|
Nunca me gustaron as comparacións. Este concepto dá
a entender quen son os mellores e quen son os peores. Non hai un
termo medio.
Preguntáredesvos por que digo isto; pois polo seguinte:
Agora estou cursando segundo de bacharelato e a miña clase
é a que se corresponde coa letra C, aínda que hai
outras dúas, a A e a B. Polo visto, a meu sería o
peor dos tres cursos. Aínda que hai profesores que nolo din
á cara, hai outros que nos botan indirectas: "que se
os da clase do lado amosan máis interese" (ao que hai
que engadir que a mairoía da xente que está en bacharelato
é porque quere), "que se os outros fan os exercicios
todos os días"... e outras cousas máis. Vale,
¡que quizais teñan razón!, pero igual o problema
sexa debido a causas superiores.
Estamos no derradeiro curso. Aínda que aos profesores lles
pareza unha tontería, eu quixera que voltaran á súa
xuventude, cando eles tiñan dezasete ou dezaoito anos, e
que se lembrasen do que sentían ¡Si, si! Seguro que
moitos pensarán que eles sempre estudaban, que se esforzaban
e todo iso, pero... ¿a que no fondo se sentían presionados
e non daban atendido a todo?
Aproveitando que estas liñas van dirixidas a vostedes,
quería falar do respecto cara os individuos que conforman
o centro escolar. Os alumnos teñen o deber de non faltarlle
ao respecto aos profesores, pero eles teñen que dar exemplo.
Segundo a miña opinión, creo que faltarlle ao respecto,
un alumno a un profesor e viceversa, é un signo que dá
a entender a falta de educación.
Quero dicir que isto non é unha crítica, senón
que é o que pensa unha alumna capaz de expresar as súas
ideas, nun país con "certa liberdade de expresión",
sobre un tema que alude aos superiores do centro.
Pamela Cordido Méndez B2C
|