- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -

Orgullosos/as do noso, Orgullosos/as do galego

Publicado por Alberte Zato o 3 Marzo, 2010 @ 8:45 pm en Remitido, Normalización e Dinamización Lingüística | 1 comentario

(Either JavaScript is not active or you are using an old version of Adobe Flash Player. [1] Please install the newest Flash Player.)

 

A CGENDL vén de presentar publicamente esta semana Orgullosos/as do noso, Orgullosos/as do galego, unha campaña que pretende transmitir no seo da comunidade educativa, e no conxunto da sociedade, un sentimento de orgullo pola lingua propia como sentimento común de todos os galegos á marxe da orixe, a ideoloxía, o credo ou a idade de cadaquén. Dende a CGENDL consideramos que a lingua galega é un elemento de unión e un rico patrimonio de futuro que nos dota de identidade e nos conecta con millóns de persoas en todo o mundo. E esa é unha das mensaxes que, no momento en que estamos, cremos que hai lanzar á sociedade.

Na páxina da campaña ([2] http://www.coordinadoraendl.org/orgullo) explícanse polo miúdo a iniciativa e as vías de participación nela. Para calquera consulta, non dubidedes en enviar os vosos correos a correo@coordinadoraendl.org.

Como se pode participar dende os centros escolares?

  1. Envío de vídeos e textos “orgullosos”:

Ao igual que un grupo de personalidades da cultura galega expresan o seu orgullo e a utilidade do galego nos dous vídeos de lanzamento, animámosvos a gravar vídeos e redactar textos nos que se exprese ese orgullo de contarmos co galego. E animámosvos a enviárnolos para seren compartidos na web. Isto non é un concurso, isto é unha campaña colaborativa feita entre todos e todas, unha pequena gran obra colectiva, o importante é participar, traballar co alumnado e lanzar esa mensaxe orgullosa. A creatividade está na comunidade educativa e as dificultades técnicas están aí para lles facer fronte: cunha cámara, un móbil ou calquera dispositivo audiovisual podedes elaborar o voso traballo.

  1. Difusión do material gráfico da campaña:

Na web ponse á disposición de todos os ENDL e do profesorado un material gráfico (camisetas, chapas, carteis, adhesivos, etc.) que se pode descargar de balde para a súa distribución. Igual que nos gustaría corresponder con agasallos e gratificar a participación aínda que fose humildemente, a CGENDL non posúe recursos de ningún tipo para editar e distribuír este material nos centros educativos. Isto depende de cada equipo mais emprazámosvos a poñervos en contacto con centros do voso contorno para editalo conxuntamente e reducir os custos, como xa se está facendo en diferentes puntos do país.

Así mesmo, pedímosvos a vosa xuda para difundir a campaña a través das webs e blogues dos centros e dos ENDL: dando conta da iniciativa, colgando os vídeos, convidando os contactos a coñecela (pódese enviar un correo dende a propia web), proxectando no colexio ou no instituto os vídeos, animando os compañeiros e o alumnado a sumarse á campaña nas redes sociais, etc.

Canle en Youtube: [3] http://www.youtube.com/user/CGENDL

Canle en Vimeo: [4] http://vimeo.com/coordinaendl

Grupo no Facebook: “Nós tamén estamos orgullos@s do galego”

Eventos no Tuenti: “Orgullos@s do Galego”

Consello Directivo

Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

[5] Related Posts with Thumbnails

1 comentario (Abrir | Pechar)

1 comentario a "Orgullosos/as do noso, Orgullosos/as do galego"

#1 Comment por Alberte Zato o 3 Marzo, 2010 @ 9:00 pm

Soamente unha discrepancia sociolingüística:

Aínda non atino a discernir a razón pola que se empeñan no uso do símbolo anglosaxón @ [at] -cun significado tan pouco ambiguo como ‘en’- para tentar agrupar os xéneros gramaticais das palabras galegas.

A opción ‘os/as‘ e moito máis axeitada e menos aberrante lingüisticamente.

Off-topic

Aproveito para comentar o aberrante uso do termo ‘violencia de xénero‘. As persoas teñen sexo; os substantivos e o seus determinantes, xénero.

Alberte Zato, catedrático de Lingua Inglesa


Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro

URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=1096

URLs neste artigo:
[1] Please install the newest Flash Player: http://www.adobe.com/de/
[2] http://www.coordinadoraendl.org/orgullo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/wp-admin/empty.html
[3] http://www.youtube.com/user/CGENDL: http://www.youtube.com/user/CGENDL
[4] http://vimeo.com/coordinaendl: http://vimeo.com/coordinaendl
[5] Imaxe: http://www.linkwithin.com/

Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.