Actualización de información: Venres, 13 - 20:00 horas

Publicado o 13 Marzo, 2020 na sección Xestión e protocolos CoVid-19, Avisos urxentes, Dirección por Alberte Zato

Nova información, venres 13 de marzo (20:00 horas) relativa a: 

PROCESO DE ADMISIÓN 

“Amplíase provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión que finalizará una semana despois do reinicio das clases.

Recoméndase a utilización preferente da modalidade telemática para a presentación das solicitudes”

O luns 16 de marzo non haberá  atención ao público. Seguiremos publicando información a medida que recibamos instruccións da Consellería de Educación. 

Esta fin de semana a páxina web do instituto e a aula virtual poderán sufrir cortes como consecuencia das labores de mantemento que se están a realizar.

INSTRUCIÓNS RESPECTO DA ATENCIÓN DO ALUMNADO

“O centro disporá das medidas precisas para facilitar a continuidade do proceso de aprendizaxe do alumnado fóra do ámbito escolar.”

Con respecto á atención do alumnado daremos instruccións nesta páxina web ao longo da semana que ven.

Máis información no portal educativo da Xunta de Galicia.


Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Novas instrucións da Conselleria de Educación en relación co COVID-19

Publicado o 13 Marzo, 2020 na sección Xestión e protocolos CoVid-19, Avisos urxentes por Alberte Zato

Novas instrucións en relación co COVID-19

Escoitar

Ven, 13/03/2020 - 13:56

Instrucións do 13 de marzo de 2020, provisionais dirixidas ás direccións dos centros educativos de ensino non universitario sobre a concreción das medidas a adoptar  en relación coa pandemia covid-19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o 16 de marzo de 2020

 

1. PROCESO DE ADMISIÓN

Amplíase provisionalmente o prazo de presentación telemática e presencial de solicitudes de admisión que finalizará 1 semana despois do reinicio das clases.

Recoméndase a utilización preferente da modalidade telemática para a presentación das solicitudes

 

2. PRESENZA DO PERSOAL DOCENTE E NON DOCENTE NO CENTRO

2.1. Establécese as seguintes previsións en relación coa presenza do persoal que se indican a continuación:

a) Educación infantil e primaria

-Centros de menos de 6 unidades

A titorización e a atención do alumnado realizarase cos medios non presenciais, telemáticos,  telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc)

-Restantes centros

Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía. Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa…, etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.

b) Resto de ensinanzas

Para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais, telemáticos, telefónicos ou doutra índole dos que dispoñan os centros e as familias (por exemplo, webs dinámicas, aulas virtuais, Edixgal, etc) establécese a presenza do persoal docente que determine o equipo directivo, sempre que non presente sintomatoloxía.

Non se terá en consideración o persoal de reforzo educativo, auxiliares de conversa…, etc. que non teñen a obriga de asistir ao centro.

c) Educación especial con servizo de residencia

Deberá existir o persoal suficiente docente, coidador e de cociña para garantir os coidados básicos do alumnado asistente.

d) Agás nos centros de educación especial con residencia, para o persoal de cociña, limpeza e persoal coidador aplicaranse as previsións do convenio colectivo para os períodos de inactividade.

e) O restante persoal de apoio e reforzo educativo non asistirá ao centro educativo

2.2. Criterios para a priorización da presenza do persoal nos centros.

De conformidade coas previsións do Acordo do Consello da Xunta de Galicia teñen preferencia para a obtención de permisos de conciliación o profesorado que teña ao seu coidado menores de 18 anos, maiores discapacitados e persoas maiores dependentes.

Para os casos nos que ambos os proxenitores teñan a condición de empregados públicos, a medida aplicarase a un deles (coa excepción de que un deles teña a condición de persoal sanitario).

2.3 No relativo ás ferramentas informáticas dispoñibles, e sen menoscabo das propias, remitirase aos centros educativos unha comunicación na que se indicarán as que están a disposición e o seu procedemento de uso.

Para consultar as ferramentas informáticas prema aquí

 

3. INSTRUCIÓNS RESPECTO DA ATENCIÓN DO ALUMNADO

3.1 O centro disporá das medidas precisas para facilitar a continuidade do proceso de aprendizaxe do alumnado fóra do ámbito escolar.

3.2 Cada centro, dentro da súa autonomía pedagóxica e de xestión, establecerá un sistema de comunicación e información co alumnado e as familias a través das ferramentas ou plataformas coas que traballa habitualmente, así como calquera outro medio de comunicación que o centro estime adecuado para esta situación.

