As Actividades CAS (Creatividade, Acción e Servizo)

Publicado o 18 Setembro, 2008 na sección Noticias do Programa do Diploma do BI por Isabel Flores

IB 75

SÍNTESE DA PROGRAMACIÓN

O IB ten como meta a formación integral do alumnado. As actividades CAS conforman unha parte clave neste proceso, complementando o contido académico, abrindo vías positivas para unha cidadanía responsable e solidaria e fomentando o desenvolvemento creativo, físico e social do alumnado a partir das súas experiencias de traballo cooperativo.

As actividades irán dirixidas a potenciar os seguintes aspectos:

-a participación

-a capacidade organizativa

-o traballo en equipo

-a creatividade, imaxinación, talento e solidariedade en acción

-a toma de conciencia e a reflexión sobre a propia persoa e a capacidade de crecemento

-a toma de conciencia sobre cuestións de importancia global

A programación ten un carácter máis flexible cas outras áreas, podendo o alumnado optar por un abano de posibilidades de servizo comunitario no propio centro ou en colaboración con outras entidades. A aprendizaxe experimental e o desafío persoal é unha parte fundamental deste proceso. O alumnado terá que adicar un total de 150 horas -distribuídas durante os dous anos de bacharelato- a unha variedade equilibrada de actividades CAS. Parte destas horas deberán ser realizadas fóra do horario académico.

A idea é que o alumnado de IB reciba unha formación integral de base que lle permita ser realmente internacional ao longo das súas vidas:

-ben informado e polo tanto consciente da realidade social internacional, mundial, global

-consciente da súa propia situación privilexiada dentro desta realidade e polo tanto dunha capacidade para influír nas solucións e na dirección das solucións, como cidadán do mundo

-esta posición por unha parte informada e por outra de conciencia da propia capacidade conduce a sentir a responsabilidade sobre o cambio social, a necesidade de contribuír dalgún modo ás solucións:

-a creatividade é importante para lograr facer algo diferente do que está a funcionar mal, e tamén como modo de implicación persoal. O alumnado debe ter a oportunidade de participar en experiencias artísticas ou de outro tipo que impliquen o uso do pensamento creativo.

-a acción é intrínseca ao ser humano: o alumnado de IB precisa ter conciencia non só das súas capacidades académicas senón do que o seu corpo físico lle permite e lle esixe. As actividades físicas contribúen a unha vida sa e complementan as actividades académicas. Trátase de promover un estilo de vida saudable, desenvolver novas destrezas físicas ou lograr un nivel superior nas xa existentes, de alentar á participación activa na vida social a través das actividades deportivas/físicas, e en definitiva de desenvolver a conciencia dunha boa forma e benestar físico e dun exercicio activo da ‘cidadanía’.

-o servizo é un modo esencial de coñecemento persoal ao tempo que se busca influír no benestar de diversos sectores sociais. Falamos de servizos voluntarios e non remunerados que comporten unha aprendizaxe para o alumnado e nos que se respeten os dereitos, a dignidade e a autonomía das persoas involucradas.

Os proxectos e actividades de servizo comunitario veñen sendo o elemento do Programa do Diploma con máis capacidade de transformación persoal para o alumnado; teñen o poder de influenciar ao alumnado na súa condición de cidadáns e cidadás do mundo.

O servizo conleva interacción e creación de vínculos dentro do propio centro, na comunidade local, no país, na comunidade internacional… Búscase non soamente facer cousas por outras persoas, senón tamén facer cousas con outras persoas e desenvolver un compromiso real neste contexto.

OBXECTIVOS FINAIS DE APRENDIZAXE (ao final do ciclo de dous anos)

-adquirir unha maior conciencia das propias calidades e áreas de crecemento

-emprender novos desafíos

-propoñer e planificar actividades

-traballar en colaboración con outras persoas

-amosar perseveranza e compromiso persoal nas súas actividades

-participar en proxectos e actividades sobre temas de importancial global

-considerar as implicacións éticas das súas accións

-desenvolver novas habilidades.

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo