| |
Esta historia que vos vou contar ocorreu hai uns corenta anos,
cando moitas das estradas actuais aínda eran corredoiras
e case ninguén dispoñía dun automóbil.
Nestas condicións, ir a unha festa podíase converter
en toda unha aventura.
Era verán, comezaban as festas e o home desta historia decidiu
ir ó baile unha noite. Foi na vella bicicleta dun amigo,
que estaba sen luz. Cando voltaba á casa polo medio dun piñeiral,
divisou dous vultos, e certamente pensou que eran lobos. Seguiuse
aproximando na bicicleta, aínda que a maior parte do tempo
levaba os pés polo chan-xa vos imaxinades por que. Mentres
que se ía acercando ós vultos pensaba: "se cadra,
os dous non, pero un polo menos ha de caer"; e todo decidido
meteulle a bicicleta a un dos "lobos". Pero, para a súa
sorpresa, o que levaba a rastro diante del non era tal animal, senón
que era... ¡o sarxento! O pobre do home berráballe
ó compañeiro:
- ¡Acúdame, Raposo, acúdame que este tolo mátame!
Pero o problema da bicicleta non era só a falta de luz, senón
que tamén
estaban os freos, e por máis que o tentou o noso protagonista,
non foi quen de parar. Tal foi así que o sarxento acabou
todo magoado.
O peor foi que o pobre do home acabou durmindo no cuartel, e botaría
algún tempo máis se non fose porque o tal Raposo o
coñecía ben, e respondeu por el.
Pero isto non é o mellor; o mellor de todo é que o
home do que vos falo era... ¡meu pai!
Beatriz Rey Gosenje
S4A
|
|