- IES do Castro de Vigo - http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro -
As Corcerizas
Publicado por Isabel Flores o 10 Marzo, 2010 @ 3:23 pm en Sen categorizar | Comentarios desactivados

O día 2 de febreiro, un grupo de alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato E do IES do Castro iniciamos unha viaxe ata o centro de educación ambiental “As Corcerizas”, situado na Serra de San Mamede (Ourense), como proxecto do grupo de actividades CAS incluídas dentro do Bacharelato Internacional. Fomos ata alí en autobús, onde estivemos facendo algunhas tarefas de iniciación á xornada. Permanecemos alí ata o día 5, realizando actividades de voluntariado, recibindo charlas formativas sobre educación medioambiental e mellorando o ambiente do grupo. Durante a nosa estanza en dito centro, realizamos diversas actividades como a restauración de dous muíños de auga no pobo de Rebordechao, a construción de dous composteiros no centro, unha competición de orientación polo monte e unha ruta polo monte. Aloxabámonos nun albergue e dispuñamos dun comedor e un aula para as actividades de formación. As charlas formativas que recibimos foron sobre voluntariado europeo e os problemas globais que afectan ao medio ambiente. Para finalizar esta actividade, preparamos en grupos un esbozo de proxecto de voluntariado que despois presentamos fronte ás nosas compañeiras e compañeiros.
A viaxe foi unha experiencia para nós, chea de actividades relacionadas coa nosa aprendizaxe, e agora toca falar sobre as boas lembranzas que nos deixaron os catro días de aprendizaxe.
Comezaremos falando das primeiras actividades que realizamos para coñecernos mellor. Foi moi divertido cando tivemos que sinalar unha parte do noso corpo que nos picaba sen esperar cal era o obxectivo real da actividade, cando soubemos que o noso compañeiro tiña que darnos un bico no lugar no cal nos picaba, o atrevemento de algúns e algunhas na primeira fase, foi realmente graciosa para o resto.
A excursión a Rebordechao tamén é digna de ser recordada. As actividades que realizamos, aínda que nos cansaron, tamén nos encheron de alegría e complicidade co resto do grupo. Ata alí chegamos andando, á vez que escoitabamos as explicacións das monitoras e monitores sobre todo o que nos rodeaba.

As comidas tamén forman parte deses bos recordos: cantábamos cancións e faciamos bromas respecto a que, polo menos nun prato de cada comida, a cenoria era un ingrediente fundamental.
As veladas tamén foron divertidas, especialmente a primeira, na que tivemos que realizar unha serie de improvisacións en grupo á vez que participabamos nun concurso.
Obviamente hai que sinalar que esta actividade fixo que os lazos que tiñamos coas outras persoas da clase se estreitaran máis.
A nosa estancia en As Corcerizas axudounos a crecer como persoas en xeral, pero ademais, agora hai moitas cousas das que aprendemos alí que podemos aplicar na vida cotiá.


Para comezar, aprendemos a como reciclar de verdade e profundamente, separando os residuos nos diferentes contedores: xenérico, papel e cartón, vidro e, no caso de que sexa posíbel, compost e noutro para alimentar aos animais. Estas últimas separacións levaranse a cabo no caso de poder verter nun composteiro o compost e de ter animais aos que alimentar. Tamén é moi importante aprender a diferenciar o vidro do cristal, porque este último ten chumbo e non pode depositarse no contedor do vidro, polo que debe depositarse nun punto limpo.
Pero ademais de todo isto, o máis importante que aprendemos foi a convivir en grupo, xa que ao ter superada esta pequena “proba” sen incidentes, seguramente non teremos problemas para convivir no instituto estes case dous anos que nos quedan por diante. Non soamente no instituto, xa que no día a día convivimos co resto da sociedade.
Tamén se nos presentaron outras formas alternativas de vida, menos contaminantes e máis beneficiosas para o medio ambiente, xa que agora sabemos que para parar grandes problemas medio ambientais non fan falla grandes accións (que tamén), pero se dende casa realizamos pequenos xestos, estamos a contribuír en grande maneira cara a solución destes problemas.
Catro días fixéronse curtos ao mesmo tempo que longos. Pero a pegada da canseira íase facendo ver nas nosas caras e nalgún que outro humor.
Así como ao principio non se notaba tanto aquel ambiente de grupo, os cambios ían facéndose máis notables, ata a chegar ao punto no que, á hora de marchar, as monitoras e monitores dixeron que eramos unha piña.
Aínda que, claro, non sempre estiveron contentos con nós: nalgúns puntos as nosas mentes dispersábanse con facilidade. Pero realmente, ao marchar de alí, non podíamos evitar sentir un profundo afecto cara aquelas monitoras e monitores que nos introduciran nunha maneira de vivir tan distinta.

Texto: Lucía Canitrot (coordinadora), Alejandra Celada San Isidro, Ramón Nieto Domínguez,Gabriel Quintairos Rial.
Fotos: Vanesa Gómez Peña (coordinadora), Martín Dapena Ospina, Alba Lago Riádigos, Leticia López Otero.
[1]
Artigo imprimido dende IES do Castro de Vigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro
URL ao artigo: http://centros.edu.xunta.es/iesdocastro/?p=1110
URLs neste artigo:
[1] Imaxe: http://www.linkwithin.com/
Clique aquí para imprimir
Copyright © 2008 I.E.S. do Castro de Vigo. Tódolos dereitos reservados.