me esquenzo de algo que mo recordedes, ¿parécevos
ben?
Ah... pensastes que me esquencía, eh... pois non, agora que
xa non vos vou contar máis nada de min, vouvos dicir quen
son: son un paxariño, un paxariño infeliz sen saber
qué facer da miña vida, sen máis nada que recibir
o que me boten os demais, así que abandónovos, que
vou vixiar se anda algúne arredor daquela figueira, que a
fame empeza a apretar, a barriga pide de comer, e de vez en cando
hai que lle compracer algún que outro caprichiño.
Sen máis nada, ata que acabe de comer, se non me matan antes.
Isabel Vilariño Fociños
1º Bacharelato C
EU SON O RÍO
Todo o mundo me chama o río, e a miña historia comezou
hai moito tempo. Eu nacín nun pequeño regato no alto
das montañas, non me lembro moito porque era moi cativo,
aínda que podo recordar que hai moito era moi frío
e chamábanme xeos, pero coa calor do verán viñeron
os desxeos e comezou a miña nova vida. Logo fun medrando,
e comigo xuntáronse máis regatos que me fixeron pouco
a pouco máis grande; o meu percorrido ía sempre cara
abaixo, por iso un dos meus soños é poder ir para
arriba, pero creo que nunca o conseguirei.
Unha das miñas sorpresas foi cando notei que albergaba máis
seres no meu interior; empecei a notar unhas pequenas cóxegas
dentro de min e máis tarde decateime de que eran peixes.
No meu percorrido sempre cara abaixo quedei sorprendido da cantidade
de cousas que vin, árbores, animais que incluso paraban a
beber nas miñas augas e moitas cousas incribles. Din que
os ríos o somos todo, que sen as nosas augas non habería
vida, non sei se será verdade; mais en moitos dos meus tramos
a miña cor tórnase escura do lixo que a xente bota
ó meu interior, polo que ás veces penso que non é
verdade. A miña idade non a sei con exactitude, pero xa son
moi vello, cada vez son máis ancho e creo que me vou achegando
ó mar, á miña morte, xa podo notar a auga salgada
do mar, coido que esta é a miña fin, pero noto algo
raro, vai moita calor, parece que me estou elevando, será
que morro, pero non pode ser, aínda podo sentir, agora estou
no alto, son unha nube e xa o entendín todo, dende aquí
podo velo todo moi ben, pero logo voltarei á Terra e empezarei
de novo; os ríos non morremos nunca.
Francisco José Vázquez Yáñez
|
|