3.3 Os equipos docentes e o restante profesorado elaborarán propostas de actividades para que o alumnado continúe co seu proceso educativo nos seus domicilios.

3.4 Prestarase unha especial atención á titorización do alumnado de 2º de bacharelato.

 

4 OUTRAS MEDIDAS DE CARÁCTER XERAL

4.1 Suspéndese todo tipo de actividade extraescolar

4.2 Suspéndese o servizo de cafetería nos centros de ensino secundario

4.3 Utilizarase como medio de comunicación prioritario coas direccións dos centros educativos o portal da dirección e o correo electrónico.

4.4 As direccións dos centros educativos divulgarán entre o persoal do centro as presentes instrucións e comunicaranas a todas as familias que as soliciten.

 

5. VIXENCIA DESTAS INSTRUCIÓNS

As presentes instrucións teñen carácter provisional, polo que poden ser modificadas en atención á evolución da pandemia.

A comunicación de calquera modificación das presentes instrucións realizarase coa maior inmediatez a través do portal da dirección.

 

Fonte: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30550 

 

 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Medidas a adoptar en todos os centros de ensino en relación coa pandemia covid- 19 para os vindeiros 14 días

Publicado o 12 Marzo, 2020 na sección Xestión e protocolos CoVid-19, Avisos urxentes, Dirección por Alberte Zato

Medidas a adoptar en todos os centros de ensino en relación coa pandemia covid- 19 para os vindeiros 14 días naturais contados dende o día 16 de marzo de 2020

Escoitar

Xov, 12/03/2020 - 19:39

MEDIDAS A ADOPTAR EN TODOS OS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO

  • Suspensión de todo tipo de actividade lectiva regulada en todos os centros de ensino non universitario. Esta suspensión inclúe tamén os servizos educativos complementarios, nomeadamente, o comedor, transporte e servizo de madrugadores, con independencia de quen sexa o organizador dos devanditos servizos.
  • Suspéndense no ámbito educativo todas as viaxes de estudos, excursións, ou calquera tipo de desprazamento de grupos de alumnado ou de profesorado.
  • Suspéndense no ámbito educativo todo tipo de festivais, galas ou actividades que impliquen a reunión de alumnado.
  • O persoal docente e non docente terá a obriga de acudir ao centro educativo. Para os efectos de favorecer a conciliación do persoal con fillos e fillas menores de 18 anos ou maiores que presenten algunha discapacidade e persoas maiores dependentes, o equipo directivo poderá reorganizar o horario de permanencia no centro educativo de cada docente ou persoal de administración e servizos, cumprindo co cómputo total anual do mesmo e debendo reorganizar as tarefas para adecuar a prestación dos servizos básicos de información, atención e tutorización non presencial da súa comunidade educativa. Todo elo dentro do horario de apertura habitual do centro. Esta medida é de aplicación ao persoal que non presente sintomatoloxía.
  • Como medida extraordinaria para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral de aquel persoal con fillos e fillas menores de 18 anos ou maiores que presenten algunha discapacidade e persoas maiores dependentes, este poderá realizar a súa actividade laboral mediante o sistema de teletraballo nunha porcentaxe non superior ao 50% do seu horario total de permanencia no centro
  • O profesorado programará nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos, accesibles ao seu alumnado, actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o seu alumnado as poida realizar no seu domicilio, e fará o seu seguimento, pero non terán carácter de avaliables.
  • Para o alumnado de 2º de Bacharelato o profesorado adoptará todas  as medidas específicas necesarias (telemáticas) para garantir de forma non presencial a continuidade das actividades lectivas dos contidos curriculares.
  • Suspéndense as prácticas de Formación Profesional (módulo FCT) que se realicen en empresas, incluídas as asociadas a Erasmus +
  • Reprogramarase individualmente para cada alumno ou empresa a actividade formativa nos centros de traballo para as ensinanzas impartidas na modalidade de FPDual.
  • Nos centros de Educación Especial con servizo de residencia NON se suspende a permanencia do alumnado, agás no caso en que presente sintomatoloxía, en cuxo caso, as autoridades sanitarias adoptarán as medidas pertinentes que garantan o non contacto co resto dos usuarios.
  • Suspéndese a permanencia de usuarios nos centros residenciais docentes.
  • Suspéndense todas as actividades de formación do profesorado que teñan carácter presencial.

