INTRES

I
E
S

de

M
E
L
I
D
E

Páxina de inicio do IES de Melide
As últimas  novidades no IES
O Centro, comarca e información do entorno
Actividades extraescolares
A radio do IES de Melide
Tódolos ensinos no centro: a nosa oferta
Departamentos docentes
Accede a biblioteca do IES
Intres, FalaMelide, Dalle á Lingua, ...
Visita outros sitios de interese
 
RYSZARD KAPUSCINSKI
 
 

PREMIO PRÍNCIPE DE ASTURIAS 2003
UNHA LECTURA OBRIGADA PARA FUTUROS XORNALISTAS

"A guerra é a degradación do home ó mesmo nivel ca besta.
Cada guerra é unha derrota para todos. Non hai ningún vencedor."
R. Kapuscinski

Este ano o premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades recaeu sobre o periodista e escritor polaco Ryszard Kapuscinski. Testemuña de guerras e revolucións e dos principais acontecementos da segunda metade do século XX, o galardonado é un mestre do reportaxe que reclama para a súa profesión o compromiso de rescatar ós esquecidos e falar polos que non teñen voz.
Naceu en Pinsk (hoxe Bielorrusia) en 1932, licenciouse en historia ós 17 anos e traballou na axencia polaca Polish Press entre 1959 e 1981. Nesta época estivo nas zonas máis conflictivas do planeta, sendo testemuña da descolonización africana, da caída do réxime chileno ou a revolución de Irán. Na súa carreira como reporteiro presenciou 27 revolucións e viviu en directo as atrocidades de 12 frontes de guerra, chegando a salvarse en catro ocasións de condenas de fusilamento. Nos anos 80, canso da censura polaca, comezou a colaborar con xornais e revistas internacionais ó tempo que desenvolvía a actividade literaria mediante a grande reportaxe. Na actualidade comparte o seu tempo con colaboracións con xornais estranxeiros, conferencias e os libros que escribe na súa casa de Varsovia.
As súas obras máis importantes están traducidas ó español e publicadas, case todas, na editorial Anagrama. Kapuscinski, considerado por moitos o mellor reporteiro do s. XX, preséntanos de primeira man os feitos máis importantes da segunda metade do século combinando as características do xénero da reportaxe co seu rico estilo narrativo. O resultado é un texto ameno e emocionante, narrado moitas veces en situacións extremas, que ten a facultade de describirnos os sentimentos que, sobre a marcha, provocan acontecementos que cambiaron o rumbo da historia daqueles países nos que se desenvolven de do mundo.

Facemos un repaso rápido por algúns títulos, que tentaremos ter axiña na biblioteca do instituto:
- Los cínicos no sirven para este oficio. Unha especie de manual sobre a ética do xornalista, no que o propio autor define a súa profesión como "moi difícil, fráxil, na que reconstruír a partir da memoria é sempre un problema, incluso de ética". Este libro responde a preguntas clave: ¿como contar a pobreza, a fame, a guerra?, ¿é imprescindible ter motivacións éticas para ser un bo xornalista?, ¿como moverse entre a investigación da verdade e os condicionamentos do poder?, ¿é certo que a televisión e Internet cambiaron definitivamente a forma de facer xornalismo?
- Un día más con vida en Angola. Describe a situación en Luanda, a capital de Angola, en 1975, cercada en medio do caos dunha guerra civil, abandonada polos colonos portugueses. Os cubanos acoden a apoiar o MPLA para combater ós sudafricanos que invadiron o país polo sur. Un correspondente polaco que aguanta illado nunha cidade que se derruba.


