|
Castro Pedro. San Pedro de Folladela. Melide.
Un rapaciño de Ordes andaba gardando o gando e ó chegar
ó castro apareceulle unha muller cunha tenda, dicíndolle:
- Neniño, qué cousa é que che gusta máis
disto.
- Pois, señora, gústanme esta tesoiriñas
- Pois ben, ven mañá por elas; pero trae un molete
de pantrigo e unha cunca de manteiga, que chas hei de dar.
Ó día seguinte, o rapaz foi ó castro e sentouse
riba dunha pedra, pousando a cunca e mais o molete. Cando quixo
erguerse, notou que estaba apegado á pedra, e era que contara
na casa o sucedido no monte e non tivera tino do segredo do que
a moura lle encargara.
Chegando a noite, oíu unha voz que lle dixo:
- Neniño, vaite, que teñen moita pena por ti na túa
casa.
O rapaz marchou, mais a manteiga e o pantrigo quedaron apegados
para sempre.
***
Neste castro hai tres trabes; unha de ouro, outra de prata e outra
de alcatrán, que veñen dende o castro de Paradela.
Como non se pode tocar a de alcatrán, pois todo estouparía,
non se poden coller as outras, que poñerían rica á
toda a veciñanza.
***
Din tamén que no castro hai unha señorita encantada.
Remaneceu a historia do encanto porque un individuo deste país
caera prisioneiros da mourería, alá polas Castelas;
mais, un día que nevaba, dixo el:
- Cando acó neva, qué fará entre o castro Pedro
e o castro de Paradela. Oírono os mouros e entón preguntáronlle
se coñecía os castros que nomeara. Dixo o preso que
si, e díxolle un mouro:
-Vostede podía facerse rico para toda a súa vida se
chegase a desencantar o encanto que hai no castro Pedro.
Para iso deulle o mouro tres moletes e cada un co seu periquete,
dicíndolle:
- Mira, non lle crebes ningún destes periquetes, nin lle
tires un só bolisco ó pan. Ó chegar ó
castro Pedro, colles un dos moletes e tíralo no medio do
terreo do castro, dicindo:
- Aureana, Aureana, toma o bolo que cha dá a túa Ana.
Botas o segundo e dis o mesmo, e sen variar nin chisco, guindas
co terceiro molete.
Veuse o outro, xa ceibo, á casa e trouxo consigo os moletes,
sen lles tocar para nada, nin deixar que outro lles puxese a man,
mais a súa muller non paraba por saber o que traía
no saco, e azoroñou e azoroñou, e por fin no só
viu e apalpou os moletes, senón que a un tiroulle o periquete.
Cando ó outro día pola mañá viu o home
tal cousa, púxose que botaba lume contra súa muller.
Así e todo marchou para o castro e dixo todo canto lle mandaran
os mouros. Ó guindar co primeiro bolo, saíu unha señora
belida montaba nunha mula moi chea, que fuxiu coma un lóstrego;
botou o segundo molete e saíu outra moza do mesmo xeito.
Finalmente guindou o bolo espinicado e de súpeto saíu
outra señora non menos fermosa, pero montaba nunha mula coxa
e así non puido fuxir. Enrabiouse moito a moza contra o home
porque deixara espinicar o pan e máis porque deixara aquel
bolo para a derradeira, pois, como lle dixo ela, se saíra
na primeira, levábana as outras, e así tiña
que quedarse soa no castro. Mais antes de meterse ó fondo
da terra, deulle unha cinta dourada para que lle puxera á
muller, que lle había de estar moi ben.
Mais o home fixo doutro xeito e atou a cinta a árbore, que
nun instantiño quedo feita borralla.
***
Dise que un home dos da casa de Fonte-Xoán leváballe
de comer e de vestir, sobre todo carne de vaca e pantrigo, á
señora coxa que estaba encantada no castro. Ela en cambio
deulles moitos cartos, e a conta deles, aínda din que estudiou
a carreira don Leoncio, capelán de D.Saturnino Calderón.
Seminario de Estudos Galegos, 1933. Terra de Melide.
Recollido por Patricia.R.M. Anita.P.B. E Paula.P.C. 2º ESO
C
Castro de Vilamor. Santo Estevo de Vilamor. Toques.
Hai neste castro, segundo contan, tres vigas; unha de ouro, outra
de prata e outra de alcatrán, que alampa en lume se se lle
toca.
...
Contan que a casa de Fraga medrou a conta dun encanto que había
no castro, e tanto medrou que ata tivo crego na casa. Pois o amo
dela leváballe moita vida para comer e vestirse, e en troques
o encanto dáballe cartos. El non podía dicir nada
de nada, pero a muller fixo e fixo e conseguiu que o home lle dixera
o conto. Foise outro día o Fraga ó castro e déronlle
unha saia para a muller, mais el, sabe Deus por qué, colgou
a saia nunha árbore e de súpeto todo se alampou, e
queimouse todo.
Dende aquela non volveu o Fraga ó castro.
Seminario de Estudos Galegos, 1933. Terra de Melide.
Recollido por Guti E Borja, 2º ESO C
Castro de Meire. San Pedro de Meire. Melide.
Aquí, aínda hai pouco, aparecían os encantos
dos mouros. Estando a facer unha casa, preto do castro, as mulleres
que levaban a comida ós canteiros viron varias veces un castrón
nun lado do parapeto, que desaparecía en canto facían
intención de collelo.
***
Estaba eu botando as patacas nunha leira que teño preto
da fonte que hai a 200 metros do castro, cando un meu irmán
deu en berrar dicindo que tiña sede. A nai mandouno á
fonte e, cando chegou a ela o rapaz, dixo:
***
- Mi madre, na fonte non se pode beber que está cuberta
cun pelico.
A fonte estaba encantada, pois había pouco que miña
nai bebera nela e, cando acudín a ver o que pasaba, o pelico
xa desaparecera.
***
Andaban unhas rapazas gardando as ovellas, preto do castro, e viron
unha moza moi fermosa que fiaba. Para saber cómo facía,
quixéronse achegar a ela, mais no mesmo instante desfíxose
e desapareceu.
***
Outro día apareceu no mesmo lugar unha señora cunha
tenda que tiña moitas cousas boas. Pasaba un rapaz polo camiño
e díxolle a tendeira, mostrándolle os obxectos:
- ¿Que che gusta máis disto?
- Gústanme estas tesoiras.
- Pois que che quiten os ollos con elas.
***
Polo castro pasan tres vigas: unha de ouro, outra de prata e no
medio a terceira, que é de lume. As tres van dende a fonte
de Xesteira deica Santa Mariña.
Seminario de Estudos Galegos. 1933. Terra de Melide.
RecollidO por Borja Pérez e Javi Rúa. 2º ESO
C
Castro de Pedrouzos. Santa Mariña de Pedrouzos. Melide.
Din que no castro de Pedrouzos hai tres minas ou vigas; unha de
ouro, outra de prata e outra de alcatrán. Como non se sabe
cal é esta e tocarlle non se pode, pois todo canto hai no
arredor queimaríase, non se anda en busca das outras dúas.
***
Neste castro había tamén un señor encantado,
e dunha vez pasou por alí unha muller que daba o peito. O
encanto, a quen ninguén vía, chamouna para que dera
de mamar a un neniño que el tiña e levouna por unha
mina moi longa ata unha casa bonitísima. Despois que lle
deu de mamar, trouxo o señor unha untura e mandoulle á
muller que metera nela os dedos e logo que lle untara os ollos ó
neno. Fíxoo así, mais ela case sen se dar de conta
pasou os dedos por un ollo seu e dende entón vía por
el coma os encantos.
Ó outro día era 27 e foi a muller á feira
das Cruces de Sobrado, e polo ollo que untara viu ó señor
do castro que ninguén máis vía. En vez de calar
e de non facer caso, chamouno aínda que el non lle falaba.
Ó outro día a muller foi ó castro e díxolle
o señor:
- ¿Con que ollo me viches na feira?
Ela mostroulle con cál fora e tiroullo naquel instante.
...
Seminario de Estudos Galegos, 1933. Terra de Melide
Recollido por Patricia R.M, Paula P.C e Anita P.B. 2º Eso-C
Castro de Novela. Santa María de Novela. Santiso.
Unha rapaza, a Marica de Curros, andaba a gardar o gando nos eidos
do castro e levaba consigo unha ola de leite para facer manteiga.
Cando estaba batendo no leite foron chamala uns forasteiros, dicíndolle
que viñera asistir a unha muller que estaba de parto. A rapaza
tomou medo e fuxiu, mais cando chegaba preto da igrexa aínda
lle saíron un frade con hábito e un rapaz que lle
ofreceron moitos regalos se se ía con eles.
***
No castro gárdanse moitas riquezas. Sábese o sitio
onde están atuadas porque batendo no chan resoa como se estivese
oco.
***
Noutro tempo había encantos que semellaban mozas
***
Nuns eidos cheos de broza que hai por riba do lugar era onde se
enterraba os mouros ou os fauciosos.
Seminario de Estudos Galegos, 1933. Terra de Melide.
Recollido por Natalia Penas, Vanesa Penas e Borja Pérez-
2º ESO- C
O FERREIRO DE CASTRELOS (Vigo)
Había en Castrelos un ferreiro que deixara de pasar os días
da súa mocidade sen decatarse de que había mulleres
no mundo, e chegando a vello deulle por se namorar totalmente dunha
rapaza nova moi cobizada por todos os mozos da fregresía.
O ferreiro era rico e logrou facerse dono da mellor xoia de Castrelos;
mais os mozos, xuramentados, lograron acedarlle a vida.