MEDIDAS PARA O ENSINO UNIVERSITARIO

  • Suspéndense as actividades académicas no ensino universitario.
  • Permanecerán abertas as residencias universitarias, con servizos comúns básicos.
  • As bibliotecas universitarias poderán admitir alumnado ata un terzo do seu aforo.

Fonte: http://www.edu.xunta.gal/portal/medidas-coronavirus

 

 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Sobre a asistencia e saída do alumnado que acuda a clase mañá venres, 13 de marzo

Publicado o 12 Marzo, 2020 na sección Xestión e protocolos CoVid-19, Avisos urxentes, Xefatura de Estudos por Alberte Zato

Lembramos que mañán venres o alumnado que asista a clase non poderá abandonar o centro ata as 14:30 sen unha autorización por escrito.

Para saír do centro a familia encherá unha autorización segundo o seguinte modelo:

.pdf impreso-saida-do-centro-alumnado.pdf

 

 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Comunicado da dirección do IES do Castro sobre a suspensión de actividades académicas e outra índole en prevención do CoVid-19

Publicado o 12 Marzo, 2020 na sección Xestión e protocolos CoVid-19, Avisos urxentes, Dirección por Alberte Zato

Ante a recomendación do Presidente da Xunta de Galicia de non asistir a clase o venres 13 de marzo, o IES do Castro suspende todos os exames, probas avaliables e actividades complementarias e extraescolares mañán venres. En calquera caso o centro permanecerá aberto mañán pola mañán.

Asemade, tal e como dixo na rolda de prensa o Presidente da Xunta de Galicia  “[…]tomamos a decisión de suspender todas as actividades lectivas e extraescolares en todos os niveles educativos para os próximos catorce días[…]”.

 

Por favor, permanecede atentos a esta páxina web para futuras comunicacións.

 

A dirección

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Oferta de prazas vacantes para o curso 2020-2021

Publicado o 2 Marzo, 2020 na sección Avisos urxentes, +++Documentos e formularios de interese, Administración, Secretaría, Dirección por Alberte Zato

reserva_praza.png

 

OFERTA VACANTES PARA O CURSO 2020/21

1º ESO : 0

2º ESO : 0

3º ESO : 0

4º ESO : 0

1º BACHARELATO DE CIENCIAS : 6

1º DE BACHARELATO DE HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS: 27

2º DE BACHARELATO DE CIENCIAS : 0

2º DE BACHARELARO DE HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS : 0

 

Prazo de presentación de solicitudes en la secretaría do instituto: 

 Do 1 ao 23 de marzo 2020

 Horario: 

De luns a venres de 9:00 a 14:00
Luns e xoves de 16:30 a 18:30

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Caso de papeiras no instituto: Protocolo sanitario de actuación para as familias

Publicado o 4 Decembro, 2019 na sección Avisos urxentes, Zona Alumnado, Xefatura de Estudos, Dirección por Alberte Zato

 

xunta-sanidade.png

Información sobre a parotidite (paperas)

Estimados pais, nais ou persoa responsable:

Ante a comunicación de un caso de parotidite entre un alumno de secundaria  do I.E.S. do  Castro de Vigo  , infórmaselle de que no caso de que se seu fillo ou filla non padecera a enfermidade e que non tivese postas dúas doses de vacina triple vírica (vacina que está incluída no calendario infantil de vacinacións), debe acudir ao centro de saúde co seu fillo ou filla. Neste caso, o médico revisará o calendario vacinal, e procederase a súa actualización. A vacinación non altera a rutina diaria e pode acudir ao centro escolar con normalidade.

Se sospeitan que o seu fillo ou filla poda ter a enfermidade, cuxo principal síntoma é a inflamación da glándula salivar parótida, acuda ao seu medico ou PAC. A parotidite é unha enfermidade contaxiosa polo que as persoas diagnosticadas de parotidite non deben acudir ao seu traballo/escola ou a outro tipo actividade común (deportiva, etc) nos 5 días seguintes dende o comezo dos síntomas.

Servizo de Alertas Epidemiolóxicas

Xefatura territorial de Sanidade de Pontevedra

Documento de RECOMENDACIÓNS DE EXCLUSIÓN EN ESCOLAS INFANTÍS E COLEXIO

 .pdf

exclusion_escolas_2018.pdf

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo