| |
Cando estudiabamos a historia de España a algúns
ensináronos a definición de heroe nacional como aquel
ou aquela que defendera de forma exemplar, moitas veces a costa
da propia vida, a patria dos inimigos invasores. A lista era grande,
sobre todo para os que vivimos a escola do final do franquismo.
Comezábamos por Viriato, caudillo lusitano que resistira
a invasión romana ata que foi traizoado polos seus. Máis
tarde, ó estudiar que os romanos civilizaran a península
Ibérica, e que romanización era sinónimo de
progreso para case todos pobos bárbaros non romanizados,
caímos na conta de que Viriato fora un terrorista antiglobalización.
A continuación estaba don Pelayo iniciando a reconquista
dende Covadonga, despois de aparecérselle a Virxe en sonos
animándoo a expulsar ós infieis. A partir de aquí
(e ata hoxe mesmo) aniquilar mouros a destra e sinistra foi a maior
heroicidade que podía facer alguén para pasar a historia,
véxase o Cid Campeador, Fernando III o Santo e algún
que outro, aínda vivo, que xa será glorificado no
seu momento.
Unha vez expulsados os elementos invasores, pagáns e impuros
como foron mouros e xudeus; o incipiente Estado Español dedicouse
el mesmo a invadir, para exportar os demais pobos de Europa e América
eses incuestionables "valores que definen nuestro modo de vida"
a cambio de outros valores máis materiais que melloraron
o modo de vida, senón de todos os españois, duns cantos
nobres que se dedicaron a tales empresas.
A principios do século XIX, España sufriu unha nova
invasión. As tropas napoleónicas invadían España,
aproveitando un tratado con Godoy, ministro de Carlos IV, que lles
permitía o paso polo país para intentar conquistar
Portugal, aliada da inimiga Inglaterra. Os franceses en realidade
viñan a liberarnos "de una tiranía atroz",
instaurando un réxime liberal baixo o reinado de Xosé
I (Pepe Botella, segundo as malas linguas). Os "gabachos"
traían a liberdade e salvábannos do escurantismo e
absolutismo de Fernando VII, fillo de Carlos IV, cunha constitución
de corte liberal que anulaba os privilexios feudais, ¡¡nada
menos que a primeira constitución española!!. O desagradecido
pobo español, en vez de aceptar esta salvación, organizou
unha resistencia sen precedentes, conseguindo expulsar o invasor
mediante un sistema de guerrillas (terrorismo puro e duro) co apoio
do exército inglés. Na escola e no instituto estudiabamos
como os heroes Daoíz e Velarde, desobedecendo as ordes dos
seus superiores, entregaran armas ós madrileños na
mañá do 2 de maio de 1808 para que o pobo puidera
facer fronte ó invasor.
Á vista dos feitos actuais e da posición oficial de
España na guerra de Iraq, debemos reinterpretar a Historia
e considerar que Daoíz e Velarde, Agustina de Aragón
e outros moitos coñecidos ata agora coma heroes, non eran
máis que meros terroristas "fanáticos",
que "amenazan la vida y la libertad de todos", xa que
no quixeron aceptar a liberdade e o progreso que lle traían
as forzas da ocupación francesa.
Así poderíamos explicar a unha alumna ou alumno da
ESO o famoso cadro de Goya "Los fusilamientos del 3 de mayo":
a esquerda, de fronte, están os terroristas mortos ou agardando
con horror a morte xusta, xa que eles atacaron a traizón
as forzas da ocupación que ían libralos do tirano.
Á dereita, de costas, cumprindo co seu deber están
os heroes, que deixaron as súas familias e o seu país
e arriscaron a súa vida pola liberdade e a constitución.
S. Losada
|
|