| |
Fátima e Adra tiñan 10 e 12 anos, vivían nunha
aldea ó norte de Bagdad, a menos de 100 km. da capital. Non
sabemos se estas dúas nenas iraquís podían
ir o colexio a estudiar algo parecido a sexto de primaria ou 1º
de ESO, nin sequera sabemos se existe un edificio para tales fins
nunha zona que seguramente ten problemas de abastecemento de auga
e luz. O que si sabemos é que non tiñan calefacción
nin vitrocerámica. Como outras moitas nenas, Fátima
e Adra debían recoller leña e calquera cousa que ardese
para poder cociñar e quentarse.
Unha tarde, a finais do pasado mes de novembro, estas dúas
nenas saíron a cumprir coas súas tarefas domésticas
e xa non volveron. Un pelotón de soldados norteamericanos
andaba a busca dun presunto terrorista que se agachara na zona.
Os soldados cercaron a aldea prohibindo á xente saír
das súas casas, desoíron os berros da familia explicando
desesperadamente que dúas nenas estaban fóra, e, coma
nas películas de guerra, dispararon "contra todo o que
se movía". Segundo testemuñas presenciais, unha
oficial preguntou cando descubriron o corpo moribundo de Fátima
: "¿Era isto o que buscabamos?". Os militares levaron
a Fátima a un hospital, onde faleceu ó pouco de chegar,
e seguiron cercando a zona, sen deixar que os veciños saísen
e puidesen auxiliar a Adra, no caso de que aínda estivera
con vida. Cando puideron saír, atoparon o seu corpo entre
unhas silveiras. Seguramente agachouse alí cando estaba ferida
e aterrorizada.
As primeiras declaracións do exército norteamericano
á policía iraquí foron que "as nenas estaban
armadas". Como errare humanum est, e rectificar é de
sabios, un vehículo militar achegouse pola noite á
aldea para pedir escusas por megafonía. A explicación,
coma a de outras tantas víctimas, é que estaban no
lugar inadecuado nun momento tamén inadecuado. ¿QUEN
ESTABA NO LUGAR INADECUADO NO MOMENTO INADECUADO?, é case
o mesmo que preguntar "¿e lojo, ti es de aquí
ou ves á festa?".
Fátima e Adra foron enterradas o día seguinte en
silencio, sen honores porque só foron dúas mortas
anónimas máis na conta sen conto que son as baixas
iraquís. É posible que nin sequera o seu pai coñecese
súa morte, xa que foi detido hai meses polas forzas da ocupación
e o queda da familia non sabe nada del.
Outro erro humano produciuse cando en España celebrábamos
con bandeiras mastodónticas e jolgorio real os 25 anos de
liberdade "constitucional". Nove nenos afgáns volvían
a estar no lugar inadecuado no momento inadecuado e morrían
nun ataque do exército norteamericano a un presunto terrorista
na provincia de Ghazni. Xa se sabe, é que os nenos son o
demo, ¡mira que estar xogando ó fútbol en vez
de estudiar!
O problema dos erros humanos ou dos danos colaterais, como se lles
da por chamarlle agora, é que sempre os sofre o colectivo
que non pode elixir: os agredidos. Se Fátima e Adra puidesen
elixir, seguramente preferirían estudiar a ESO e primaria
en Arabia Saudita, California ou Melide, iso si, nunha casa con
calefacción e vitrocerámica, porque saír ó
monte a por leña é moi perigoso. Os únicos
que elixen sempre son os agresores, eles elixen os seus obxectivos,
aínda que se equivoquen. Na maioría dos casos, os
agresores tamén elixen a agresión como profesión:
o exército é unha saída laboral, aínda
que sexa certo que en moitos casos hai que traballar no que sexa
para sobrevivir.
De todos xeitos, se temos de desgracia de ter que vivir un conflicto
bélico, a mellor forma de sobrevivir é estar no exército,
polo menos alí non seremos víctimas de danos colaterais
nin de erros humanos. Estaremos sempre onde debemos estar, en cada
momento oportuno. Se nos firen, iremos a un hospital militar e non
a un precario centro sanitario do país destrozado por nós
mesmos. Se nos fan prisioneiros, teremos a oportunidade de ser rescatados
nunha operación espectacular e converternos en heroes vivos.
Se temos a mala sorte de caer nas mans duns fanáticos terroristas,
que nos interceptaron no momento inadecuado e nun lugar inadecuado;
morreremos coma heroes e seremos enterrados coma tales, cumprindo
o noso deber e defendendo valores tan sublimes coma "la liberdad,
la democracia y los valores que definen nuestro modo de vida".
S. Losada
|
|