| |
O gran mestre de aldea
Nilo Cea, mestre de Melide, naceu o 1 de xullo de 1919. Fillo
do mestre Don Antonio Cea e de Leonor Rodríguez da que herdou
as súas dotes artísticas.
Dende que rematou os seus estudios e ata o día da súa
xubilación, Don Nilo foi o mestre de Furelos sendo a súa
aula, a xuízo da Inspección Educativa daqueles anos,
un lugar exemplar e un caso insólito no ensino. Destacar
de Don Nilo que dedicaba moitas horas ó seu oficio procurando
materiais que facilitaran a aprendizaxe dos seus alumnos: mapas,
xogos de medidas, figuras xeométricas, letras, números,
gráficos, debuxos,... que fixeron que sexa lembrado como
un gran mestre.
Este veciño melidense era home de letras e de artes (debuxo,
pintura, talla de madeira ), home orixinal e creativo cun fondo
espírito galego e un profundo amor á Terra. No seu
legado hai que destacar unha interesante obra poética e narrativa
formada por moitos contos de escola que el deixou escritos e ben
ordenados en sete cadernos que puidemos coñecer gracias á
súa viúva, a tamén mestra Dona Matilde Sánchez,
que permitiu que se publicaran en varios Boletíns do Museo
da Terra de Melide.
Ademais hoxe podemos ver moitas das súas tallas de madeira
no novo Museo melidense e coñecer así un pouco mellor
a este destacado melidense.
Don Nilo, case cego nos derradeiros anos das súa vida, morreu
en Melide no ano 1992.
|
|