-Ébano. O noso reporteiro mergúllase no continente africano, fuxindo de lugares comúns e estereotipos. Vive nas casas dos máis pobres, cheas de cascudas, enferma de malaria cerebral, corre perigo de morte a mans dun guerrilleiro... pero sen perder a súa mirada lúcida e a súa forza narrativa para introducirnos na complexa realidade de África, coas guerras, miseria e inxustiza que atravesan a súa historia e lastran o seu presente. Posiblemente esta obra sexa o cumio do autor.
- La guerra del fútbol. Os levantamentos de Ghana e o Congo de 1960, a situación de Sudáfrica coa política do Apartheid, o golpe de Arxelia de 1965, a a guerra civil de Nixeria, a "guerra do fútbol" que enfrontou durante cinco sanguentos días a Honduras e El Salvador... Unha combinación de reportaxe e testemuña recollida nun volume que se devora máis que se le. Un libro imprescindible para entender os desastrosos efectos do colonialismo occidental en África e as súas consecuencias.
- El Imperio. O libro organízase en tres partes: os primeiros "encontros" do autor co poder ruso e soviético (años 1939-1967), as viaxes que realiza por Rusia e as repúblicas soviéticas de 1989 a 1991, e uns apuntamentos de última hora que abarcan os anos 1992 y 1993. A tese do noso autor é a existencia dunha obsesión imperial na historia da Rusia contemporánea: a creación e mantemento dun Imperio caracteriza de igual maneira a época zarista e a soviética.
- El sha o la desmesura del poder. O autor descríbenos a corte do Sha de Persia, un dos rémixes máis corruptos e crueis dos s. XX., e recompón o proceso da revolución de Jomeini, en 1980, que convulsionou toda a estabilidade política de Oriente Medio.
- El Emperador. Un libro fascinante en torno a un personaxe de excepción; o emperador Haile Selassie de Etiopía, o Rei de Reis, el León de Xudá, o Elixido de Deus, o Moi Altísimo Señor, descendente de Salomón, que gobernou o seu país como monarca absoluto durante case cincuenta anos, ata que en 1974 foi derrocado por un Consello Revolucionario.
(Parte da información sobre a súa obra está sacada das web: www.calamo.com e www.casadellibro.com)

Parécenos interesante facer un resumo dalgunhas das opinións de Kapuscinski acerca do xornalismo e a situación política e social actual, recollidas de diferentes entrevistas, que se poden atopar en Internet tecleando nun buscador o nome do autor.

"Agora temos un novo tipo de guerra. Xa non temos guerras de Estado como tales. O obxecto xa non é a conquista territorial. No mundo moderno o territorio deixou de ser símbolo de prestixio [....] O que conta é o poder económico e militar. Cambiáronse os actores e os obxectivos da guerra. Agora temos moitos actores distintos: mafias, milicias tribais, terroristas, narcotraficantes, mercenarios. Trátase de grupos armados que se indefpendizan do Estado. O Estado como tal perdeu o monopolio da violencia, rompendo cunha das definicións tradicionais da natureza de todo Estado: o de monopolistas dos instrumentos de violencia. Os actores da violencia "democratizáronse" e actúan de forma independente, e son estes grupos os que empezaron a crear novas situacións do conflicto militar"

(Con respecto á inmigración) "Os políticos non son sinceros e o problema demográfico de Europa é tremendo, ou queremos competir no s. XXI aceptando a xuventude dos inmigrantes, ou pomos barreiras e estaremos condenados a un futuro moi difícil."

"Os medios de comunicación están obsesionados pola competencia. Interésalles que non lles rouben unha noticia, pero non a busca do entendemento do que ocorre. Tamén ocorre que a televisión, pola súa tecnoloxía, non é un instrumento de análise social e antropolóxico . A conciencia do outro necesita moita investigación, tempo e paciencia e iso non o pode conseguir unha cámara televisiva."

"Antes había unha soa versión da historia, a aprendida na escola, mentres que agora temos dúas historias, a que segue escrita e a que fan os medios de comunicación, especialmente a televisión."

"O xefe pasou de preguntarte se é verdade a noticia que propós, a valorar se a noticia vende: cambiouse, pois, a verdade pola mercancía"

"Antes o inimigo era a censura; agora, a ameaza é a selección e xerarquización das noticias: non é unha censura formal, pero o resultado é máis ou menos o mesmo, porque o que non se publica non existe."

"O problema da unificación de medios crea a situación na que practicamente os oíntes e os lectores non teñen posibilidade de atopar fontes alternativas. Están condenados a unha soa versión e a un so grupo de noticias que se distribúen sen ningunha posibilidade de escoller entre diferentes fontes de información, porque esa existe nun grado moi pequena."

"O perigo non é só a centralización, senón que á cabeza dos grandes medios, moi poderosos coma a televisión, non estarán xornalistas, senón grandes empresarios ós que non lles interesa o xornalismo como tal, senón senón as ganancias financeiras. Non entenden que a nosa profesión é un caso moi especial que serve á ética e a cousas que non se poden medir con cartos."
Unha xornalista frustrada.

 

Inicio

Oferta Educativa