| |
Foi no curso 2002-2003 cando os nosos antecesores na materia de
Métodos Estatísticos e Numéricos fixeron unha
enquisa neste centro sobre temas que estaban e seguen a estar de
actualidade, temas que nos interesan e nos caracterizan a todos
nós, á xuventude.
Moitos de vos estaredes a facer memoria e preguntarédesvos
porque non vos enquisaron. Pois ben, temos que dicirvos que nas
enquisas non se lle pode preguntar a todas as persoas, polo que
a mostra (cantidade de persoas enquisadas) foi de 80 rapaces e rapazas
escollidos ó azar nos diferentes cursos.
Despois de aclarar isto, ímonos meter cos datos da enquisa,
onde algúns ides quedar abraiados e outros sentirédesvos
identificados. Aí van as vosas respostas.
-¿Estades de acordo con que non se poida estudar na biblioteca
en horas non lectivas?
Esta é unha pregunta que nos suxerimos moitas veces cando
estamos concentrados estudando para o exame que temos á hora
seguinte e nos mandan para a clase. Ti vas de mala gana, pero hai
que ir.
Sen embargo facémosvos esta pregunta e respondedes o seguinte:
un 21,3% responde que si, que están de acordo e un 77,5%
responde que non, ó resto parécelle indiferente.
-¿Cómo valorades a actuación do goberno ante
o caso do Prestige?¿E a influencia do profesorado ante o
caso do Prestige e a Guerra de Irak?
O 7,6% dos enquisados, valora positivamente a actuación do
goberno fronte o caso do Prestige, o 71,3% considera mala a actuación,
mentres que o 15% considéraa aceptable.
E sen desviarnos do tema o 21,3% sentiuse influído polo profesorado
do IES de Melide nos temas do Prestige e da Guerra , fronte un 72%
que non se sentiu influído.
-¿Que canle de TV considerades máis axeitada para
mantervos informados?
Os enquisados considerastes que a mellor canle para informarse é
TVE cun 36,3%, pero esta porcentaxe está moi rifada coa de
T5 que é vista por un 32,5% dos enquisados. Un 10% di que
prefere A3. Esta e a TVG, van moi seguidas en canto as súas
porcentaxes, esta última cun 8,8%. Canal+ consta como a que
menos se ve con só un 5%. Tamén é certo que
algúns dicides que preferides outras ou que non sabedes cal
escoller para mantervos informados.
-¿Escoitas os programas da radio do IES de Melide?
Está claro que a radio do IES de Melide non é unha
emisora moi escoitada xa que tan só un 14% do enquisados
afirman escoitala. Hai que facer un chamamento a todos os rapaces
e rapazas: escoitade Falamelide, ¡ gustaravos !, e animade
á xente do voso arredor a que o faga.
-¿Estás de acordo co trazado establecido da autovía
Santiago-Lugo?
O 20% dos enquisados está a favor do seu trazado actual,
mentres que un 67,5% está en contra, apoiando o cambio do
trazado. Quedan só un 12,5% que dicides que non sabedes ou
non contestades. ¡Como non ides saber se estades ou non de
acordo!
-¿Que pasa con Galiza e co noso idioma?
Pois os rapaces do IES de Melide contestastes do seguinte xeito:
un 25% das rapazas opinan que queren a independencia para Galiza
fronte o 50% que opina que non, mentres que os rapaces mostrádesvos
algo máis cautos,o 20% queren a independencia para Galiza,
,mentres que o 72,5 non a queren. ¿Imaxinades a Galiza independente?¡
Galiza un país ! ¿Sen depender de España? Dende
logo unhas preguntas difíciles de respostar,pero podemos
ter en conta que se considera máis galego que español
o 32,5% e só galego o 23,8%, fronte a un 50% que se considera
máis español ca galego, e só español
o 1,3%. O 32,5% considérase tanto galego como español.
E se o relacionamos cos que queren a independencia para Galiza obtemos
os seguintes resultados: o 36,8% dos que só se identifica
como galego quere a independencia, o 30% dos que se identifican
máis galegos ca españois tamén a quere, e como
é lóxico a totalidade dos que vos considerades só
españois e os que vos considerades máis españois
ca galegos non queredes a independencia para Galiza.
Agora se observamos cal é a nosa lingua nai, vemos que o
galego non está nada morto. ¡ Atención ! Falan
galego o 87,5% dos rapaces e o 12,5% falan castelán ,mentres
que as rapazas falan o 80% galego e castelán o 15%. Como
podedes ver xa podedes falar galego porque hai moita xente para
conversar con vós.
-¿Tabaco, alcohol e drogas?
Agora referímonos ás contestacións sobre tabaco,
alcohol e drogas en nun principio xa vos adiantamos que de pronto
todos sodes moi sans, por exemplo, no caso do alcohol só
o 19% tivo algunha borracheira. No caso do tabaco só fuma
diariamente o 6% e o 20% fuma ocasionalmente, pero iso si, cando
preguntamos se debería prohibirse en lugares públicos,
aínda que poucos son os que fuman, os demais son tolerantes
e a maioría di que non se debería prohibir.
Agora tócalle a vez ás drogas, no que atopamos que
só o 6% as probou e que case ninguén as viu no seu
entorno, ¡ nin que agora fósemos todos cegos! Dos que
recoñeceron probalas, a maioría probou o cánabo(marihuana,
haxis, porros). Cando preguntamos os motivos de por que empezastes
a tomar drogas coincidides en que foi pola sensación que
se experimenta.
Neste tema queremos dar a nosa opinión sobre estes datos,
nos que se ve claramente que a enquisa foi tomada a broma, porque
nós, ó igual ca vós, saímos por aí
e vemos o ambiente que hai o sábado pola noite. Aproveitamos
a ocasión para pedirvos que tomedes as enquisas coa importancia
que deben ter, pensando que detrás de cada pregunta hai unha
morea de traballo feito por compañeiros. Ademais non teñades
medo a respostar, xa que son anónimas e nunca se saberá
quen respostou e que preguntas respostastes, xa que son anónimas.
¡Tomade as enquisas en serio !
-¿ Practicas algún deporte?
Segundo a enquisa feita no I.E.S. de Melide o deporte que máis
se practica é o fútbol cun 18.8 % dos enquisados,
seguido da natación cun 7.5 % e do baloncesto cun 6.3%. E
claro, despois están os que practican varios deportes; neste
grupo están o 31.3 % dos enquisados.
-¿Cal e o seu equipo de fútbol preferido?
Da xente enquisada hai un gran dominio dun equipo galego, o Deportivo
que é seguido por un 45 %, seguido do Real Madrid cun 25
% e dun 23.8 % do Barça. E como se nota que estamos na provincia
da Coruña porque seguidores do Celta só hai un 1.3
% dos enquisados. A algúns danos vergoña mirar para
estes datos por que sendo galegos non se debería seguir a
uns equipos como o Real Madrid e o Barça que non te representan
para nada. Menos mal que estamos aí os seguidores do Depor.¡¡¡QUE
SENON!!!!!
-¿Estou gordo? ¿Teño que adelgazar?
Que preguntas máis habituais cando nos miramos ó espello.
Pois fixádevos nas seguintes porcentaxes: de 40 rapazas 23
queren adelgazar, o 57,5%; mentres que 14 non queren adelgazar,
o 35%. De 40 rapaces 7 queren adelgazar, o 17,5%; mentres que 33
non queren adelgazar, o 82,5%. ¿Qué opinamos? Pois
o 42,5% pensan que están gordas, e o 50% séntense
a gusto co seu corpo. Mentres que no caso dos homes o 20% séntense
gordos e o 80% vense ben.
Dentro deste tema hai unha gran diferencia entre rapaces e rapazas,
os rapaces non lle dan tanta importancia e as rapazas danlle demasiada
importancia.
-¿Cantas horas diarias lle dedicades ó estudo?
En xeral, o 11,3% non estuda ningunha hora, o 23,8% estuda menos
dunha hora, o 40% estuda de 1 a 2 horas , o 13,8% estuda de 2 a
3 horas e só o 8% estuda máis de 3 horas. Hai que
destacar que a diferencia entre sexos é notable, denotando
un maior adicamento ó estudo as rapazas. ¡Rapaces,
hai que estudar máis!
Alumnos de Métodos Estatísticos e Numéricos
|
|