O vello namorado cravou as fiestras da casa, pechou a muller dentro
e nin con eso logrou durmir un sono acougado, porque nas noites
de ruada os mozos enchían o vento de cantigas de maldicir
e o sangue do vello virábase solimán.
A muller do ferreiro era moi devota e á forza de bágoas
logrou licencia para ir á misa todos os días. A casa
estaba a carón do adro, e a porta sur da igrexa daba dereitiño
á porta da ferrería, de xeito que o ferreiro podía
traballar ollando á súa muller na misa. Con todo e
nin con eso a coitada tiña paz na casa de Deus, pois os ollos
do seu dono feríana de lonxe con dúbidas noxentas.
Unha mañanciña chegou pola porta da ferrería
unha vella lurpia, tida por meiga en todo Castrelos e nos seus arredores,
e solermiñamente deitou nos oídos do ferreiro estas
verbas ponzoñentas:
- Por moitas voltas que lles deas, ti morrerás axiña
e a túa muller casará... casará cun rapaz que
sei eu...
Naquel intre a pobre casada, de xeonllos na igrexa, pedíalle
paciencia a Santa María. O vello ferreiro fitouna e sentiu
que se lle subía á cabeza un ramo de sangue. Adoecido
polos ciumes colleu un ferro e meteuno no lume... Os foles da ferrería
traballaron de firme e o ferro púxose de contado dun roxo
írtido, luminoso... Entón o ferreiro colleu o ferro
candente e encamiñouse á igrexa, disposto a desfacer,
diante de Deus mesmo, a fermosura da súa muller.
E Deus, o bo Creador de todo, non quixo que o ferreiro desfixese
unha das súas mellores obras, e cando o ferreiro, cego de
ciumes, ía entrar na igrexa, tapouse a porta supetamente
cunha parede de pedra.
O milagre foi sonado naquel tempo e aínda hoxe a porta sur
da igrexa de Castrelos aparece tapada.
SABEL IÑ A E OS MOUROS
Un día, unha nena foi ó monte da Pena Moura por leña,
e viu uns mozos que lle dixeron:
- Neniña, ven aquí.
A nena foi, e collérona e metérona nunha cova onde
a mataron, e despois metérona na pota. E despóis a
nai chamaba a Sabeliña, e non respondía. E desde dentro
da cova, dixéronlle os mozos:
- Sabeliña, Sabelota, Sabeliña está na pota.
E a nai marchouse para a súa casa chorando pola nena.
O CASTRO DE VILLAR DE FERREIROS VISANTOÑA- SANTISO (A CORUÑA)
Contan que os da casa de rozas de Ablín viñeron arriba
á conta das mozas que no castro
vivían. Nesta casa había un arriero e íalles
levar viño e outras cousas e as mozas dábanlle moitos
cartos. Como as levaba de noite, a muller sempre lle estaba a preguntar
para onde ía co viño e el unha vez dicía a
un sitio e outra vez a outro.
Mais un día a muller fixo e fixo ata que arrincou ó
home o segredo de que o viño era para as mozas do castro.
Cando ó outro día foi o arrieiro o levar o viño
e as outras cosas, non puido entrar, porque falara máis do
que debera.
A MOURA DO CASTRO DE BAÍNTE
Estaba unha moura asollando ouro no castro cando acertou a pasar
por
alí un home de Baínte, que se quedou a ollar para
tanta riqueza e dixo:
- Ai ¡Se me dera un pouco!
Ó que a moura respondeu:
- ¿Quérelo ós puñados, ou quérelo
ós ferrados?
E o home de Baínte exclamou moi pronto:
- Quéroo ós ferrados.
- Pois logo vai axiña buscar a medida.
Correu o home cara á casa, mais cando voltou coa medida,
o ouro e a moura xa desaparaceran. E o de Baínte laiábase:
- Se dixese ós puñados, poida ser que arestora algún
ouro fora meu
David García Mejuto e Adolfo Iglesias Varela.1º ESO
A
REFRÁNS DA VIDA DIARIA.
Xente nova e leña verde todo é fume.
Home pequeno, fol de veneno.
A ovella que berra, bocado que perde.
En maio aínda a vella queima o tallo.
En abril, augas mil.
Ano de ameixas, ano de queixas.
Canta máis présa, máis vagar.
Morra Marta, morra farta.
Onde hai patrón non manda mariñeiro.
A muller e a sartén na cociña están ben.
Non hai atallo sen traballo.
Nunca chove coma trona.
O que non chora non mama.
Polo pan baila o can.
David García Mejuto e Adolfo Iglesias Varela.1º ESO
A
A cabalo regalado non lle mire-lo dentado.
En abril aguas mil.
En abril sae o cuco do cubil
En maio aínda a vella queima o tallo.
Deus sempre da pan o que non ten dentes.
Miguel Pampín, Marcos Cardo, Adrián Mosteiro
|